Reportaxe
de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“O propio encontro de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Nélida Piñón e máis o presidente do Pen Club, Luís G. Tosar, fixo da clausura da Bienal Literaria que se desenvolveu na Cidade da Cultura unha cita inusual por xuntar algúns dos nomes máis representativos da nosa literatura. (…)
Mostraron que o oficio da escrita se asenta en trabes febles, nun grande entusiasmo mais tamén nunha dúbida que case nunca se converte en seguridade. A propia Nélida Piñón, cunha manchea de premios e recoñecementos definiu o feito creativo como unha emoción única. “Todos nós temos a ilusión de que ao menos algún conto, algún poema, perdure. Estamos celebrando a literatura, celebramos que os escritores son capaces de perdurar, de escribir sen garantías”, dixo da súa experiencia na creación dunha obra da que manifestou non ter nunca certeza da permanencia, da capacidade de provocar a emoción de quen a lea. (…)
E da mesma maneira que o noso Adrián Solovio andou arredor de si da man de Otero Pedraio, Rivas referiuse ao autor do Manifesto antropófago, Oswald de Andrade, que fuxiu de Brasil a París con vontade de ser cosmopolita para acabar descubrindo na capital francesa que o que deixara era o mellor país do mundo. “Somos anfibios e a nosa literatura tamén, é un xeito desa denominación do local/universal ao que lle acae un aforismo que Miguel Torga dixo nun debate, “mais que é o universal senón o local sen paredes?””, relatou o autor de Os libros arden mal. “Un libro ten que golpear”, sinalou o escritor máis coñecido da nosa literatura quen defendeu, á maneira tamén de Piñón no feito creativo a “valentía, a coraxe para se adentrar sempre na descuberta”. (…)
“Cando cheguei a vello dinme conta de que o meu peor inimigo era a saudade, que a miña vida era un pelexar continuo contra ese sentimento que pode desfacernos”, comezou Xosé Luís Méndez Ferrín, que manifestou saudade tamén “de palabras coas que medrei e estou vendo morrer, soidá, morriña… palabras que desaparecen, que se van extinguindo e que determinan este estado de ánimo”, dixo. Talvez por iso aceptou o convite de Luís G. Tosar de relatar o capítulo no que o Pen internacional o designou como escritor perseguido do ano 72 nesta ocasión na que se conmemoraba o 25 aniversario da constitución da sección galega.
“A policía estaba perseguíndome polas miñas actividades políticas mais o pretexto foi acusarme de escribir unha novela, que non se publicou nunca. Foron collela a miña case e, a pesar de estar inédita, o tribunal de orde pública acusoume con dous anos de prisión. Son o único escritor da península que estivo en prisión por escribir un texto literario que non se publicou”, relatou, dunha novela que continúa sen saír á luz e, pola súa vontade, non sairá impresa mentres viva. (…)
“Seguiremos mantendo a idea de liberdade e literatura que coincide coa idea que teñen os que a fixeron grande e seguirán tendo os que veñan, porque hai futuro”, dixo Tosar, ao tempo que anunciou a preparación da obra completa de Úrsula Heinze, unha das trabes da creación do Pen galego. (…)”
Xosé Manuel G. Trigo: “O lector tradicional está agora nas series de televisión”
Entrevista
a Xosé Manuel G. Trigo en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Que se atoparán os lectores na súa novela [Raíñas no meu xardín]?
– Xosé Manuel G. Trigo (XMGT): Agora que podo obxectivizala un pouco me parece un manual de ensoñanzas. Colle unha dirección distinta aos xéneros máis en circulación neste momento, como a novela negra, a erótica, a romántica e a templaria. É un libro de ensoñación no que predominan os efectos imaxinativos e a vontade de crear un libro de culto á propia persoa. Pero mantén unha dialéctica coas asperezas e adversidades do mundo deste momento, como pode ser o estado da economía ou a fronteira que temos entre un mundo que parece que vai morrer, pero non acaba de facelo, e outro que parece que vai nacer. (…)
– FdV: Hai lectores en galego suficientes para tanta produción?
– XMGT: Ás veces se publica demasiado. Hai xente que publica todo o que escribe. A afirmación de que o lector morreu paréceme esaxerada, pero é certo que hoxe o lector convencional está nas series televisivas. É un consumidor voraz de historias e hai que recoñecer que as mellores historias as elaboran os equipos de guionistas cada vez con máis talento. As series merecen, como xénero narrativo, un crédito e moitas delas son moi plausibles, hai verdadeiras obras de arte e quizais houbo un desvío do consumo narrativo literario. Descende tamén a formación do lector. O sistema educativo non produce lectores.”
Encontros da Federación Galeusca: Barcelona, 2014
O sábado 4 de outubro terá lugar en Barcelona (Ateneu Barcelonès. Canuda, 6), a reunión anual da Federación de Asociacións de Escritores/as (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e Euskal Idazleen Elkartea), co apoio de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).
