A terza feira 16 de setembro, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conversa do escritor angolano Ondjaki, xunto a Felisa Rodríguez Prado e Carlos Quiroga, que se fará extensiva ao público asistente.
Manuscritos: Manuel Curros Enríquez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Deixo hoxe aquí, mercé á colaboración xenerosa da Fundación Penzol, unha carta datada en 1887 que Curros lle envía desde Madrid a Gumersindo Buján, cando este xa era xuíz de primeira instancia e instrucción en Viana do Bolo.”
A Coruña: inauguración da exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López
O martes 16 de setembro, ás 13:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), Xesús Alonso Montero inaugura unha exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López, que estará aberta desde este día até o 7 de outubro. Durante o acto presentará as publicacións Manuel Rodríguez López, que recolle os contidos dos dezaseis paneis da exposición e Antoloxía poética, editada por Santiago Rodríguez e Xesús Alonso Montero, con comentario deste último. Participarán tamén no acto Antonio Giz, Irene López (viúva do escritor), José Manuel Mato e Anxo Lorenzo.
Convocado o 3º Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoræs da AELG
Convocado o 3º Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, baixo o título Contar con-tento. Teoría e práctica da narración oral.
Organiza: Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Aulas: Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, Rúa Quiroga Ballesteros, Lugo.
Duración: 26 horas / 13 sesións semanais de 2 horas cada unha.
Imparten: Isidro Novo (6 sesións), Antonio Reigosa (6 sesións) e un especialista (Ana Carreira) en narración oral (1 sesión).
Participantes: 25 (maiores de 15 anos).
Calendario: Os martes 23 e 30 de setembro, 7, 14, 21 e 28 de outubro, 4, 11, 18 e 25 de novembro, 2, 9 e 16 de decembro de 2014.
Horario: de 18:00 a 20:00 horas.
Inscricións:
No Rexistro Xeral do concello de Lugo, Ronda da Muralla s/n.
»» FORMULARIO Solicitude Xeral concello de Lugo.
As inscricións realizaranse desde o 30 de xuño até o 12 de setembro de 2014.
Terán preferencia os alumnos/as asistentes aos 1º e 2º Obradoiro de Narración Oral, celebrados en Lugo en 2012 e 2013.
CONTIDOS
-Consellos básicos e exercicios prácticos para narradores orais.
-Recursos non verbais dos contadores.
-Improvisacións dialogadas.
-Oralización. Ferramentas para adaptación de textos escritos.
-O noso contar/cantar e o doutras culturas.
-Ensamblar micro-historias para construír unha gran historia.
-Polo San Martiño, contos ao camiño.
O 11 de novembro desenvolverase, coa participación do alumnado asistente, unha sesión práctica, aberta ao público, no Salón de Actos do Centro Social Uxío Novoneyra.
-Clase maxistral de sobre técnicas de narración oral.
-4 sesións prácticas en centros de convivencia xestionados polo Concello de Lugo.
Máis información: Oficina da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) 981 13 32 33 / oficina@aelg.org
A viaxe á illa, de Isaac Xubín
Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) O poema A viaxe á illa pertence ao libro Con gume de folla húmida, de Isaac Xubín, que foi Premio Lorenzo Baleirón en 2011, e incorpora un acompañamento musical de Tetsuo (Lluvias). Volvo reiterar que estas iniciativas sinalan un camiño ben suxestivo, hoxe, para a divulgación da poesía.
Anxos Sumai estrea espazo web con vida literaria propia
Desde BiosBardia:
“A nova web da escritora Anxos Sumai (anxossumai.com) é de momento, un espazo no que localizar facilmente a súa obra e os seus datos biográficos, cun deseño áxil e limpo. Mais a intención da narradora é dotala de vida propia a través da creación literaria específica para a páxina electrónica.
De momento, na sección de Relatos, Sumai incluíu textos xa publicados noutros medios, caso da revista Grial, o xornal El País ou Xurdimento, boletín do Centro Galego de Lleida. Mais entre estes, destacan dous títulos que permanecían inéditos até agora: “Doce sensación de amor”, datado no 2011 e “Claustrofobia”, rematado no 2008.
“Claustrofobia” é un relato que se pode definir como de terror, co habitual estilo de intriga psicolóxica que tan ben domina a autora catoiresa. Consegue con mestría traspasar a lectura do plano cotián a un plano literario neste caso aterrador.
“Doce sensación de amor” tamén ten como centro a cotidianidade. Desde a ollada dun neno de cinco anos, con grande economía de medios, Sumai tece unha arañeira de emocións encontradas, cun final moi aberto.
Cada relato dos publicados até o momento vai acompañado dunha fotografía realizada pola autora.
Anxos Sumai pretende ofrecer novos relatos especificamente creados para a web ou rescatados do seu material inédito.
Xurxo Souto: “No Gran Sol os galegos descubrímonos a nós mesmos”
Escribir nas marxes, por Lara Rozados
Reportaxe de Lara Rozados na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Outro setembro volvémonos xuntar en Salvaterra do Miño para partillar poesía, música, encontro, e si, tamén bebida. O XXVIII Festival de Poesía do Condado, co lema “Escrever nas margens”, xuntou unha chea de xente unha vez máis a pasada fin de semana, o venres 5 e sábado 6 de setembro, acampando arredor da Muralla, montando postos de artesanía, de pequenos negocios, asociacións ou colectivos, recitando, tocando, cantando, bailando, ou ben paseando e gozando da festa sen máis. Unha festa destas que nacen da xente e para a xente.
A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado continúa, case tres décadas e varias xeracións despois (ás que roldamos a trintena empeza a desacougarnos a cantidade de cativada e pre-cativada, ou barrigas, para ser máis clara, que se atopa no festival), loitando por esta festa, con escasos apoios institucionais, pero moito da propia xente. Dicía Lara Soto (quen loce unha das barrigas destas das que falo) cando presentaba a Blues do País, ao inicio da Noite nas Minas, que custa traballo facerse ver, pero aí seguen. Pouca xente, pero con moita gana e moito que dicir. E así arrincou, desde esa marxe física e simbólica que é a fortaleza á beira do Miño, unha nova edición do festival. (…)”