Xavier Seoane: “A poesía do último medio século precisa unha hermenéutica máis afinada que arrebole clixés”

Entrevista de Montse Dopico a Xavier Seoane en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Comexa xa o libro [Espiral de sombras] con títulos que conteñen termos como derrota e destrución. Hai un eu colectivo definido como “estirpe morta”. “Somos os fillos da eiruga señorial/ e a vara clientelar/ do cacique e o raposo”, di a voz poética. Todo o libro pode interpretarse, así, como unha historia de Galicia en clave épica. Era a idea?
– Xavier Seoane (XS): Quizais antes debería dicir que a poesía non é unha actividade plenamente transparente, cartesiana, cristalina… Por iso, o que eu poida dicir sobre o meu libro non deixará de ser unha certa impostura: unha reflexión racional, conceptual, sobre algo que nace de instancias agachadas da nosa psique, que o propio poeta, como calquera persoa, descoñece. E eu creo que neste libro non é precisamente escasa a afluencia do subconsciente, do instintivo… Teño a sensación de que hai moito elemento simbólico, mítico, irracional, catártico, emotivo, intuitivo… cuxa descodificación se me escapa. Por iso creo que o libro pode ter moitas lecturas.
Que trata do país, da súa historia, da súa (chamémoslle así, se é que iso existe e pode ser nitidamente perceptible) “identidade”, dos seus mitos e soños, da súa fisicidade natural, atlántica e antiga, da súa cultura, de elementos arqueolóxicos e etnográficos do seu vivir, da súa cultura popular, da dura aculturación que sufriu … é evidente. Entre outras cousas, porque eu vivo aquí, e todo penetra nun desde cativo, ou, se queremos crer no do “subconsciente colectivo”, a través do legado que nos dan no paquete xenético e vital.
Que tamén, no libro, hai, creo, bastante do que podiamos chamar arcano e auroral, e en certo modo cósmico ou cosmogónico. Pero eu creo que tamén hai moitas outras cousas. Creo que está o malestar recente polo modo en que se está realizando o proceso de globalización, ese triunfo deshumanizador do neoliberalismo, esa destrución de tantos logros históricos, sociais e culturais… E creo que tamén hai moito de min mesmo. De vivencias directas ou indirectas. Dos meus. Elementos, vivencias ou lembranzas puramente persoais E outras que proceden da experiencia tanto física como inmaterial do lugar e da cultura que un vive…. O que pasa é que me dá a sensación de que na recepción do libro vai prevalecer, con moito, a visión que ti mesma recolles e expós. (…)
– MD: Tampouco deixas de apuntar ao presente. Ao poder “da gravata rosa/ e os ollos pitoños”. Hai, neste sentido, neste poemario, con respecto aos teus anteriores, un sentido de fondo máis político? Pode que haxa unha conciencia, en poetas da túa xeración, da necesidade actual de facer máis explícitas este tipo de cuestións?
– XS: Toda a actividade humana é en boa parte filla do genius loci, é dicir, das influencias do lugar, e do zeitgeist, do espírito do seu tempo, do momento que se vive. A contrarrevolución “conservadora”, marcadamente autoritaria e retardataria, que estamos vivindo, e a crise absoluta de valores que arrastra (sociais, políticos, morais, culturais…), así como o intento de reducir o individuo a un mero produtor, a un suxeito movible e desarraigado, están a incidir na creación cultural do noso momento. Non é unha cuestión xeracional nin dunha arte concreta.
Abrangue de cheo, pola súa gravidade e transcendencia, o noso momento. Canto á cuestión xeracional que me preguntas, confeso que, malia a pertencer a unha gran xeración de poetas, adianto que non creo demasiado nas xeracións. Creo que as persoas que tenden a obsesionarse con estas cuestións son en xeral as que menos saben ou teñen que dicir poeticamente. A min, que procuro achegarme ao que me guste, veña de onde veña e de quen for, o que me atrae é ir directamente aos textos, concretos, contantes e soantes, e aos autores como tales. O das xeracións é unha convención necesaria para certas cuestións de estudo, de organización, de clasificación… Mais eu confeso ser moi huxleiano. Prefiro ir aos textos: aí é onde está, fenomenicamente, todo. O resto… quizais é o que chamamos, ou alomenos Verlaine, literatura. (…)”