A delegación da AELG estará composta por Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Ledicia Costas e Suso de Toro; a delegación vasca por Jasone Osoro, presidenta EiE), Maite Toledo e Yolanda Arrieta.
PROGRAMA
11:00 h.
Presentación do estudo realizado polo CoNCA: 36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura, a cargo do bufete de avogados Brun & Guiu: Joan Antoni Borrell Alonso (temas laborais), Lluís Brun Menéndez (temas de contratación e propiedade intelectual) e Josep Guiu Badia (temas fiscais).
Intervención por parte das tres asociacións sobre os temas do estudo (temas do ámbito tributario, laboral, contractual e formativo).
16:00 h.
Presentación do estudo Escribir en catalán: estado da profesionalización. Os efectos da crise económica sobre o colectivo de escritores, a cargo dos sociólogos autores do estudo: Marc Aguilar e Lluís Mangot.
Problemas da profesionalización nas letras vascas e galegas a cargo dun representante de cada asociación.
18:30 h.
Asemblea anual da Federación Galeusca.
19:30 h.
Actuación de Maria del Mar Bonet con Borja Penalba.
As asociacións de escritoras e escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e tres anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.
A creación da Federación permitiu establecer cinco obxectivos claros:
1. A representación, a promoción e a defensa dos escritores e escritoras en linguas catalá, galega e vasca.
2. A coordinación das accións en vista a unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus aspectos.
3. A actuación conxunta ante organismos e institucións da administración pública, tanto no ámbito estatal como autonómico e europeo, e aquelas de carácter privado en calquera destes ámbitos.
4. O impulso da normalización do feito literario nas súas diversas manifestacións, da profesión de escritor e escritora e do uso social e creativo das linguas.
5. O fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os intereses de escritores e escritoras, así como aquelas que agrupen ás empresas ou axentes que vehiculan a difusión e a comunicación da produción literaria en todos os seus xéneros.
Outeiro de Rei: Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas
Manuel María
faría 85 anos o vindeiro 7 de outubro e a Fundación que leva o seu nome, presidida pola súa viúva, Saleta Goi, conmemorará a efeméride o sábado 4 de outubro cunha xornada de irmandade na que foi casa natal do escritor, en Outeiro de Rei, hoxe convertida desde hai algo máis dun ano en Casa-Museo. Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas é o nome da xornada de irmandade das amigas e amigos da Fundación Manuel María que se celebrará a partir das 11 da mañá do sábado 4 no auditorio -antiga palleira -da Casa de Hortas, no corazón da vila de Outeiro.
A Fundación Manuel María ten o obxectivo de instituír, de aquí en adiante, con carácter anual este encontro arredor da data do nacemento do poeta, con vocación de o converter en espazo de encontro e diálogo das amigas e amigos da Fundación, para dar conta da actividade fundacional desenvolvida cada ano e abrir ao debate a elaboración de novas propostas e iniciativas a desenvolver no futuro.
Eis o programa da xornada:
– 11:00 h. Encontro de amigas e amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Información sobre a actividade da Fundación e iniciativas para o 2015, a cargo de Alberte Ansede (Secretario da Fundación)-
– 11:30 h. Coloquio e propostas.
– 12:00 h. Segredos da Casa Museo Manuel María (unha visita para descubrir algúns dos fondos máis valiosos da Casa-Museo).
– 13:00 h. Presentación das últimas publicacións da Fundación (Sonetos á Casa de Hortas e Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo), a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Estefanía Mosquera Castro e Xosé Manuel Sánchez Rei, responsábeis das edicións (as persoas que asistan ao acto recibirán un destes libros editados pola Fundación e un exemplar do Terra Chá editado pola Irmandade dos Vinhos ou polo xornal chairego Terra Chá Xa!).
– 14:00 h. Peche do acto.
– 14:30 h. Xantar de irmandade.
– 17:00 h. Visita guiada á Lagoa de Cospeito e lectura de poemas de Manuel María.
Ramón Vilar Landeira: “Aprendín do xornalismo o gusto pola linguaxe clara e precisa”
I Premio de Micronovela Emerxente
A Bandeira lembra a Ramón de Valenzuela no seu centenario
Desde
Sermos Galiza:
“O venres 3 de outubro, ás 20:30 horas, terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural “Vista Alegre” da Bandeira a conmemoración do centenario do escritor Ramón de Valenzuela, autor, entre outras, das obras Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar, pioneiras no tratamento literario do golpe militar do 1936.
Unha mesa redonda na que participaran os investigadores Xosé Manuel Maceira e Xoán Carlos Garrido Couceiro moderada por Matías Rodríguez da Torre achegarase á figura do escritor despois do saúda da presidenta da A. C. Vista Alegre, Dolores Sangiao, e a presidenta de Adellis, Rosa Fernández. Unha proxección sobre o autor ademais da interpretación dun fragmento da súa obra continuarán o programa antes do peche da xornada no que intervirán o escritor Xosé Neira Vilas e o fillo do autor José Ramón Valenzuela.”





