Presentouse o II volume das Obras Completas de Bautista Álvarez
Desde Sermos Galiza (a foto provén da mesma fonte):
“Ao pé do centro de interpretación do xacemento castrexo de San Cibrao das Las, no concello ourensán de San Amaro, presentouse o sábado 3 de maio o II volume das Obras Completas de Bautista Álvarez, publicadas pola Fundación que leva o seu nome. No acto participou o histórico nacionalista, así como o museólogo Felipe Senén e a profesora e directora xeral da Fundación, Pilar García Negro.
“Aproveitando o escenario no que se desenvolveu o acto lembrei que a arqueoloxía ou a etnografía forman parte dun pasado histórico que chega até os nosos días, non son un depósito baleiro senón que forman parte do valor distintivo nacional da Galiza”, afirma García Negro sobre a súa exposición, na que afirmou que “Bautista Álvarez é un creador de ideoloxía que está inserido na mesma secuencia de pensadores de Castelao ou os irmáns Vilar Ponte”. (…)”
Teresa González Costa: “Sempre hai alguén que precisa dunha vítima para reafirmarse no poder económico ou social”
Entrevista de Montse Dopico a Teresa González Costa en Magazine Cultural Galego:
“(…) Os santos nunca dormen é unha novela sobre a importancia da memoria para saber quen somos. Sobre o mal que poden facer “os secretos” que “espreitan nas fendas de cada individuo e aniñan nas covas do colectivo”, tal como explica a autora. Unha obra que, como as súas creacións anteriores, reivindica a sensibilidade como “algo básico” que se “está perdendo nun mundo que prescinde, cada vez máis, do físico, do orgánico”.
– Montse Dopico: Nada máis comezar, un médico preséntase como mediador entre o protagonista, Jeremías, e o lector. Por que esa figura intermedia?
– Teresa González Costa: O psiquiatra que introduce o diario persoal do protagonista é un home especial, porque lle dá importancia a aspectos que a maior parte do tempo obviamos, pensando que a realidade é unicamente o que temos diante. É un home que ve alén das aparencias e que sabe ler os símbolos. Por outra banda, é un adulto razoable e reflexivo que ten que tratar con temas difíciles e duros, aínda que estes aparezan tratados con humor, lixeireza e mesmo comicidade. A narración de Jeremías, o protagonista, precisaba de alguén así, con autoridade pero con moita sensibilidade, para que a súa historia saíse á luz. Como di o psiquiatra, Jeremías nunca publicaría o seu libro. Vaino facer el, o doutor Laconte, un home que vive entre dous mundos necesarios. Dous mundos que Jeremías, como un cronista, foi vivindo e ao mesmo tempo anotando. (…)”
A Coruña: conferencia de José Paz Rodrigues sobre Galiza e Tagore
O mércores 7 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, José Paz Rodrigues pronunciará a conferencia Galiza e Tagore, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.
A literatura homenaxea o teatro na entrega dos premios da AELG
Desde Sermos Galiza:
“Antes do comezo da cerimonia de entrega de premios anuais da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no Teatro Principal de Pontevedra, coñecíanse xa os nomes gañadores, os resultantes por elección da asemblea de socios e socias. Dos outros, foron sorpresa até que a escritora Antía Otero foi abrindo cada un dos sobres. O teatro, en todas as súas facetas, ía ser o grande protagonista do máis solemne acto anual da asociación da literatura, na vontade de recoñecer o esforzo de profesionais, entidades e institucións que pulan por unhas artes escénicas ás que a crise está batendo con forza.
A intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, no inicio do acto, argumentou as razóns de que autores e autoras quixeran dedicarlle o seu ano a quen fai posíbel que o pano continúe a subir cando o peso é aínda máis forte. “Os escritores e escritoras galegos cremos na nosa cultura” comezou o presidente da AELG nun discurso no que incorporou os duros datos do mundo editorial como son o peche de 45 bibliotecas e a perda do 38% de traballadores e traballadoras desde 2008. Aproveitou tamén para reclamar, máis unha vez, un Panteón de Galegos Ilustres “laico e que máis cedo que tarde sexa de propiedade pública” e definiu, mentres comentaba a viveza da conmemoración do día de Rosalía en centros escolares e concellos, como “unha ofensa a nosa dignidade como pobo”, que continúe pechado o seu acceso ao público. (…)”
Onte, onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Declarouse onte Bernardo Atxaga un siareiro absoluto do título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, confesando que mesmo chegou a empregalo, con modificacións, nun limiar para unha edición estranxeira dalgunha obra súa e de aí o título deste apuntamento. Con todo, debo comezar por sinalar que supuxo unha fortuna onte poder acompañar a Anxos Rial, concelleira de Cultura de Pontevedra, Mercedes Queixas, secretaria da AELG, e ao escritor vasco, no Pazo de Mugartegui con ocasión dunha conferencia que ditou baixo o título de Reaccións ante unha pedra riscada.
Por veces todo aquilo que atesoura unha obra literaria ou, cando menos parte dela, pode ser revelado nun discurso de pouco máis de media hora. Iso foi o que aconteceu onte cun discurso que contrapuxo, ou confrontou, as interpretacións dos trazos peculiares dunha pedra que se derivarían dunha lectura materialista-científica ou doutra que se derivaría de aplicar unha clave imaxinativa. Polo medio circularon os asombros, os medos, as maxias, os bosques, as pantasmas, as paisaxes da conciencia e a subxectividade para chegar a Rousseau, cando na literatura comeza a rastrexarse algo íntimo e persoal, e concluír nas orixes da escritura, no pranto contido no Gilgamesh onde, por certo, se atravesaba un río que se chamaba Ulla. Velaí, finalmente, como a explicación máis subxectiva dos riscos distintivos que posuía aquela pedra, o que no fondo hai na literatura, pode ser unha lectura tan válida, ou máis, para enfrontarse á vida como a outra.
Para min, que lera aquela Obaba fascinante en castelán, hai xa vinte e cinco anos, onte supuxo un verdadeiro día de festa. Eskerrik asko, Atxaga. Grazas tamén a Paz Castro polas fotografías: arriba, de dereita a esquerda, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bernardo Atxaga, Mercedes Queixas e Antía Otero).”
Santa Cristina, Oleiros: presentación de Marxinados, de Pepe Carballude
Tabela dos Libros de maio, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boa lectura!»
Santa Cruz, Oleiros: charla-coloquio de Armando Requeixo arredor de Xosé María Díaz Castro
O martes 6 de maio, ás 10:30 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Centro Cultural As Torres) de Santa Cruz, Oleiros, terá lugar unha charla-coloquio sobre o escritor Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas, a cargo de Armando Requeixo. Esta actividade, organizada polas bibliotecas municipais de Oleiros, está dirixida a alumnado de 3º e 4º de ESO do Instituto Neira Vilas e do Instituto Miraflores e nela participaran sobre 160 alumnos/as e 9 profesores/as destes centros.