O
luns 18 de maio, ás 20:30 horas, na Cervecería New York en Bertamiráns (Ames), terá lugar a presentación da novela Amor en alpargatas, de Manuel Portas, publicada en Xerais. No acto, organizado por Ames Novo, participa, xunto ao autor, María López Sández.
Convocado o 15º Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia
Videopoema de Eli Ríos, do poemario Doe tanto a túa ausencia
Lara Dopazo gaña o Certame Francisco Añón de Poesía 2015 con Ovella
Desde
o Portal Galego da Língua:
“Lara Dopazo Ruibal, natural de Marim, foi a ganhadora do certame Francisco Anhom de Poesia na ediçom de 2015, dotado com 1.200 €. Segundo o júri, o poemário ganhador, Ovella, salienta polo «trabalho de precisom» da autora, numha «esturtura longa, nada fácil de trabalhar» em que também «destaca o trabalho com as imagens».
O júri também concedeu dous accesit para os poemários Ani(vers)ario, de Vicente Vázquez Vidal (Melide) e Nomearte é morrer un pouco menos, de Manuel Otero Boquete (Ames).
Na seqüência do ato de entrega dos prémios participárom, entre outras pessoas, Verónica Martínez Delgado, autora do prefácio de Doe tanto a túa ausencia, de Eli Ríos, obra ganhadora em 2014. Também foi apresentada uma coletânea dos trabalhos apresentados em 2014.”
Ismael Ramos fálanos d´Os fillos da fame, o libro co que gañou o Premio Johán Carballeira de poesía
Finou María do Carme Kruckenberg, Socia de Honra da AELG
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer público o seu pesar polo pasamento da escritora María do Carme Kruckenberg, nomeada no ano 2006 Socia de honra pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, da que foi vicepresidenta en 1986, termando da asociación coa valentía e a coraxe precisas, apostando firmemente por unha continuidade necesaria.
Os restos mortais da poeta foron trasladados ao tanatorio de Pereiró, na súa cidade natal, Vigo. Logo dunha breve cerimonia relixiosa e antes da súa incineración, celebrarase ás 18:00 horas de mañá domingo, 17 de maio, unha homenaxe cívico-poética na que amigas e amigos de María do Carme leran a súa obra.
Vigo: Paseos polo Vigo literario, o 16 e 23 de maio
Paseos polo Vigo literario
é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Todos os paseos con saída ás 11:30 horas.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán).
Inscrición por orde de chegada do correo. Prazas limitadas: 50.
Sábado, 16 de maio: María Reimóndez
Saída: Praza de Independencia – Parada de taxis de Álvaro Cunqueiro.
Fronte ao desenraizamento, ela escolleu transplantarse, botar raíces aéreas e traer canda a si a montaña ao mar. Gaia, a protagonista de En vías de extinción, percorre diferentes espazos mais a súa vida aséntase xa de forma definitiva na cidade ampla que acolle, de brazos abertos, o indómito e biodiverso. Vigo é tamén o espazo de intersección entre o ficcional e o vital para María Reimóndez quen neste percorrido nos levará polos espazos desta obra e compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela A música dos seres vivos. (Prégase traer calzado cómodo. Cans benvidos).
Sábado, 23 de maio: Francisco Castro
Saída: Praza da Constitución.
Desde a Praza da Constitución desprazarémonos ata a Porta do Sol, ao edificio onde estaba ubicado El Pueblo Gallego, que serviu de inspiración para recrear o Eco de Vigo, o xornal onde traballa o pai do protagonista. Baixaremos cara o Teatro García Barbón, para parar na antiga sede da churrería ‘Bonilla’ de camiño cara á rúa Luis Taboada, rúa que albergaba a enigmática imprenta da novela Tes ata as 10. A Praza de Compostela-Alameda e o Porto Deportivo encamiñarannos cara á estatua de Xulio Verne, protagonista da cidade e da novela Tes ata as 10.
Paseos pola Coruña Literaria, con Xurxo Souto, o 16 de maio (prazas cubertas)
As pedras percebeiras da Torre de Hércules (Ruta de Ulyses Fingal), Xurxo Souto.
