A
sexta feira 16 de outubro, ás 20:00 horas, en Paideia Galiza (Praza de María Pita), na Coruña, a Agrupaçom Cultural O Facho organiza, dentro do ciclo Economia e História da Galiza, a conferencia O reino suevo, feita por Anselmo López Carreira.
Vigo: presentación de Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo
O
venres 16 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Jacobo Buceta e Manuel Bragado.
Lugo: presentación de Amor en alpargatas, de Manuel Portas
O
xoves 15 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Amor en alpargatas, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Alberte Rodríguez Feixóo e Manuel Bragado.
Compostela: Cartografías literarias. Curso de escrita creativa, por Antía Otero (Apiario)
CARTOGRAFÍAS LITERARIAS. CURSO DE ESCRITA CREATIVA
Duración: 10 sesións.
Data de inicio: 16 de outubro.
Días: venres de 19:30 a 21:30 h.
A quen vai dirixido: a aquelas persoas que comezan a escribir ou xa o fan interesadas na relación entre palabra e imaxe, escrita e outras artes, con independencia do xénero no que acostumen traballar. Unha oportunidade para adquirir ferramentas, redescubrir e compartir a lectura.
Descrición: Cartografías literarias está dirixido *s interesad*s na literatura en xeral, con independencia do xénero no que acostumen a traballar. É unha viaxe con mirada horizontal a través da Literatura e outras artes partindo de diversos conceptos e propostas prácticas para a escrita. O seu obxectivo básico é o de achegar *s asistentes á trama literaria, facendo fincapé nos resortes do texto e na alquimia entre a técnica e o impulso. Coa mestura da teoría e da práctica, camiñando as pegadas que van deixando *s grandes autor*s, buscarase a escoita dun xeito personalizado, aportando chaves e ferramentas que axuden á elaboración de textos cunha voz propia.
Metodoloxía: serán dez sesións (20 horas) organizadas en dous bloques. Os encontros estarán vertebrados por unidades temáticas e achegamento a diferentes autor*s da literatura galega e universal. Propostas de escrita. Debate continuo. Crítica, valoración e seguimento dos textos creados. Lecturas. Visionado de material audiovisual.
Programa Bloque I
As palabras e os inicios. O eco.
Pescudar na cartografía. Deixarse atravesar.
Entre o abstracto e o concreto.
Do tema á constelación. Listas e caixas. Organizar.
Enfoques.
O impulso e o preverbo.
Da sensación á emoción.
A acción.
Escribir: Chantal Maillard, Virginia Woolf, Marguerite Duras, Boris Vian, John Berger, Ana Romaní, Lois Pereiro.
Programa Bloque II
Tecer: sustantivos, verbos, adxetivos…o que se oculta e desvela.
Tallar un texto: atopar a escultura.
O silencio, o tempo e o espazo.
Ir ao micro.
O infraordinario.
Do literario ao interdisplinar. Mirada transversal. Palabra e imaxe.
Samuel Beckett, Jorge Oteiza, George Perec, Chantal Ackerman, Jonas Mekas, Gustav Deutsch, Louise Bourgeois.
Toda a información e matrícula en:
Espazo Aberto. Escola de Teatro e Danza.
Rúa de San Pedro, 48 baixo. Compostela
info@espazoaberto.net
981588290 – 650066083
Ledicia Costas: “O Premio Nacional é un recoñecemento á miña obra, pero tamén á literatura nunha lingua minorizada que se abre paso”
Entrevista
a Ledicia Costas na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A novela [Escarlatina. A cociñeira defunta] trata o tema da morte, mais con humor e combinándoo coa cociña. Que tal mesturan?
– Ledicia Costas (LC): En Galicia temos unha tradición importantísima tanto arredor do mundo da morte como arredor da cociña. A miña intención era xuntar ambos os dous elementos e sempre dende o humor, o humor macabro. Ao principio parecíame unha obra arriscada, nunca tes moi claro se vas conseguir conquistar o público ou non. Pero o tema emocionoume e sempre procuro esa premisa: escribir sobre cousas que a min me emocionen para conseguir emocionar os demais. Se o consegues, é fabuloso.
– RAG: E que é o que máis a emociona cando coñece nos centros de ensino e nas librarías os seus lectores e lectoras?
– LC: O realmente emocionante durante todo o pasado curso, no que visitei máis de cen centros de ensino, foi chegar a unha biblioteca e atopar mesas cheas de larpeiradas “É fantástico crear unha comunidade lectora, contaxiar a rapazada para que no futuro siga sendo lectora na nosa lingua” que a rapazada elaborara a partir das receitas do libro. Con el creouse un dobre entusiasmo: primeiro gastronómico e logo pola obra. Iso é fantástico, crear unha comunidade lectora, e contaxialos para que os rapaces e rapazas sigan no futuro sendo lectores na nosa lingua.
– RAG: Na nosa tradición e na nosa literatura, como dicía, está ben presente o tema da morte. Pero vostede tamén se confesa seguidora do cine de Tim Burton. A Escarlatina debuxada por Víctor Rivas para o libro lembra, de feito, algo á Noiva cadáver.
– LC: Si, aquí o primeiro referente que temos da morte é Castelao, Un ollo de vidro. E logo nesta obra hai moitos referentes infantís meus. Está, un pouco disfrazado, Miyazaki, que é xunto con Tim Burton o meu director de cine; están as series que eu mamei de pequena, como As bólas do dragón, está Roald Dahl… Está todo aí, o universo infantil que eu atopei e que quixen poñer nesta obras. (…)
– RAG: Vostede pertence a unha xeración que xa puido ler na infancia máis en galego, tanto obras propias como traducións. Que importancia tivo iso no seu caso?
