Reportaxe
en La Voz de Galicia sobre Antón Riveiro Coello:
“«Sigo a escribir na construción de castelos no aire para que outros os habiten». Con esta frase describe Antón Riveiro Coello a súa paixón. É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, aínda que o seu romance ca escrita comezou de forma tardía. Tivo que namorarse para descubrir o seu talento e daquela xa cumprira as vinte primaveras. Conta o escritor que sempre foi un neno creativo, pero o que lle interesaba era a música e, máis concretamente, o rock. Cando coñeceu a súa muller e comezou a escribirlle cartas de amor e mesturou nelas os máis fermosos versos. Animouse a presentar un relato a un certame e xa non houbo volta atrás. Dende entón vive para escribir, aínda que o compaxina co seu traballo como funcionario da Administración. «Vivir só da miña paixón é complicado. Gustaríame moito, pero creo que tería que prostituírme e escribir sobre temas máis comerciais que quizás non sexan os que máis me apetecen. Deste xeito non estou tan condicionado polo mercado». (…)
Asegura Riveiro Coello que o que busca é seducir ao lector, e actualmente traballa nunha novela extensa. Trata sobre as novas xeracións que se atopan cos problemas da crise e que tantas dificultades teñen para acceder ao mundo laboral. A protagonista, unha rapaza de trinta anos, ten que traballar no que pode para sobrevivir. O escritor afirma que aspira a cambiar o mundo con cada letra que escribe, ou polo menos a cambiar algo no lector. Na mesa do seu escritorio hai trinta ou corenta libros e un dous últimos que leu titúlase Instrucións para tomar café.
Non é precisamente na cafeína onde este prolífico creador atopa a inspiración: «Só necesito ter boa saúde e poucas preocupacións; se teño algún problema importante non podo concentrarme». A Antón Riveiro Coello preocúpalle, pero para ben, o proxecto Barbantia que intenta dinamizar culturalmente a comarca. O seu gran reto é escribir a mellor novela do mundo, porque só con esta meta pódense facer grandes obras,
Tamén é amante da música e, como el mesmo explica, «a carreira de artista de rock abortouse o día que a miña compañeira ficou durmida mentres lle tocaba una fermosa canción composta ex profeso para ela». A literatura pasou a estar nun primeiro plano para o autor e grazas a este gracioso episodio hoxe os lectores poden gozar con cada unha das súas obras.”
Booktrailer de Celebración, de Gonzalo Hermo
Radiocrítica do 17-11-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de novembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo (I, 0:30); Fulguración e silencio, de Xavier Rodríguez Barrio (4:22), Álvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía, de Anxo Tarrío (9:04) e Os amigos de Santi, de Araceli Gonda e Xosé Tomás (13:02).“
Fran P. Lorenzo: “O máis grave da represión é que chegue a eliminar a posibilidade de imaxinar unha vida distinta”
Entrevista
de Montse Dopico a Fran P. Lorenzo en Praza:
“(…) – Praza (P): Os artigos que escribes no teu blog son literatura. Mais non se sabía que tamén escribes novela. Por que?
– Fran P. Lorenzo (FPL): É verdade, sabíao só moi pouca xente. Non quería amosar nada ata que estivese convencido. A novela levaba anos na miña cabeza, mais necesitaba que chegase o momento en que o resultado me valese. A ficción supón afrontar un plus de responsabilidade, non é o mesmo que plasmar as túas observacións nun artigo. E non digo por iso que un artigo sexa menos. Mais o esforzo de armar unha novela é maior. Estiven catro anos traballando nela, aínda que comecei a pensala moito antes.
– P: O de facer novela rosa non debe ser casualidade. Se cadra tamén é unha maneira de reivindicar a presenza dese xénero na nosa literatura. Hoxe faise de todo, sería inxusto dicir o contrario. Mais si é un tipo de historia pouco valorada…
– FPL: Quería facer unha novela rosa pola súa condición popular e para contar unha historia homosexual. Non había na nosa literatura unha novela rosa de amor gai. E si creo que hai complexos, con certos xéneros ou tipos de historias. Ademais, a novela rosa estivo na miña educación sentimental. É o que se le na casa de Álvaro, antes de que el coñeza a Bruno, que lle mostra outro tipo de libros. É o que lía a maioría da xente nesa época. E, si, eu reivindico a novela rosa na súa dobre acepción, de novela de kiosko, e fronte á visión elitista e académica da cultura, que non se dá só aquí, senón en todos lados. Quixen facer algo que movese a fibra. E isto entronca co melodrama, coas paixóns, coa falta de pudor…, mais tamén te sitúa no límite, porque podía caer no sentimentalismo. Consultei a colegas que leron a novela antes de publicala. E dicíanme que quedou no punto xusto…
– P: Gañaches o premio Blanco Amor coa novela. Contabas que o que imaxinas que puido ser a vivencia de Blanco Amor che serviu tamén para escribir este libro. En que sentido?
– FPL: O ostracismo tamén condicionou a vida de Blanco Amor. Por iso tamén, confórtame que me desen este premio. Para min é como un xeito de que quede redondo. Hai biografías moi boas de Blanco Amor, como a de Gonzalo Allegue, Diante dun xuíz ausente, que pasou sen pena nin gloria. Houbo xente que lle virou as costas a Blanco Amor por ser quen era. Blanco Amor pertence ao meu canon persoal, mais tamén por ser unha persoa que se enfronta co establishment galego. Blanco Amor sería como Álvaro. Mais el tentou vivir a súa vida malia os condicionantes sociais. Tamén coa súa vaidade, o seu orgullo, o seu certo rancor e resentimento, porque el sabía que merecía máis que o recoñecemento que lle daban. Era un creador múltiple: poeta, articulista, fotógrafo… (…)”
Compostela: presentación de Galicia: un pobo con futuro?, en edición de Manuel Blanco Desar
O
martes 25 de novembro, ás 12:30 horas, no Museo do Pobo Galego, preséntase o libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, do Instituto de Estudos das Identidades en edición de Manuel Blanco Desar, publicado en Xerais.
Santa Cruz, Oleiros: presentación de Remontar o río, de Helena Villar
Vila Nova da Cerveira: presentacións e recital de Manuel Cortés, Raúl Gómez Pato, María Reimóndez, Carlos Negro e Lorena Rei
A Coruña: roteiro centrado na toponimia costeira da península da Torre, con Xurxo Souto
O
sábado 22 de novembro, ás 12:00 horas, no antigo embarcadoiro de carbón de Santo Amaro, na Coruña, terá lugar un roteiro pola península da Torre con Xurxo Souto para complementar a conferencia sobre a toponimia costeira da Coruña que tivo lugar o martes 18 de novembro, actividade enmarcada dentro do ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, que leva a cabo a A. C. Alexandre Bóveda.
Imaxes e palabras en CaRa inversa, o último libro de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo
A Coruña: presentación de Nestes Días, de Neves Soutelo
O
sábado 22 de novembro, a partir das 11:00 horas, no estudio de fotografía de Andi Irrazábal (Rúa Poeta Trillo Figueroa, 9) da Coruña, preséntase Nestes Días, de Neves Soutelo, publicado pola Porta Verde do Sétimo Andar. No acto terá lugar un obradoiro de Escrita Creativa e un recital poético. O aforo máximo é de 15 persoas.