Sábado, 16 de maio, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Praia de santo Amaro.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas , A Coruña é unha fin do mundo –Torre de Hércules, Torre de Breogán–, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal (Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Concha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro… Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta –dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.
NOTA: agradecemos ao público o seu interese nesta actividade, que levou a que xa se cubrisen todas as prazas.
Queremos Galego!: mobilizacións polo 17 de maio, Galego, garantía de futuro
O sábado 17 de maio, ás 12:00 horas, terán lugar as seguintes mobilizacións de Queremos Galego! 8 actos centrais de Queremos Galego! Neles será lido o manifesto Galego, garantía de futuro. Os espazos concretos das mobilizacións son os seguintes:
– A Coruña: Diante do Teatro Rosalia de Castro (rúa Rego de Auga).
– Ferrol: Praza do Cruceiro (Canido).
– Lugo (ás 11:30 h.): Praza Anxo Fernández (tras o concello).
– Ourense: Praza da Imprenta.
– Pontevedra: Praza da Peregrina.
– Ribadeo: Catro Rúas.
– Santiago de Compostela: Praza das Pratarías.
– Vigo: Cruce da Vía Norte con Urzaiz.
MANIFESTO: GALEGO, GARANTÍA DE FUTURO
O galego garantía de futuro, ten pasado e presente. É a máis grande obra colectiva do pobo galego. Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo.
O galego ten presente porque malia o decretazo contra o galego, as reformas na administración, a limitación de recursos que permitan usalo na xustiza, na sanidade; malia a continua utilización de toponimia deturpada no transporte e sinalización en estradas, vilas e cidades; malia a súa exclusión da igrexa ou de empresas que reciben abondosas axudas públicas; malia todas as dificuldades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nel con absoluta normalidade, usámolo sempre, en todo e para todo, facéndoo por nós útil e vivo.
Mantémolo a pesar de termos un goberno que a través dun decretazo reducíu a súa presenza no ensino ou o prohibiu para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía. Mantémolo aínda que por acción ou omisión a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís.
Usámolo os 365 días do ano, os sete días da semana e as 24 horas do día, non só o 17 de maio. Insistimos no uso da lingua porque é a nosa, a de todos e todas as galegas, e queremos que viva e vivir nela, porque é a existencia de Galiza e porque existir é a nosa maior necesidade.
Hai unanimidade en que os datos estatísiticos sobre o uso do galego na xente máis nova supoñen un grave problema. Mentres, o goberno da Xunta, que debe a súa propia existencia á lingua galega, só mostra falsa preocupación ou realiza hipócritas declaracións sobre o noso idioma.
O goberno que lexislou contra o galego quere facernos crer que co anuncio dun suposto Plan para elaborar un documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, xa está solucionado o problema do descenso do uso do galego e todas as limitacións para a súa normalidade. A lingua galega non precisa propaganda. Precisa accións concretas a favor dela como as xa aprobadas unanimemente hai dez anos, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e sobre as que só tivemos retrocesos. O galego precisa tamén dun goberno que deixe de lado a irresponsabilidade e asuma as funcións que ten encomendadas, apoiando un amplo movemento que neste momento actúa en solitario todos os días.
A Xunta de Galiza ten que defender a lingua non só porque é a súa obriga mais tamén porque é o principal factor de cohesión social e de unidade, e porque ningún pobo pode progresar de costas ao seu idioma.
Hai outros gobernos, como os das institucións locais, que deberían estar máis próximas ás sensibilidades e preocupacións dos cidadáns e cidadás, onde tamén se poden aplicar as medidas contempladas no Plan xeral de normalización da lingua galega, para repor a nosa lingua en todos os espazos que nunca debeu perder e para restaurar o seu uso como lingua propia e oficial. Aínda así, son cada vez máis os que exclúen a lingua galega, nomeadamente dos servizos externalizados ou privatizados.
O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego.
Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, nas escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza e na administración. Queremos galego e precisamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos, para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país.
Por iso hoxe estamos nas prazas e rúas de Galiza, para dicir ben alto: Queremos Galego, Queremos Galiza con futuro!”
Pódese asinar aquí.



