Tabela dos Libros de setembro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co inicio do novo curso retomamos a publicación da Tabela dos Libros do mes. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”

Santiago: aberta a inscrición para a Feira das Culturas de Compostela

“Comezamos a enviar información deste interesante proxecto que se realizará todos os primeiros sábados de mes. Esta Feira terá como espazo mensual Área Central. Organizaranse espazos para que todos os sectores da cultura de Compostela e comarca se organicen autonomamente para presentarlle á sociedade compostelá as súas producións.
Se queres participar na Feira das Culturas de Compostela, descarga o formulario de solicitude na seguinte ligazón: https://www.dropbox.com/s/392dlk4is01adbq/Formulario%20inscrición.doc, para logo envialo cuberto ao correo electrónico discovergalicia@gmail.com, e responderémosche á maior brevidade.
Lembrade que as prazas son limitadas!”

Outeiro de Rei: inauguración da Casa Museo Manuel María, o 7 de setembro

Desde Sermos Galiza:
“Despois de dous anos de obras de remodelación a casa natal de Manuel María inaugúrase o próximo día 7 cunha xornada de encontro popular e actividades literarias e musicais arredor da que será sede da Fundación co nome do poeta.
A inauguración oficial terá lugar ás 11:30, cunha visita guiada ás 12:30 na que se visitarán os distintos espazos da casa e se coñecerá o proxecto arquitectónico de Xan Casabella e Xosé Vieites ademais do museístico que permitirá achegar ao público á figura de Manuel María. Un xantar popular na carballeira de Santa Isabel, espazo de evocación poética e persoal no escritor, coa intervención de Os Minhotos dará paso á tarde a unha xornada de música, poesía e maxia da man de Fuxan os Ventos, Miro Casabella, María Manuela, Uxía, Berrogüetto, Roi Casal e o Mago Antón. O concerto será conducido por Xurxo Souto e durante todo o día organizaranse visitas guiadas ás instalacións.
A Fundación cumpre así un obxectivo que persigue desde hai cinco anos, cando se adquiriu a casa natal do poeta co fin de abrir a súa Casa-Museo. Desde entón, alén de xestionar a evolución da reforma, publicáronse tres novos títulos inéditos de Manuel María e organizouse a homenaxe que cada ano lembra ao poeta na Coruña no mes de setembro, no aniversario da súa morte.
“Vaise poñer ao dispor da xente -nun espazo de grande valor arquitectónico- a obra e o legado de Manuel María e unha grande cantidade de documentación, desde videográfica a epistolar ou xornalística da que se fixo baleirado nestes anos. Todo isto foi posíbel grazas a un traballo moi prolongado no tempo de Camilo Gómez Torres e moi intenso nos últimos anos por parte de numerosos voluntarios”, explica Alberte Ansede, secretario da Fundación, presidida por Saleta Rei.
Despois da inauguración, a casa ficará aberta para quen se quixera atopar co universo de Manuel María. Durante os días da semana programaranse visitas escolares e colectivas e os fins de semana a entrada será libre. Contará co programa de actividades propio da Fundación mais tamén acollerá iniciativas de asociacións e entidades que soliciten o uso das súas instalacións con programas acaídos a súa filosofía.
Para quen busque a memoria de Manuel María e a súa obra literaria, a casa, a través de novas tenoloxías, proporcionaralle a posibilidade de descubrir a súa obra, a súa biografía e a ampla actividade que desenvolveu durante toda a súa vida. Quen queira, poderá atopar desde pregóns a escritos arredor de distintos puntos de Galiza, personaxes que conviviron canda el ou roteiros que pode percorrer con indicacións precisas da súa relevancia natural, histórica e literaria. Na Fundación atoparase a súa biblioteca, que se está a trasladar a Outeiro unha vez inventariada, cos sinais persoais de quen atesourou en vida máis de 12.000 libros.
O auditorio promete converterse en espazo de referencia dunha casa chairega que acolle na planta baixa parte da biblioteca, ao pé da cociña e unha pequena estancia con materiais, libros e administración da entidade.
Cinco estancias dividen a planta superior. Tres delas reproducen a faceta máis persoal de Manuel María, o cuarto onde naceu -coa cama na que viu a luz- o seu despacho e a sala, tres estancias nas que a vida se atopa coa poesía do escritor a través das novas tecnoloxías. A obra literaria protagoniza tamén neste andar unha estancia na que as primeiras edicións dos seus case cen títulos xúntanse con edicións singulares e de coleccionista. O activismo cultural e político, a súa actividade como editor ou viaxeiro e os recoñecementos que recibiu achéganos á figura comprometida do escritor nun espazo de seu na que foi a súa casa e será a partir do día sete de setembro a sede da Fundación Manuel María e un espazo de referencia no mapa cultural galego.”