– LC: Eu fun escolarizada en galego, con toda a normalidade. Fun unha rapaza que falaba castelán e que se pasou ao galego grazas a como se trataba o galego na escola e ás lecturas. Agora son escritora en lingua galega, e creo que todo iso llo debo a esa xeración que sentou as bases. (…)”
A Coruña: presentacións de Francisco A. Vidal e Uxío-Breogán Diéguez
Madrid: presentación de No tempo de “Follas Novas”, en edición de Pilar García Negro
A Coruña: presentación de O rebumbio dos vagalumes, de Alberte Santos Ledo
I Excursión da ruta Costa do Solpor, o sábado 17 de outubro
O
Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza a primeira excursión en autobús da Ruta Costa do Solpor para o sábado 17 de outubro de 2015.
Trátase dunha ruta turístico-literaria de un día que percorre os escenarios naturais da novela Costa do Solpor (finalista Premio Xerais 2011 e Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria) de Xosé Mª Lema, na súa maior parte de grande interese paisaxístico, tal como se describen na sección O Territorio do/a Escritor/a da web da AELG, concretamente aquí. Visitaremos, entre outros lugares de interese: as ruínas do pazo de Boallo; litoral fisterrán, coa visión dos “espidos peitos da muller enfesta” e da “montaña Vermella”, o porto de Fisterra e o castelo de San Carlos; a casa natal do Crego Sabio; litoral muxián: cabo de Touriñán e punta da Buitra, praia da Arnela, monte Cachelmo e a furna da Buserana; a vila maldita de infausto nome; litoral camariñán: cabo Vilán, a “Area Escorredía”, o Penal do Veo e a Serra das Penas Rubias; Valverde; os Coídos Xemelgos de Santa Mariña do Tosto; os valados litorais de Camelle e o Museo de Man.
O guieiro será o propio autor da novela.
– Saída de Vimianzo ás 10 da mañá do 17 de outubro.
– Xantar no Restaurante O Pinar (Os Muños-Muxía), ás 14:30 horas.
– De volta en Vimianzo: sobre as 8 da tarde.
– Prezo por persoa: 25 € (inclúe transporte en autocar e xantar).
Por rigorosa orde de inscrición. Se houber máis solicitudes de inscrición que prazas disponibles, daráselles prioridade aos socios/as.
Para anotarse, contactar con semescom.info@gmail.com Sigue lendo
María Solar: “Son escritora porque o levo dentro”
Entrevista
de Carlos Loureiro a María Solar en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): ”A literatura é a arte de escribir algo que se le dúas veces; o xornalismo, a de escribir algo que se le unha vez.” Se puideres vivir de calquera das dúas facetas, quedaríaste coa perpetuidade do escrito literario ou co fuxidío do xornalístico?
– María Solar (MS): A perpetuidade do literario eu creo que está, lamentablemente, un pouco esvaecida nos últimos anos. Cada vez ter un clásico é máis difícil e o mercado nútrese das novidades. En todo caso, o xornalismo é a miña vida, e a escrita a miña paixón. Pero todo son caras da mesma necesidade que é a da comunicación. Síntome comunicadora por natureza. Sexa na radio, na tele ou nos libros contamos historias, facémosllas chegar ás persoas. Eu presento sempre para alguén, non lle falo a unha cámara, fálolle a unha persoa que me escoita e me ve. Nos libros igual, escribo para quen me le. A diferenza é que nun son historias reais, e no outro, invéntome mundos propios.
– NG: Na actualidade da nosa literatura vemos que aquela máis dirixida cara lectoras e lectores de menor idade está a pasar por un momento realmente álxido… Por que a túa pluma se dedicou até agora a escribir para estes receptores?
– MS: Non sabería dar unha razón. Non son consciente de que a haxa. Simplemente a idade a quen me dirixo márcama a historia que quero contar. Pero ollo, calquera dos meus libros teñen un solo pero non un teito. Pódenos ler nenos pero tamén maiores, para iso traballo con niveis de lectura, de xeito que o adulto profundiza máis nalgunhas claves que os nenos pasan por riba. E realmente creo nesa literatura “para todos os públicos” como o cine. (…)
– NG: Por que xogares coa mestura do absurdo e o onírico para chegares a un mundo infantil-xuvenil? Ah, e poderíase definir esta novela [O meu pesadelo favorito] como “obra infantil de humor absurdo”, tal e como apareceu por aí?
– MS: A novela é unha historia de humor absurdo e moito máis. Ten reflexión, ten critica social, fala das persoas diferentes, de que te fagan sentir raro, da perda dun ser querido… e de mil cousas máis, e está envolta no humor e tamén no absurdo como pilar creativo.
– NG: Dende logo que ás veces a realidade supera á ficción, como se soe dicir, pero é difícil encontrarmos literatura infantil-xuvenil sen o recurso do marabilloso, da ficción, non?
– MS: En O meu pesadelo favorito tiña claro que quería ter dous planos narrativos un, nunha realidade absurda (porque ás veces non hai nada máis absurdo e irreal que a realidade), e o outro no mundo dos soños e a febre, que me permitía crear os seres máis fantasiosos como Dinorrinco, Hipodrilo, O doutor Ensaio, O extraterrestre ZZC5, o bar das mentiras ou a propia Alicia que serve de ponte de unión entre mundos, e aínda que está presente en toda a historia só aparece cara o final. Eu divertinme facendo ese xogo entre o posible e o imposible. (…)”


