Convocado o VII Certame Literario Terras de Chamoso

BASES DO VII CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías: – CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos). – CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos). – CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades: – POESÍA (de 30 a 60 versos). – RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo). NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo) ou ao e-mail: arumescorgo@gmail.com.
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 15 de novembro de 2013.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato. Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 21 de decembro de 2013 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Convocado o IV Certame Curtas para Rosalía

BASES DO CERTAME IV CERTAME CURTAS PARA ROSALÍA

1º. Organización.
O Certame de curtametraxes Curtas para Rosalía é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases do certame e organizar as galas de entrega de premios e de promoción do certame, se for o caso, e de resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos neste enderezo web, na entrada Curtas para Rosalía. Nin os membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame.
2º. Temática.
A primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento. Resulta evidente que, pasada esta efeméride, as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe, mais cando o 2013 é un ano moi significativo pois conmemorase o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos (Vigo 1863), obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas.
Rosalía de Castro é a figura máis representativa da Literatura Galega, desde a organización deste certame entendemos que homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega.
Polo tanto aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame poderán facelo atendendo a un dos seguintes criterios:
1.- Obras cuxa temática xeral sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno.
2.- Tamén se poderán presentar a este Certame curtas cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto, de calquera época, da Literatura Galega.
3º.- Normas de participación.
1. Poderán optar aos premios os traballos rodados en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros).
2. As obras presentadas terán que ser enviadas en soporte vídeo dixital (DVD) antes das 14 horas do día 19 de decembro de 2013 ao enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.
3. A duración non excederá en ningún caso os 20 minutos, créditos incluídos.
4. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o Galego, non admitíndose ningún outro agás para a incorporación de textos de Rosalía. Neste caso poderá incorporarse no idioma en que foron redixidos.
5. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
6. As obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto co fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
7. No web da AS-PG, concretamente no espazo serán publicados os títulos e a ficha técnica das curtas admitidas a concurso. Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos organizados para a promoción do festival, sempre sen ánimo de lucro. As curtas gañadoras serán proxectadas na Gala de Entrega de Premios. As datas de cada un destes actos serán publicadas durante o mes de decembro de 2013 e os autores e autoras serán informados.
8. O xurado proporá tres obras finalistas en cada categoría e entre estas tres estará a gañadora. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios. Nesta gala é obrigada a presenza dalgún dos membros das curtas finalistas en representación das obras. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra finalista resultar premiada), mais non do premio en si.
9. Responsabilidades legais. O concursante será o único responsable da súa curtametraxe. A organización do festival declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre a/o participante.
10. O material enviado ao inscribirse non será devolto.
4º. Inscrición.
A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar e constará de dúas fases:
1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico informacion@as-pg.com no que constará nome e apelidos e unha forma de contacto, preferibelmente correo electrónico, e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta, haberá de se facer antes do 22 de novembro de 2013 e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.
2.- Na inscrición definitiva, até as 14 horas do día 19 de decembro de 2013, os participantes deberán enviar a seguinte documentación:
* DVD (Pal; 4/3 ou 16/9) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.
* Ficha de inscrición (Anexo I) con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.
* Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra.
* Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
Os traballos deberán enviarse ou presentarse na seguinte dirección:
Asociación Socio-­Pedagóxica Galega
Certame Curtas para Rosalía. Rúa Laracha, 9 ­baixo
15.010 A Coruña
Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.
5º. Xurado.
A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da organización a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelábel.
6º. Premios.
A organización do certame Curtas para Rosalía establece dous premios:
1.- Un primeiro premio de 500€ á mellor curtametraxe + Diploma.
2. Un segundo premio de 300€ + Diploma.
Os premios serán entregados na Gala de Clausura. As datas e a lugar da entrega de premios serán publicadas pola Organización na web da AS-PG.
7º. Responsabilidade.
A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.

A Coruña, 21 de outubro de 2013.”

Santiago: presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia

O mércores 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza da Universidade, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, editado por Xerais. No acto interveñen, xunto aos autores, Manuel Bragado e Marco García Quintela. Tras a presentación, realizarase un espectáculo teatral baseado nos textos de Vento e chuvia a cargo de cinco destacados actores e actrices de Galicia: Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González.

Literatura contra o paro

Desde Radiofusión:
O Castañeiro de Abril trata a historia de Baltasar, un neno cego que vive nun barrio gris baixo o xugo de dúas tías crueis cuxa vida dá un envorco aventureiro cando coñece ao personaxe que dá título á novela. Antonio Fraga, natural de Pontedeume, escrebeu esta novela O castañeiro de abril para sandar da ansiedade do paro. Foi galardoada este ano co Premio Merlín de Literatura Infantil, de Edicións Xerais.
A entrevista completa pódese escoitar aquí.”

