Narón: espectáculo Océano para terrícolas, sobre o libro Contos do mar de Irlanda, co seu autor, Xurxo Souto
Teresa Moure: “O Amor escreve-se em maiúsculas e o amor é entrega”
Entrevista
de Xosé Mexuto a Teresa Moure en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: Por que o teu interesse pela figura de Lenine e os seus avatares sentimentais?
– Teresa Moure: Não me interesso pela figura de Lenine e, aliás, parece-me perigoso que se possa fazer essa leitura. Eu interesso-me pela figura de Inessa Armand que é uma bolchevique que passa à história infelizmente apenas como a amante de Lenine. Foi muito maltratada pela historiografia oficial, também pela marxista. Mas como acontece tantas vezes, quando narras a vida duma mulher importante na história, aparece aí um homem e todas as olhadas se concitam para vê-lo a ele.
Eu sabia que havia essa dificuldade, mais acho que Inessa vale tanto a pena que mesmo vou correr o risco de que se calhar os leitores não se sintam convocados por Ostrácia porque invoca o leninismo, a Lenine e por tanto o leninismo. E vou-no correr porque ela merece uma restituição histórica. E, bom, há uma série de circunstâncias pessoais que me levaram a me interessar por Inessa Armand que já estão relatadas no próprio romance. (…)”
Os Vilares, Guitiriz: homenaxe a Xosé María Díaz Castro
Compostela: A literatura portuguesa despois da revista Orpheu, no Ciclo Nexos, o sábado 17 de outubro
O sábado 17 de outubro, ás 12:00 horas, na Biblioteca e Arquivo de Galicia, terá lugar unha nova sesión do Ciclo Nexos, organizado pola Cidade da Cultura de Galicia, coa colaboración do Instituto Camões e a Rede Internacional de Universidades Lectoras, co título A literatura portuguesa despois da revista Orpheu, que propón unha viaxe ao último século da literatura portuguesa, con parada en dous nomes aplaudidos pola crítica e por varias xeracións de lectores. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. | Relatorios: Antonio Cardiello, doutor en filosofía, investigador, editor e consultor da Casa Fernando Pessoa, mostraranos o nacemento e acollida da revista Orpheu; Rosa Maria Martelo, profesora da Facultade de Letras da Universidade do Porto, investigadora, ensaísta e poeta, achegaranos ao universo creativo e vital de Herberto Helder; Lídia Jorge, un dos nomes máis relevantes da prosa portuguesa (condecorada en Portugal coa Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique e en Francia como Dama das Artes e das Letras) falará da súa escrita e das súas lecturas; finalmente Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Santiago de Compostela lerá, nos intersticios, textos da revista Orpheu, de Herberto Helder e de Lídia Jorge.
– 13:30 h. | Proxección da curtametraxe: As deambulações do mensageiro alado (12’). Rareza audiovisual realizada en 1969 por Edgar Gonsalves Preto. Un anxo deambula por Lisboa cando encontra nun café a Herberto Helder con A colher na boca, iniciando así unha parodia do poeta e dos seus títulos de máis sona.
A reserva para poder acudir ao acto pode realizarse aquí.”
Lugo: presentación de Xeixos, de Suso Lista
O
venres 2 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), de Lugo, preséntase Xeixos, de Suso Lista, publicado por Embora. No acto participa, xunto ao propio autor, o editor Miguel Toval.
Sarria: presentación de Oenach, de Marcos Abalde, e entrega do XV Premio Vergara Vilariño a Charo Lopes
Cuestionario Proust: Luz Campello
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luz Campello:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo pola vida, a espontaneidade, a rebeldía metida en fariña, a resiliencia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía, o sentido do asombro, a autenticidade do corazón.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un lugar, algún recuncho onde compartir emocións e experiencias vitais, unha rede vinculeira que nos dea seguridade nos saltos ao baleiro.
4.– A súa principal eiva?
