Compostela: Simposio Internacional Estudos literarios e campo cultural galego, os 3 e 4 de setembro (convocatoria)

Lánzase á chamada para a presentación de traballos para o Simposio Estudos literarios e campo cultural galego, que se celebrará na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela os días 3 e 4 de setembro de 2015. O Simposio configúrase como un foro académico de encontro e debate arredor dos estudos literarios galegos desde o pensamento de Antón Figueroa.
A Comisión organizadora convida os investigadores e as investigadoras interesadas a enviar propostas de comunicacións vinculadas ás seguintes liñas:
1. Diglosia e texto en/desde 2015.
2. A reconceptualización do campo / sistema literario nas literaturas periféricas.
3. Nación (e ficción) e ideoloxía.
4. Lecturas da identidade e da alteridade.
5. Relacións interliterarias, tradución e espazo cultural transnacional.
6. Autonomía do campo e autonomía dos axentes: o caso galego 1950-2015.
7. Cara a unha historia do campo literario e dos campos culturais galegos.
8. Estudos literarios, estudos na cultura e Ciencias sociais.
9. Referentes teóricos e diálogos heurístico-metodolóxicos abertos na investigación de Antón Figueroa.
Información actualizada sobre o Simposio aquí.

Admisión de comunicacións
O Simposio contempla un proceso de avaliación dupla por pares anónimos previo á aceptación do traballo remitido. Un texto completo ou suficientemente avanzado das propostas, dun máximo de 5.000 palabras, deberá ser remitido ao enderezo simposio.campo.cultural2015@gmail.com antes do día 30 de abril.
Con data límite de 18 de maio a Comisión organizadora do Simposio comunicará a aceptación, a non aceptación ou as suxestións de modificación do traballo. Unha vez recibida a aceptación da comunicación a persoa participante deberá pagar a inscrición segundo as cuotas, os prazos e o procedemento establecidos no apartado correspondente desta primeira circular.
Os traballos seleccionados publicaranse nun volume colectivo. Os textos definitivos deberán remitirse logo da celebración do Simposio no prazo e segundo as normas de edición que se difundirán na segunda circular.

Inscricións
Unha vez recibida a aceptación do traballo proposto, deberá cubrirse a ficha de inscrición que se difundirá na segunda circular e remitirse, xunto co xustificante bancario de pagamento da inscrición, ao enderezo simposio.campo.cultural2015@gmail.com.
As cuotas de inscrición serán de 50 € para asistentes con comunicación e de 25 € para asistentes sen comunicación. As persoas que acreditaren a condición de estudantes terán un 50% de desconto neste importe.
Todos os pagamentos realizaranse entre os días 1 e 30 de xuño a través de transferencia bancaria ao número de conta que se indicará na segunda circular.

Comisión científica
Alejandro Alonso Nogueira (Brooklyn College, CUNY), Arturo Casas (Universidade de Santiago de Compostela), Elias Torres Feijó (Universidade de Santiago de Compostela).

Comisión organizadora
Manuel Forcadela (Universidade de Vigo), Teresa López (Universidade da Coruña), Laurence Malingret (Universidade de Santiago de Compostela).

Ponencias por convite
Itamar Even-Zohar (Tel-Aviv University). Ponente por confirmar.

Manuscritos: Manuel María

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Non podía faltar nesta sección a presenza de Manuel María. Ofrezo aquí, por cortesía da Fundación Penzol e do Arquivo Fernández Del Riego, o orixinal manuscrito do poema titulado “Elexía ou canzón de berce da alma, ainda na terra, de Álvaro Cunqueiro”, que asinou o autor de Outeiro de Rei no 1956.”

manuel-maria

Entrevista a Verónica Martínez Delgado arredor de Ode à Madison Ivy

DesdeVerónica Martínez Delgado 2 o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Verónica Martínez Delgado fala de Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, libro que foi accésit do VIII premio de poesia erótica Illas Sisargas. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Celebrando a Xosé Mª Álvarez Blázquez

Desdenoq_0143 Galaxia:
“Nun salón ateigado con case medio cento de mozos e mozas do Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, o xoves 5 de febreiro, ás doce da mañá, na Casa Galega da Cultura, tivo lugar un acto académico-escolar organizado pola Fundación Penzol para conmemorar o centenario do nacemento de Xosé Mª Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985).
No mesmo contouse coa colaboración e presenza de tres dos seus fillos: Xosé Mª, que fixo unha breve semblanza do pai e mais da súa obra; Alfonso, autor dunha cronobiografía do homenaxeado que se repartiu ao remate, e Berta, que agasallou aos asistentes cunha serie de poemas do escritor ilustrados por ela. Pola súa banda, o alumnado do Departamento de Música do citado centro, Alexandre Bóveda, pechou o acto interpretando tres fermosas cancións compostas por eles e baseadas en senllos poemas de Álvarez Blázquez. Antes, o alcalde de Vigo Abel Caballero, que asistiu acompañado de tres dos seus concelleiros, glosou brevemente a figura do egrexio galeguista, e puxo en valor a súa relación e querencia pola cidade olívica, na que viviu durante moitos anos ata o seu falecemento, e da que foi Cronista Oficial.
Como complemento a este acto, nunha pequena exposición podían verse e consultarse unha ampla selección de libros da autoría de Álvarez Blázquez, así como outros sobre el, editados maiormente no 2008, co gallo do seu nomeamento como persoeiro do Día das Letras Galegas. Os tres expositores das paredes amosaban material documental vario dos ricos e importantes fondos doados á Penzol no 2012 polos seus heredeiros.
A imaxe que acompaña este artigo é de Noel Queipo.”

Vilaboa (Culleredo): tertulia sobre Emilia Calé Torres e Carolina Casanova, con Carlos Pereira

O Carlos Pereiramércores 11 de febreiro, ás 11:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de Emilia Calé Torres e Carolina Casanova: a amizade dunha escritora e unha cantante de ópera en Vilaboa. A entrada será libre para o público.

Lugo: presentación de Galicia Encantada, de Antonio Reigosa

OAntonio Reigosa martes 10 de febreiro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Noemí López e Manuel Bragado, quen manterán un faladoiro con J. Manuel Blanco Prado, Xosé María Carricoba, María Celina Cruz, Adela Figueroa, Xosé María Gómez Vilabella, Xabier Moure e Isidro Novo.

Vigo: presentación de Feitizo de sangue, de Sabela González

OSabela González martes 10 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12, baixo) de Vigo, preséntase Feitizo de sangue, segunda parte da triloxía As crónicas de Landereina, de Sabela González, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.