Polaroid, de Suso de Toro, ten película

A curta Polaroid dirixida por Chema Montero e interpretada por Aser Alonso estréase o venres, 1 de novembro na páxina web Filmin.
A película está baseada na novela Polaroid de Suso de Toro publicada por Xerais en 1986. A publicación desta novela supuxo un fito na literatura galega moderna e provocou un decidido cambio  de rumbo narrativo. Polaroid recibiu o Premio da Crítica Galicia en 1987. Hoxe é, sen dúbida, un referente inevitable das nosas letras.
Aquí pode verse o trailer da curta.

Manuel Gago: “Ata hai moi pouco en Galicia non había divulgación científica”

Desde Xerais:
“CUAC FM emitiu unha entrevista de Manuel Varela a Manuel Gago polo seu libro sobre Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de próxima aparición. A entrevista con Manuel Gago pode escoitarse neste enlace.”

Conclusións da Asemblea da Federación Galeusca 2013

“Reunidos en Pontevedra os días 25, 26 e 27 de outubro de 2013 os membros da Federación Galeusca en torno ao tema A literatura infantil e xuvenil. Propostas de futuro e adecuación a novos formatos, manifestamos:

1. A necesidade de continuar a apostar pola creación dunha literatura infantil e xuvenil que sexa viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas. Escribimos para continuar soñando e colaborando na transformación da realidade desde a procura de alternativas liberadoras que axuden a articular e reforzar a comunidade.
2. A importancia que ten a formación de novos lectores e lectoras e novos creadores e creadoras, tanto a través da escola como, de xeito cooperativo, desde todos os ámbitos de socialización posíbeis e para iso aproveitaremos as plataformas e medios existentes, como os obradoiros de expresión escrita, clubes de lectura, actividades interdisciplinares, redes sociais especializadas, blogues… e todos os soportes susceptibles de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico.
3. A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais.
4. Ademais, reafirmámonos nos contidos do comunicado da Federación Galeusca contra a LOMCE do pasado mes de marzo, unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións. O seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears, con cuxas mobilizacións nos solidarizamos.
5. Finalmente, ante a tramitación dunha nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual, reiteramos a nosa preocupación ante os novos recortes aos dereitos de autor/a e os intentos de laminación das entidades de xestión e, en especial, da que nos aglutina e defende como é CEDRO, cuxa continuidade se ve seriamente afectada.”

Na sesión do Encontro do sábado 26 fíxose patente a atención que escritoras e escritores prestan aos novos formatos que as novas tecnoloxías achegan á literatura. Os comentarios bascularon entre a necesidade de non perder de vista que a literatura como linguaxe artística debe ser preservada para poder acoller as contribucións que desde outras linguaxes e formatos dixitais poidan vir a incorporarse, e a constatación de que a literatura debe estar preparada para mudanzas de fondo.
Valorouse como necesaria a incorporación dos imaxinarios propios á creación literaria.
Na mesa de poesía os asistentes coincidiron en que é preciso achegala aos lectores e lectoras novas desde novas perspectivas, concluíndo que o poeta ten que aproximarse a eles a través de obradoiros e recitais. Neste xénero literario constatouse a existencia dunha poesía infantil, mentres que se puxo en cuestión o concepto de poesía xuvenil, na medida en que este público responde a perfís lectores con experiencias moi diversas.
No ámbito teatral remarcouse que este xénero fai patente a utilidade da literatura como instrumento que debe ser posto a disposición do público infanto-xuvenil, tanto a nivel da creación como de posta en escena tendo como único obxectivo final chegar ao coñecemento do propio corpo, voz e idioma. Insistiuse en que a mocidade debe ser protagonista do teatro para poder ser lectora e espectadora do mesmo cando adulta.
Fina Casalderrey e Xosé Vázquez Pintor, guiaron as delegacións galega, vasca e catalá, así como ao resto das persoas que acudiron ao Encontro, nun paseo literario por Pontevedra.
Foi unha xornada de intercambio das experiencias que nos últimos anos se están levando adiante en Galicia, Cataluña e Euscadi, e na que se impuxo o optimismo no futuro da creación.
Os textos completos das mesas redondas pódense descargar aquí: Conxunto-textos-encontro-galeusca-2013.

A Casa das Campás acolleu o domingo 27 a Asemblea da Federación Galeusca, da que saíron as conclusións do Encontro.
Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura de Pontevedra, agradeceu a presenza da Federación na cidade e felicitouna pola profundidade das reflexións achegadas, de proveito para o futuro da Literatura Infanto-Xuvenil.

Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
Premios da Crítica Galicia 2013.
O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.

Edición número 80 do certame literario Sonigrama, do Diario Cultural

“Chega a edición 80 do Sonigrama, o certame literario do Diario Cultural da Radio Galega:
Unha historia en sons para poñerlle ata cen palabras. Como premio habitual literatura (ensaio, poesía, narrativa, teatro…) e música (con entradas para concertos ou con traballos discográficos) en galego. A proposta é construír relatos para o sonigrama con ata cen palabras e envialos a diariocultural@radiogalega.es, deixalos no facebook do Diario Cultural ou gravalos no contestador do programa (número 981540530). Pódense enviar historias ata o xoves 1 de novembro.”