Cuestionario Proust: Susana Sánchez Arins
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Susana Sánchez Arins:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O humor (muitas vezes sem sentido, mas que lhe vou fazer).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A afabilidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que não sejam exigentes no conceito de amizade (pobre de mim, se não).
4.– A súa principal eiva?
– A nugalha.
5.– A súa ocupación favorita?
– Vista a resposta quatro: fazer nada.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A vida que levo mas sem as ânsias das injustiças que me envoltam (impossível, ló).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Nunca sabes como vas levar os golpes da vida, mas sempre penso que qualquer acidente/doença que me dane o cérebro (dos meus órgãos, o predileto).
8.– Que lle gustaría ser?
– Prémio Nóbel de literatura (mas sou ciente de que as minhas eivas -veja-se questão 4- dificultam o caminho).
9.– En que país desexaría vivir?
– Há tempo que fez a escolha. Vivo em Arcos de Arriba.
10.– A súa cor favorita?
– A lila de lilith ;)
11.– A flor que máis lle gusta?
– Houvo um tempo em que fui super-ulex, pola chorima do tojo, mas hoje tenho preferência polas gardénias e o seu ulido.
12.– O paxaro que prefire?
– A garça que pousa na bateia, indiferente ao rumo das dornas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Como boa apóstata, não me vão as devoções: leio de todo. Agora ando com Chimamanda Ngozi Adichie.
14.– E na poesía?
– Pois na poesia não leio de todo: resiste-se-me a barroquizante. Adoro Wisława Szymborska.
15.– Un libro?
– Um só? A toupeira que não sabia quem lhe fizera aquilo na cabeça.
16.– Un heroe de ficción?
– Orlando, da Virgínia Wolf (mas é homem? é mulher?).
17.– Unha heroína?
– Karana, a rapariga d’A ilha dos golfinhos azuis.
18.– A súa música favorita?
– Estes dias, Martírio.
19.– Na pintura?
– Adoro as mulheres afoutas de Artemisia Gentileschi.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Heróis? heroínas? Pessoas que defendam o direito de todas a viver com dignidade. por exemplo, N. Manimekalai.
21.– O seu nome favorito?
– Qualquer nome “feio” do que acabe gostando pola pessoa que o embelece: Ubaldina, por exemplo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A intransigência com os hábitos alheios.
23.– O que máis odia?
– Assim, em geral? O tomate, e o suco das uvas. Aaahhhggg!
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Aznar parece-me um tipo desprezável e desprezível, mas nem sequer entra na consideração de figura histórica (toma desprezo!).
25.– Un feito militar que admire?
– A deserção de Ramiro e Elias (Elías Rozas Álvarez e Ramiro Paz Correa).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A boa vista (sou míope).
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Passados os oitenta e cinco anos, tranquila, ciente e sem dor. Com tempo para as despedidas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A calma.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os da neinice nas meninhas, os da adolescência nas adolescentes, os da adultez nas adultas e os da velhez nas velhas. Qualquer alteração na ordem vira-me intransigente.
30.– Un lema na súa vida?
– O meu corpo, a minha festa.”
A Coruña: presentación do número 100 da revista A Trabe de Ouro
O mércores 18 de marzo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, farase na Coruña a primeira presentación do histórico nº 100 da revista A Trabe de Ouro. No acto intervirán o director da revista, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Olegario Sotelo Blanco, o colaborador Xosé Luís Axeitos e o escritor Manolo Rivas.
A Coruña, Teixeiro, Curtis, Oleiros: visitas de Pedro Feijoo a varios centros educativos
O escritor Pedro Feijoo, autor das novelas Os fillos do mar e A memoria da choiva, visitará varios centros educativos. Esta é a axenda de actos:
– Mércores, 18 de marzo:
10:30-12:00 h. Centro de Educación para Adultos do Cárcere de Teixeiro (Curtis). Encontro co alumnado do club de lectura do centro.
13:15-14:15 h. IES David Buján de Cambre. Encontro co alumnado dos clubs de lectura.
16:15-18:00 h. IES Fernando Wirtz da Coruña. Encontro co alumnado de 1º de Bacharelato.
– Xoves, 19 de marzo:
10:00-12:00 h. IES Monte das Moas de Coruña. Encontro co alumnado do centro e dos clubs de lectura do IES Ramón Menéndez Pidal e IES Agra do Orzán.
12:30-14:10 h. IES Miraflores (Oleiros, A Coruña) Encontro co alumnado de 1º de Bacherelato.
Rianxo: Catro singraduras en honra de Manuel Antonio
Compostela: presentación de Mares de Queijo, de Ramiro Vidal Alvarinho
Marta Dacosta reedita en formato dixital Cinsa
Marta Dacosta reedita o seu libro Cinsa, actualizado en edición do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) realizada por Miguel Anxo Mouriño. Trátase dunha edición dixital que pode ser descargada de balde. Cinsa foi escrito hai once anos e concibido como unha especie de álbum de poemas en que ás veces hai unha anotación gráfica: fotografías actuais realizadas por Alfredo López, Tokio, ou a propia autora; imaxes antigas ou o debuxo titulado “Cronopio e tartaruga” de Aldán López Dacosta. Neste enlace pódese descargar o libro.