– A falla de puntualidade, a loita coa xestión do tempo, gostaríame que fose máis plástico, poder estiralo ou encollelo, atrapalo ou desbotalo, xogar con el.
5.– A súa ocupación favorita?
– Falar, ler, compartir emocións, vibrar, observar o mundo, pensar, esfollar e virar do revés todas as afirmacións, todas as negacións e todas as verdades e mentiras aprendidas. Desaprehender(me), mergullarme na vida e tentar descifrar os seus códigos secretos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentirse fachendosa dunha mesma, con independencia vital e coherencia interna, apropiada dese sentimento do “amor universal”.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a cabeza (a capacidade de autogoberno) ou non poder comunicarme ou sentir.
8.– Que lle gustaría ser?
– A muller que son, en constante proceso de aprendizaxe e empoderamento, comprometida coa contorna e co tempo que estou a vivir.
9.– En que país desexaría vivir?
– No país da utopía, nese que nos fai dar pasos cara a el, onde o centro sexan as persoas (o máis libres e autónomas posible). Non me gostan as fronteiras, son de transversalidades, de transgredir os límites.
10.– A súa cor favorita?
– Góstame a diversidade de cores, coma unha amálgama sensitiva necesaria. Os verdes por riba doutros verdes, as cores mornas e douradas dos campos maduros, as cores sobrias e apagadas do centro e do norte de Europa, as nosas cores oceánicas, o abano das cores vivas da India e das tribos indíxenas de América do Sur e de África, os espazos brancos nas pinturas orientais. Podería seguir até a metamorfose completa, ha ha ha.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O proceso de floración da natureza paréceme un espectáculo magnánimo, esa explosión de vida…, coma un espertar, un renacer multiforme de cores e aromas. Na miña memoria teño as flores da infancia, a flor das maceiras, a flor do toxo e da carqueixa, a flor de sabugueiro, ás veigas de árnica, os campos de margaridas…, fermosísimas.
12.– O paxaro que prefire?
– As bandadas de estorniños coas súas filigranas sincronizadas, os cantos do cuco, o berce da rula, as anduriñas, o pardal…
13.– A súa devoción na prosa?
– Herta Müller, Joyce Carol Oates, Marcela Lagarde e a nosa grande filósofa María Zambrano.
14.– E na poesía?
– Versos e versos de distintxs autorxs, que me atravesan e quedan a vivir na miña pel. Aínda que prefiro as voces femininas, as voces silenciadas, a palabra contracorrente, quizais un pouco marxinal, na periferia, ese lugar onde aínda estamos as mulleres no mundo.
15.– Un libro?
– Dous. O home é un grande faisán no mundo, da romanesa de orixe alemá, Herta Müller, unha alegoría a esa ave que, tendo ás, non pode voar. Por favor, cuida de mamá, da surcoreana Shin Kyung-Sook.
16.– Un heroe de ficción?
– Polgarciño, que ben poidera ser Polgarciña, a percorrer o mundo, a explorar sen medo a acabar no bandullo dunha vaca, porque sempre haberá algún xeito de saír, aínda que sexa no medio dunha bosta…, as bostas tamén son unha aprendizaxe enorme, ha ha ha.
17.– Unha heroína?
– A grande María Pita, unha muller que rompeu todos os canons da época moderna e non parou de medrar e transgredir. Minosvalorada polas voces patriarcais, reducida a unha lenda local e a unha estatua na praza do Concello da Coruña.
18.– A súa música favorita?
– A música de raíz e a música de fusión, como a miña identidade. A música da natureza como parte da vida cotiá.
19.– Na pintura?
– Sempre Van Gogh, o meu amado, incomprendido e revolucionario, na arte de pintar.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Milleiros de mulleres que están sostendo o mundo nas súas costas, que están a facer tecido social nunha contorna fracturada e chea de fendas, as coidadoras, as aleitadoras, as nais, as matriarcas galegas, as mulleres de África, as árabes, ás asiáticas, as de América do Sur… ELAS son mulleres, heroínas todas.