Penas de Rodas, Outeiro de Rei: cabodano de Manuel María, o domingo 8

O domingo 8 de setembro celébrase o Día Nacional Manuel María, organizado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a A. C. Xermolos de Guitiriz. O programa de actos é o seguintes:

14:00 h. Xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, entre Rábade e Penas de Rodas. Para reservar chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
17:30 h. Recital poético e lecturas de Manuel María en Pena de Rodas.
18:30 h. Acto de afectos e lealdade a Manuel María. Memoria e ben, no cemiterio de Outeiro de Rei. Ofrenda floral (as persoas asistentes levarán consigo unha flor). Lecturas ao Manuel.
19:30 h. Na Carballeira de Santa Isabel (devoción máxima de Manuel María), acto de entrega da Navalla de Manuel a Paco Martín. De seguido, acto musical e de irmandade fraterna no ir das voces de Mini e Mero, Miro Casabella e nos saberes compartidos de pan de Boimorto, queixo de Ulloa e Tabeirós e viño de Sober.

A Coruña: obradoiro De literatura e outras artes, impartido por Dores Tembrás

Desde o blogue de Dores Tembrás:
“Arrinca este outono, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.
Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.
Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina de Dostoievski e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luís Seoane?
Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e espazos transitados pola interdisciplinaridade.
O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 h.).”

Betanzos: presentación de Infiltrados, de Alfonso Eiré

O venres 6 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase Infiltrados, de Alfonso Eiré, publicado por Biblos Clube. No acto, xunto ao autor, participa Tucho Calvo.
O sábado 7 de setembro, ás 12:30 horas, presentarase o libro Nicomedes, o Pelado, de Pinto & Chinto, publicado en Kalandraka.

Marina Mayoral: “Sempre estou en Brétema

Entrevista de Ramón Nicolás a Marina Mayoral en Qué Leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“A última proposta da escritora de Mondoñedo, polo de agora editada só en lingua galega, é O anxo de Eva (Xerais). Falamos sobre este libro e a súa traxectoria literaria. (…)
– Ramón Nicolás (RN): Dende os seus comezos literarios alternou o uso do galego e o castelán. Que proceso o conduce a escoller un ou outro idioma para escribir?
– Marina Mayoral (MM): Eu vivín nunha familia na que o meu pai era castelán, de Toledo, e a miña nai e a miña avoa eran galegas e, naturalmente, entre elas falaban entre elas en galego. Eu vivín con naturalidade esta duplicidade, aínda que a miña nai me falaba sempre en castelán polas convencións sociais daquela época. Para min, así pois, o natural é escribir nas dúas linguas. (…)
– RN: A presenza de narradoras na literatura galega contemporánea é moi estimable, ao meu xuízo, en calidade e cantidade… vostede, que foi pioneira neste ámbito, como valora esta realidade?
– MM: Ao meu parecer o movemento das mulleres é imparable. Eu creo que non é algo específico de Galicia: é un movemento universal, somos o último movemento emerxente. As mulleres, como colectivo que estivo moi reprimido durante moitos anos, toman conciencia delas mesmas.