Artigo
de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“O diario violeta de Carlota (Gemma Lienas, 2011, Galaxia) é precisamente iso: un diario que escribe unha adolescente chamada Carlota. Non existen, polo tanto, nesta narrativa, espazos de fantasía ou irreais. Carlota escribe sobre o mundo que a rodea.
O día do 14 aniversario de Carlota, a avoa Isabel dalle como agasallo un caderno rosa cunha mancha violeta e non sabe moi ben qué facer con el. A súa outra avoa, Ana, propónlle analizar a realidade desde outra perspectiva porque “Todos os elementos machistas vánsenos metendo dentro do cerebro sen que no deamos de conta. Precisamente para sermos conscientes, temos que poñer unhas lentes violetas(*) e miralo todo cuns ollos novos, con ollos feministas (*) (p. 22) xa que “as lentes violetas que me permiten ver- deixando á parte esa mirada masculina que nos ensina a sociedade- o significado real de moitas situacións” (p. 141) Desta forma, Carlota realiza enquisas, cuestiona a familiares e persoas coñecidas, observa os medios de comunicación desde a óptica da igualdade para ir descubrindo as grandes diferencias no tratamento entre homes e mulleres en cuestións como o sexo, relacións e diferenzas laborais, educacionais, etc. Afectada por todos os datos que recolle decide crear ACOMI (Asociación Contra Os Modelos Impostos, p. 122) para dar a coñecer os resultados das súas pesquisas e implicar non só o seu círculo máis próximo senón, incluso, a colectividades doutros centros educativos porque “temos que loitar contra calquera discriminación” (p. 151).
Aínda que na versión galega hai algunha colocación pronominal que dificulta a súa lectura (“Así pois, convencinche para escribires o teu diario violeta?”- p. 22-, “E que queres que lle eu faga?” -p. 79-, “É que a min me gustan as mozas…”-P. 119-), en xeral, esta historia está narrada con moita naturalidade e sentido do humor. Búscase, polo tanto, un achegamento á persoa que le sen victimizar as mulleres, sen atacar aos homes e cunha linguaxe próxima á utilizada na adolescencia para facer unha análise de diferentes aspectos. Ademais inclúe, no final, un glosario no que se explican e detallan as palabras e conceptos que poidan resultar complicados.
Sen ser unha novela nin un manual, este diario pon riba da mesa aqueles interrogantes que, hoxe en día, están de plena vixencia: as expresións que, aínda que non se usen con intención de facer dano, teñen tintes machistas por tradición, a crueldade coa que se califica o físico das mulleres, os hábitos aprendidos como que o rapaz teña que tomar a iniciativa nunha relación amorosa, etc. E, sobre todo isto, Carlota apréndenos a reflexionar cunha sinxela regra da inversión coa que, dándolle a volta á nosa forma de ollar as cousas, descubriremos (e incluso nos sorprenderemos) que a realidade está chea de prexuizos e desigualdades. Si. Prexuízos e desigualdades que, unha vez detectados, teñen solución. E Carlota convídanos a xuntarnos nese esforzo.”
A Guarda: homenaxe a Francisco Álvarez Koki
Mona Imai e Alejandro Tobar fanse co premio Plácido Castro de Tradución
“O
xurado da décimo cuarta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou hoxe en Pontevedra recoñecer o labor dos tradutores Mona Imai e Alejandro Tobar.
A xaponesa Mona Imai concorreu nesta edición cunha tradución da obra Botchan, novela do escritor e poeta nipón Natsume Soseki, publicada por primeira vez en 1906. N. Soseki é o pseudónimo literario de Natsume Kinnosuke (1867-1916), profesor de literatura inglesa, escritor de haikus e de poesía chinesa. Botchan baséase na experiencia do propio autor como docente e narra as aventuras dun profesor natural de Tokio e que choca coa xente de provincias coa que convive. Trátase dunha das obras máis populares e lidas en Xapón nos últimos cen anos.
Alejandro Tobar concorreu coa tradución O forasteiro misterioso, de Mark Twain, a derradeira novela que intentou realizar este autor estadounidense. O centro da obra é un comentario social que aborda as súas ideas acerca do sentido moral.
O xurado destacou, no caso da tradución de Mona Imai, a sutileza e a capacidade para traer para o galego unha obra creada nunha cultura distante como a xaponesa, e tamén, no caso de Alejandro Tobar, a viveza do estilo e a naturalidade da lingua que leva a un pracer lector certamente estimable.
Integraron o xurado desta edición: Susi Castro Sineiro (Fundación Plácido Castro), Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Camiño Noia Campos (Asociación de Tradutores Galegos), Xosé Antón Palacio (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Antón Santamarina (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.
Pontevedra, 3 de Xuño de 2015.”
Cambados: No bico un cantar 2015. Nenas e nenos cantan a Cabanillas
Guitiriz: presentación de Inventario do prohibido, de Luz Campello
A Coruña: entrega dos premios dos Concursos Literários da A. C. O Facho
A
sexta feira 5 de xuño, ás 18:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, entregaranse os premios literarios convocados pola A. C. O Facho en 2015. Entre as persoas premiadas, figura Carlos Labraña, que obtivo o premio do Concurso de Teatro Infantil.
Tabela dos Libros de xuño de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso. Nela danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Retomarase a andaina nos primeiros do mes de setembro. Boas vacacións e felices lecturas!”
Ourense: actos destacados do xoves 4 na Feira do Libro
O
xoves 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 19:30 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, da Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor Fernández Freixanes.
– 20:30 h. Ramón Caride presenta O frío azul, da colección Alcaián, de Urco Editora.