21.– O seu nome favorito?
– Simona e lúA (pola simbolismo na miña apropiación do A).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de capacidade crítica e de criterio propio, o vitimismo deshonesto, porque son un posicionamento demasiado doado, demasiado covarde.
23.– O que máis odia?
– A intransixencia e os fanatismos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A multitude que cala, podendo facer outra cousa. Non nos podemos permitir quedarnos de brazos cruzados, nin mirar para outro lado ante tanta inxustiza, como por exemplo as matanzas de mulleres que se están a dar en todos os países, simplemente polo feito de selo. Non nos podemos baleirar de responsabilidade e quedar impunes, porque incluso ”a pedra máis insignificante pode cambiar o rumbo da avalancha”.
25.– Un feito militar que admire?
– Todos os que conleven “depoñer as armas”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de multiplicarme en días de 48 horas (pero case o consigo, ha ha ha).
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Co sosego de ser (ou “ter sido”), sen dor física, nin espiritual.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegría e excitación pola vida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os relacionados coa vulnerabilidade humana, coa nosa propia fraxilidade como seres humanxs.
30.– Un lema na súa vida?
– Cruzamos a lagoa, porque non sabiamos que era infranqueable. Non pararnos ante o imposible, sempre podemos cambiar as cousas, superar barreiras.”
Compostela: presentación de Interferencias, de Manuel Seixas
Xoaquín Fernández Leiceaga: “Quixen fuxir do típico na literatura galega, que está feita dende a oposición franquista; interesábame a historia dos vencedores”
Entrevista
de Alberto Ramos a Xoaquín Fernández Leiceaga en Praza:
“(…) – Praza (P): Agosto de memoria e morte é a súa estrea literaria. Como viviu enfrontarse a unha primeira novela?
– Xoaquín Fernández Leiceaga (XFL): É unha dedicación moi diferente. A creación ten as súas regras, pero tes a posibilidade de crear o teu mundo. Eu escribo, mais até agora escribín en base á realidade, tentando entendela mellor. Dende o punto de vista persoal, significa un esforzo. Escribir leva un tempo importante de documentación, de ordenación, reflexión e escritura. É un traballo, sen dúbida, moito máis solitario que dedicarse á cousa pública.
– P: Falamos dunha novela negra, na que temos un protagonista principal, Miguel Santos, que investiga un par de asasinatos na vila de Noia durante os anos do Tardofranquismo. Pero por outra banda, hai outro fío narrativo que se centra no período da República e a Guerra Civil.
– XFL: Pensei xustamente a novela así, como unha especie de simbiose entre dous períodos que me interesan moito. A vida dos personaxes transcorre entre a República e a Guerra Civil e o final do franquismo. Iso culmina unha vida enteira. Falamos dunha serie de personaxes que ao redor de 1930 teñen quince anos e que no ano 72, xa van chegando á idade da xubilación.
Para a miña xeración, o momento fundacional en termos sociais é a Transición. Este libro non conta a transición, queda ás portas, intentando explicar como eran os comportamentos sociais no franquismo nunha vila galega nesa época. Pero para a xeración de meus pais e tamén para os meus avós, a República e a Guerra Civil significaron o momento forte da súa vida. Polo tanto, interesábame situar aí a historia.
Despois, efectivamente é unha novela de xénero. Gústame a novela negra, sobre todo a menos autorreferencial, esa que contén outras cousas non explicitamente, pero que si emprega a realidade como pano de fondo. Non sei, ocórreseme falar neste sentido de Vázquez Montalbán ou Paco Ignacio Taibo. Despois, xa no título hai unha referencia á novela Agosto de Rubem Fonseca, na que se indaga no suicidio de Getúlio Vargas, que vai nesa liña de mesturar o xénero negro con referencias históricas. E logo, claro está, Agosto do 36 de Fernández Ferreiro. (…)”