Vigo: actos arredor de Rosalía de Castro o luns 24

O luns 24 de febreiro ás 12:00 horas, no Auditorio do Concello de Vigo (Praza do Rei), Fernando Pereira Bueno, autor de Rosalía de Castro. Imaxe e realidade, impartirá unha conferencia a escolares da cidade sobre A imaxe da maior icona visual de Galicia, nun acto onde participarán Isaura Abelairas, Manuel Bragado e o autor.
A partir das 18:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), terá lugar unha lectura, en varios idiomas, da obra de Rosalía en colaboración coa Universidade de Vigo e o Voluntariado de Vigo. Deseguido, ás 20:00 horas, Fernando Pereira Bueno, falará de Rosalía de Castro. Imaxe e realidade para o público en xeral.

A cultura galega, a nosa angueira, comunicado conxunto da AELG, a Asociación Galega de Editores e Gálix

A CULTURA GALEGA, A NOSA ANGUEIRA

O panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás

Hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios.

A defensa da oralidade e das expresións orais, soporte de comunicación básico e primordial para garantir o futuro da nosa lingua e da cultura tradicional do noso pobo determinounos a non renunciar ao legado histórico recibido, procurando a resistencia á invisibilidade e negación desde o reforzo colectivo, aproveitando plataformas, medios e soportes de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico. A consciente necesidade de continuar con criterio progresivo a apostar pola creación e difusión da cultura que facemos e en cuxos valores potenciais acreditamos, arraigada no imaxinario e expresión lingüística propios, motivou a tradicional interconexión con outras culturas que define a nosa, para partillar o escenario plural da diversidade global e pular pola formación das novas xeracións produtoras e consumidoras de cultura.

A confirmación sucesiva das alertas e ameazas de inacción dos postulados oficiais do actual Goberno galego, coincidentes coas do actual Goberno de España, reforzou o noso compromiso para coa sociedade á hora de ofrecerlle un produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a todos os formatos e sectores cidadáns. Abonda citar para confirmalo medidas fortemente gravatorias e impositivas para o seu desfrute individual e colectivo, que non sofren outras actividades de ocio, de cualidades formativas e educadoras ben cuestionadas, como os espectáculos futbolísticos ou taurinos, como acontece coa suba do gravame do IVE cultural até o 21%.

Significativo resulta apelar desde o Goberno galego ao herdo rosaliano, neste proactivo ano en que a cidadanía non cansou de ler, musicar, interactuar e interpretar, para maior admiración e recoñecemento, a modernidade da obra e pensamento rosaliano a nos aloumiñar e falar hoxe desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo, ao mesmo tempo que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se elimina de raíz o Día de Rosalía do Calendario do Libro e da Lectura, logo de ter impedido nos últimos anos que esa data, 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, formase parte do calendario escolar como data conmemorativa referencial próxima.

Sorprendente semella parabenizarse dos recoñecementos a nivel estatal dos nosos creadores culturais cando desde o Goberno se desvirtuaron os mesmos premios homónimos galegos, anulando a súa identificación como cultura nacional, así como a dotación económica.

Mais a destrución da cultura galega escúsase decote en motivos económicos e acúsase de ser un produto illado, dependente e subvencionado, mentres percibimos as intencións espúreas dos que ao pór a garabata xa non saben falar a fala nai, a fala dos avós que teñen mortos.

Desde 2009 loitamos contra a redución da presenza da nosa lingua nas aulas, un elemento fulcral para o sostén da nosa cultura, mesmo por motivos económicos, se nestas escuras tebras en que vivimos haxa quen só entenda estes argumentos. Porque a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas culturais en galego para acompañar a docencia ou para servir como actividades complementarias ou extraescolares se traduciría en incremento do PIB, isto é, emprego e riqueza, que se multiplicaría tamén fóra do ámbito docente e dentro do corpus social.

