Bases do X Premio de Ensaio Manuel Murguía 2015

“Asumindo a significación que, no seu tempo, tivo Manuel Murguía como un intelectual preocupado por difundir e dignificar a cultura de Galicia, convócase o X Premio de ensaio “Manuel Murguía” adicado ás ciencias históricas, de acordo coas seguintes

BASES

Primeira.- Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten ensaios de caráctre histórico referidos ou relacionados con Galicia, inéditos e non premiados en ningún outro premio o certame.
Segunda.- Establécese un premio único e indivisible, dotado con 6.500 €.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.
A Deputación publicará a obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregará ao gañador trinta exemprares.
Terceira.- Os traballos farán referencia a calquera aspecto da Comunidade Autónoma de Galicia, podendo abarcar calquera período da historia.
A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na carátula a seguinte inscrición: X Premio de ensaio “Manuel Murguía”, título da obra e lema o seudónimo; o tratamiento de texto será Word, OpenOffice, PDF.
No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A 4, e impresos polas dúas caras, ademáis deberán estar numerados, grampados ou encadernados.
A obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do NIF, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 6 de abril de 2015.
Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre X Premio de ensaio “Manuel Murguía”.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade e tres persoas de recoñecido prestixio no eido da investigación histórica.
O xurado será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para concedelo.
A decisión do xurado terá lugar no segundo semestre de 2015 e será comunicada a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación.
Se houbese unha obra finalista, a plica correspondente poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.- Non se devolverán os orixinais non premiados que, a partir do día seguinte á decisión do xurado, serán destruídos.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 25 de febreiro de 2015

O Presidente O Secretario

Diego Calvo Pouso José Luis Almau Supervía”

O teatro galego mira cara ao abismo

Desde291e6c_20150304_artes_escenicas Cultura Galega:
“Non son cifras nada alentadoras. O teatro galego perdeu case un 50% das súas funcións no último lustro. Segue habendo os mesmos espazos escénicos pero menos espectadores malia que unha recadación case similar. O impacto dos espectáculos é moito menos reducido, pero é que Galicia é a última comunidade do Estado en consumo cultural dos fogares en espectáculos. Así son os datos que amosa o último documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega.
O panorama xeral das artes escénicas en Galicia revela indicadores negativos en case todos os sectores, sendo o teatral o máis destacado. Así o revela o último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega titúlase Panorama estatístico das Artes Escénicas Galegas. A nivel empresarial, as compañías profesionais de teatro e danza experimentaron unha evolución negativa dos seus ingresos de explotación, cun aumento das perdas e un endebedamento cada vez máis alto. (…)”

A Estrada: presentación e contacontos arredor de Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado

11017546_1605694246328324_5282059286416941944_nTamén ese mesmo día, sábado 7, ás 17:00 horas, na Casa do Gato en Lalín (Rúa Ramón Aller, 5).

Fran Alonso: máis ca un escritor… un creador

EntrevistaFran Alonso de Carlos Loureiro a Fran Alonso en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Nas túas novelas o real e o ficticio soen ir moi da man… Será que esta nosa sociedade camiña ben máis cara ao ficticio afastándose da realidade?
– Fran Alonso (FA): En boa medida, realidade e fantasía son indisolubles. Na vida real a ficción é necesaria para soñar, para crear, para comunicar, para desenvolverse, para innovar, para vivir. E iso sucede desde os tempos das cavernas.
Os límites entre realidade e ficción, ao abeiro das novas tecnoloxías, é o tema que abordei en Ninguén, incluída a cuestión pola que preguntas, a de se a nosa sociedade camiña cara ao ficticio afastándose da realidade. Nós, ata o de agora, entrabamos desde o mundo real ao plano da ficción a través da creatividade e do soño. Agora, coas novas plataformas lúdicas e de comunicación, a ficción entra nas nosas vidas, moitas veces sen pedir permiso, e instálase nelas, facéndose difícil distinguir entre o que é real e o que non o é. Os hoax, por exemplo, responden a esa nova realidade, e eu mesmo tiven que avisar a varias persoas que me enviaban mensaxes por Facebook de que as mensaxes que estaban a difundir, en nome da solidariedade, era en realidade, ficción. E se a miña filla, por exemplo, se lesiona esquiando sen saír da casa, como pode suceder, eu teño que levala ao médico, iso non quere dicir que nevase onde vivo senón que os videoxogos (a wii, neste caso), fan que a ficción lle provoque unha lesión real. E iso, literariamente, é moi atractivo.
Por outra banda, os novos xeitos de control do pensamento e do comportamento e as simulacións a través das novas tecnoloxías, os perfís persoais e o avatar sitúannos nun plano próximo á ficción, onde a imaxe e a proxección dunha realidade fabricada ten tanta importancia que acaba sendo asumida como certa. Camiñamos, para ben ou para mal, cara a esa confusión. Camiñamos cara un tempo distinto, a sociedade dixital. (…)
– NG: E entramos na túa abundante literatura infanto-xuvenil. O que primeiro nos chama a atención é o teu interese en empregar este tipo de narrativa para achegar aos lectores máis novos á propia literatura galega (María Mariño, Novoneyra, a propia poesía…). Se xa é difícil escribir para estas idades, moito máis ter a sensibilidade e intuición para megullalos na propia literatura, non cres?
– FA: As biografías de María Mariño e Uxío Novoneyra foron algo máis circunstancial na miña obra, das que aprendín moito. Meterte na pel doutra persoa real, distinta, é unha aprendizaxe de humildade. A poesía infantil interésame moito e cada vez máis. O meu gato é un poeta trata de explicala, en boa media, e de forma lúdica. Eu mesmo trato de explicar a poesía no meu espectáculo de animación poética A poesía é un globo. Para min é un reto asumir un certo enfoque divulgativo. Creo que o que a cultura galega máis precisa nestes momentos é, precisamente, capacidade de divulgación. Pero escribir para esas idades –sen esquecer a especificidade do destinatario– non é máis difícil que escribir para adultos. É unha cuestión de sensibilidade, simplemente. Ademais, as fronteiras son difusas: O brillo dos elefantes está publicado nunha colección infantil e Cartas de amor está publicado nunha colección xuvenil, pero ambos os dous libros poderían estar publicados nunha colección de adultos. Quen define hoxe o que é e o que non é a literatura infantil é o destinatario. (…)
– NG: Rematamos cerrando o círculo e volvendo ao mundo editorial. Como ves o mundo editorial en galego nestes momentos transitorios onde ten que compartir espazo coa literatura na propia rede?
– FA: O problema da industria editorial en Galicia non son as pantallas. Eu non son apocalítico, como Philip Roth. As pantallas son o futuro e hai que aprender ese futuro. O gran reto da industria editorial galega é a lingua na que se expresa. E iso sábeo moi ben o poder político reaccionario, por iso ataca no punto débil. A rede, a estas alturas iniciáticas da historia, é unha oportunidade, e unha oportunidade que non debemos desaproveitar nin, por suposto, menosprezar. Eu xa estou aí. Levo máis dun ano traballando exclusivamente online. Foi un proceso esgotador, un proceso moi duro e caro, pero que me anovou o entusiasmo. Precisamos entusiamo. E eu creo que o resultado dese proceso creativo é un primeiro paso relevante de literatura electrónica para a cultura galega. Estou moi contento co resultado. As pantallas son futuro inevitable. (…)”