A Pobra do Caramiñal: presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila

O venres 25 de abril, ás 20:30 horas, no Liceo Pobrense (Rúa da Paz, 27) da Pobra do Caramiñal, a Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia, a Libraría Ler da Pobra do Caramiñal e o Liceo Pobrense, presentan o número 94 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como a presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. No acto, xunto á autora, intervirán María Xesús Blanco, Encarna Pego e Isabel Santos.

Madrid: presentación de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña

O venres 25 de abril, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Histórica Marqués de Valdecilla (R/ Noviciado 3, Madrid), o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid, dentro da IV Semana Complutense de las Letras, presenta Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, publicado en Xerais. No acto, presentado por Carmen Mejía, participan, xunto á autora, Vicente Araguas, Fermín Bouza e Antón Patiño.

Arteixo: presentación de Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga

O venres 25 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga, guía literaria onde se recollen os principais atractivos do municipio.

Bases do VII Certame de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns

A Entidade Local de Morgadáns en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos convoca o VII Certame de Poesía VICTORIANO TAIBO – ENTIDADE LOCAL DE MORGADÁNS dotado con TRES MIL (3.000) € que se rexerá polas seguintes

BASES

1.- Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións.
2.- Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.
3.- De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou autoras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo:
Apartado 30
36380, Gondomar
(Pontevedra)
4.- Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
5.- O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2014.
6.- O xurado estará presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, ou persoa na que delegue, e actuará como secretario o Director do IEM, ou persoa na que delegue, ambos con voz pero sen voto. Estará constituído, ademais, por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7.- A obra premiada será publicada polo IEM na colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.
8.- O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9.- Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10.- O feito de participar supón a aceptación destas bases.

Gondomar, a 22 de abril de 2014″

Compostela: presentación de As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval e Maribel Longueira

O xoves 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval (texto) e Maribel Longueira (fotografías), publicado en Baía Edicións. No acto, xunto aos autores, participan Belén López Vázquez, Soledad Pite e Manuel Rodríguez.

A Coruña: presentación de De Vida ou Morte, de Maria José Castelo

A sexta feira 25 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto-A Torre-Atochas (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro de poemas De Vida ou Morte, de Maria José Castelo Lestom, publicado por Editora Humana. No acto, xunto á autora, participan musicalmente César Morán e Sapoconcho.

#engalegoleo – Día do Libro, 23 de abril

O día 23 de abril celébrase en todo o mundo o Día do Libro. Conscientes da relevancia desa data, e da importancia do libro e da lectura no conxunto da cidadanía, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), xunto á Compañía de Radio Televisión de Galicia e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), botan a andar unha iniciativa, a través da web da CRTVG e de Twitter que, baixo o hashtag #engalegoleo, pretende animar o conxunto da cidadanía a recomendar un libro en galego, a explicar por que lles gusta ler, que é a literatura para cada un…
En definitiva, trátase de darlle, no Día do Libro, protagonismo esencial á lectura como unha fonte de pracer e compartilo co resto dos internautas-lector@s-escritor@s que ese día queiran participar.
A páxina web de referencia é esta, pero pódese acceder a través do dominio xeral desde un banner habilitado para tal efecto.
Queremos animarvos a participar ese día e a que espalledes entre as vosas amizades e contactos esta iniciativa.