Unha redución que vai conseguir que o proceso de desgaleguización comprobado que viven as xeracións máis novas non poida ser debidamente freado e perdamos así a sociedade futura que debería manter viva a nosa cultura e se perden a fala non serán ninguén.

O ano 2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento dos sectores culturais, tamén xeradores de fortaleza económica como industria cultural, o que, desde actitudes desafiantes e provocadoras, se concretou na asfixia económica que pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.

Non son alleas á política cultural do actual Goberno galego (redución drástica de fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas -un 64,8% menos- e das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos) situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total.

Tampouco é inocua á realidade dramática das compañías de teatro galegas nin aos datos que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estadística confirmando o peche de 45 bibliotecas públicas en Galiza entre 2008 e 2012, o que converte o noso país na comunidade que máis espazos públicos de lectura e acceso á información perdeu en todo o Estado, mentres que neste o balance é positivo. Sorprenden neste contexto as recentes declaracións do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, calificando o pasado ano 2013 como “ano vizoso para a cultura galega” (!).

Entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza da vacina protectora para non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.

Recoñécennos alén das nosas fronteiras. Creadoras e creadores galegos son premiados fóra de Galiza e mesmo a lingua galega é recoñecida lonxe das súas orixes, pois o certo é que a cultura galega e quen a produce podería competir, se de tal se tratase, a todos os niveis e en calquera lugar. Mais, pola contra, é sistematicamente esquecida por aqueles que deberían ser os seus primeiros valedores, por aqueles que deberían esforzarse cada día do seu mandato por buscar fórmulas de proxección da nosa cultura, por buscar recursos para actividades culturais que, ademais, creen emprego e, por tanto, riqueza.

Non aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria, por iso seguiremos soñando coa chuvia e desorballando os prados e prendermos o lume que quente a lareira da que seguen a nacer proxectos. Entre todas e todos, seguiremos a lembrarlle a quen debe representarnos que os números non serven para saber que altura é o reino do paxaro e que tamén precisamos da palabra para alimentar o espírito, a palabra nos libros, na escena, no pentagrama. Seguiremos creando con gracia ou sen ela, na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos.

E é tanxíbel, porque nunca é tan posible como cando é un desexo.

Galicia, febreiro de 2014

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG

Asociación Galega de Editores, AGE

Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX

A Coruña: presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila

O venres 21 de febreiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca González Garcés (Rúa Miguel González Garcés) da Coruña, preséntase O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Rubén Ruibal e Alberto Ramos.

Vigo: presentación de Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo

O venres 21 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Gonzalo Navaza e Manuel Bragado.

A Coruña: obradoiro de poesía a cargo de María Canosa

“Neste obradoiro leremos diversos textos poéticos para mellorarmos a comprensión lectora e para coñecermos a variedade de voces que poboan a poesía actual. Traballaremos na valoración da estrutura, o contido e a emoción do texto. Tamén poremos de manifesto a necesidade dunha actitude receptiva cara ao poema e mesturaremos a obra poética con outras artes e medios audiovisuais.
A metodoloxía que seguiremos comezará por ler textos poéticos moi diversos. Despois dunha segunda lectura, analizaremos as composicións e escoitaremos os distintos puntos de vista de cada lector sobre un mesmo texto.

Obxectivos
– Facer unha achega á poesía de maneira relaxada aos tópicos tradicionais para deixarse seducir por ela
– Potenciar a escoita como primeira aproximación aos textos
– Converterse en críticos dos propios textos creativos, encontrar a propia voz lírica e perder o medo

Datas: Mércores, do 12 de marzo ao 2 de abril
Horario: De 19:00 a 21:00 h.
Lugar: Centro Sociocultural Fundación Novacaixagalicia da Coruña (Cantón Grande, s/n)
Duración: 8 h.
Prezo: 40 €
Docente: María Canosa
Coordinador: Polisemias.
Prazas: 20.

Inscrición en Servinova.
De non chegar ao número mínimo de inscricións (7 persoas), o obradoiro cancelarase e devolverase o diñeiro da inscrición polo mesmo método por que se realizou o pagamento. En caso de cancelación, avisarase por correo electrónico ou por teléfono con un día de antelación.”