Coñécense os/as gañadores/as dos XXIV Premios Irmandade do Libro
Desde Sermos Galiza:
“Que Yolanda Castaño era a gañadora como autora do ano xa se adiantara uns días antes de que a Federación de Libreiros entregara este sábado os seus premios. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, sería o recoñecido como mellor libro do ano. (…)
Canda el, fixéronse públicos os nomes gañadores das outras edicións que recaeron no IES Castro Alobre de Vilagarcía como centro de ensino, na editorial Alvarellos polo fomento da lectura, Xiqui Xoque, Fiú fiú! (Galaxia) como libro infantil e xuvenil do ano e Urco Colección Gótica como Obra editorial.
Na modalidade de librarías foi premiada O Pontillón mentres que a La Región mereceu o recoñecemento de honra dos Premios Irmandade do Libro.
A Ruta Literaria Costa do Solpor, por Xosé María Lema Suárez
Desde o blog de Xosé María Lema Suárez, Costa do Solpor e La Voz de Galicia:
“No web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de publicarse a Ruta Costa do Solpor, que se vén sumar a outros tres roteiros da zona xa existentes neste sitio da Rede: a “Ruta pondaliana” (de M. Ferreiro), a “Costa da Morte” (de F. X. Fernández Naval) e “Fisterra” (de Modesto Fraga).
Esta nova ruta conta cun total de 39 páxinas, distribuídas do seguinte xeito: a) unha sinopse introdutoria (5 páxinas); b) a 1ª parte: a ruta polos escenarios reais da Costa da Morte (26 pp.) e c) a 2ª parte: a ruta fóra da Costa da Morte (6 pp.). O texto vai acompañado dun total de 60 ilustracións, a maior parte fotografías dos escenarios naturais da Costa da Morte (50).
A sinopse introdutoria leva o evocador título «D’A Illa do Tesouro a Costa do Solpor», pois nela sintetízanse dous detalles contidos no derradeiro capítulo da famosa novela de R. L. Stevenson que deixaron a porta aberta a unha continuación da aventura. Iso é o que se conta en Costa do Solpor: o regreso da illa do tesouro, pois esta novela empeza onde acaba a obra stevensoniana.
A 1ª parte é a fundamental, pois transcorre polos principais escenarios da novela pola Costa da Morte, basicamente os concellos de Fisterra, Muxía e Camariñas, con breves incursións nos de Vimianzo e Cee. Trátase, polo tanto, dunha ruta para facer en autobús ou en coche particular, aínda que dentro dela hai tramos de poucos quilómetros para facer a pé.
O punto de partida é a vila de Vimianzo, co seu castelo medieval, e, a partir de aquí, unha viaxe con doce paradas recomendadas: a primeira paradas nas ruínas do pazo de Boallo (Berdoias), que tanto deron que falar estes días no concello vimiancés, pois na época en que esá ambientada a narración estaba habitado polo fidalgo Rodrigo Sancho de Leis e a súa familia, que son algúns dos personaxes reais da novela.
A 2ª, 3ª e 4ª paradas xa sería na vila de Fisterra e o seu cabo, pois na súa baía fora onde botara áncoras a Hispaniola para reparar os estragos dun temporal. A visita a Fisterra motiva a recitación de poesías de poetas fisterráns que inspiraron algunhas pasaxes (Móñica Góñez, A. Nerium…).
A 5ª parada sería en Corcubión, e a 6ª, 7ª, 8ª e 9ª no concello de Muxía, pois nel atópase boa parte dos escenarios principais: a casa do Crego Sabio, a furna da Buserana, a praia da Arnela, etc.
A 10ª, 11ª e 12ª paradas están no concello de Camariñas, lar nativo dos principais protagonistas galegos e onde transcorreron importantes acontecementos: o cabo Vilán, a costa norte do concello camariñán, o Monte Branco, as enseadas de Santa Mariña, A Ponte do porto, Camelle etc. Do cabo Vilán a Santa Mariña recoméndase que se faga a ruta a pé, pois nela atópanse as mellores paisaxes naturais desta ruta.
Cada unha das paradas aparece referenciada co capítulo e mesmo coa páxina correspondente na novela, para que o lector ou lectora lembre con precisión o momento. As fotos tamén van situadas estratexicamente para que a imaxinación dos lectores poda situarse no lugar e no momento.
A 2ª parte é para os lugares situados fóra da Costa da Morte, que en Galicia se remite á cidade vella da Coruña, coa Torre de Hércules. Fóra de Galicia (e de España), cítanse cidades portuarias do sur de Gran Bretaña (Bristol –de onde procedían os protagonistas ingleses-, Falmouth e Plymouth, principalmente), da Bretaña francesa (St.-Malo), de Portugal (Lisboa e O Porto) de África e do Brasil.”