O venres 22 de novembro, ás 19:00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra (Rúa Paio Gómez Chariño, 6), de Pontevedra, terá lugar o discurso de ingreso de Fina Casalderrey como académica numeraria na Real Academia Galega. O seu discurso leva o título de Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario. En nome da Academia responderá Rosario Álvarez Blanco.
Cuestionario Proust: Víctor F. Freixanes
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Víctor F. Freixanes:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo, para ben e para mal. E a paixón polas cousas nas que creo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia nos principios e a lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Cariño, que intento tamén darlles a elas.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia. Hai que saber agardar. Non por chegar antes chegas mellor.
5.– A súa ocupación favorita?
– Tocar o piano.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar coa miña xente, coa miña muller e os meus fillos, e saber que son felices.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a algún deles.
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior? Escritor. Pero levo unha vida…
9.– En que país desexaría vivir?
– Hai tempo que non ten volta: o meu país é este e, malia as moitas frustracións, síntome a gusto nel.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As rosas e as camelias. As rosas vermellas e as camelias brancas.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo, cando canta na viña.
13.– A súa devoción na prosa?
– Autores? Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor… En castelán? Torrente Ballester, Alejo Carpentier, Ernesto Sábato. En portugués? Jorge Amado, Miguel Torga, Cardoso Pires, algunhas novelas de António Lobo Antunes… Outros? Faulkner, Kafka, Italo Calvino, Albert Camus, Dostoievski, o Thomas Mann de Doctor Faustus…
14.– E na poesía?
– Non son moi lector de poesía. Xohana Torres, Álvaro Cunqueiro, Mendez Ferrín…
15.- Un libro?
En castelán: El siglo de las luces de Alejo Carpentier e Sobre héroes e tumbas de Ernesto Sábato. En galego: Merlín e familia de Cunqueiro e calquera novela de Otero Pedrayo.
16.– Un heroe de ficción?
– Alonso Quijano.
17.– Unha heroína?
– Madame Bovary.
18.– A súa música favorita?
– O jazz. Duke Ellington, Bill Evans, Abe Rábade en Zigurat ou Astor Piazzola.
19.– Na pintura?
– O meu irmán, Xosé Freixanes, a serie de Nova York de Jorge Castillo, Luís Seoane, Pollock…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non teño. Se acaso a marea solidaria do “Prestige”.
21.– O seu nome favorito?
– Os dos meus fillos, Denís e Tristán.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A envexa.
23.– O que máis odia?
– O egoísmo insaciable do capital que nos asoballa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Adolf Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don das linguas, é unha das miñas carencias.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na cama, sen dor e rodeado da xente que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Procuro cultivar o optimismo estratéxico, porque ninguén se apunta ás catástrofes, pero ás veces se me cae a moral.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os excesos do corazón.
30.– Un lema na súa vida?
– Non te desanimes nunca. Cando parece que as cousas non saen, con tesón e entusiasmo acaban saíndo.”
Compostela: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo
O venres 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Compostela, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, os autores, acompañados por Manuel Bragado, contarán o making of do proxecto e Sole Felloza contará unha das historias.
A Coruña: X edición das Xornadas sobre Lingua e Usos da Universidade da Coruña
“Un ano máis o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza as Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano alcanzan a súa décima edición.
– O tema escollido para esta edición é o de Lingua e Teatro.
– Días: 27, 28 e 29 de novembro de 2013.
– Lugar: salón de graos da Facultade de Filoloxía.
– Prazo de inscrición ata o 22 de novembro. Pódese realizar aquí.
– Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da Universidade da Coruña que asista a esta actividade.
– Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas.
– Este é o programa das Xornadas.”
Gondomar: presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo
O venres 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase a novela A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Fran Alonso.
Compostela: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira
O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola libraría, a editora e a A. C. O Galo, estará presente o autor.
Arteixo: contacontos de María Canosa sobre a súa obra O Crebanoces
Perillo, Oleiros: terceira xornada de Máscara fóra!. Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade
O xoves 21 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Cultural A Fábrica (Perillo-Oleiros), finalizan as Xornadas Máscara fóra! Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade, no bicentenario da publicación de Rogos dun gallego, coas intervencións de:
– Henrique Monteagudo: A obra en galego de Manuel Pardo de Andrade.
– Rosario Álvarez Blanco: O idioma galego na obra de Manuel Pardo de Andrade.
– Xesús Alonso Montero: Da excelencia literaria dun romance de cego.
Presenta e modera a sesión Rosario Álvarez Blanco.
Vigo: presentación do proxecto Luzes
Compostela: presentación de Noite~Día, de Alfonso Láuzara
O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Noite~Día, de Alfonso Láuzara, publicado pola Porta verde do sétimo andar. No acto, xunto ao autor, participa Rosa Enríquez.