Finou Benxamín Casal, presidente de Galaxia

Desde Sermos Galiza e Galaxia:
“Finou Benxamín Casal, lucense da xeración do 35. Actualmente presidía a Editorial Galaxia. Casal era un galeguista cunha ampla traxectoria social e cultural. Foi deputado no Parlamento galego e dirixiu a Gran Enciclopedia Galega, aliás de publicar numerosos traballos e estudos sobre o mundo rural, que tan ben coñecía.”

João Tordo: “Tenho a sensação de em Portugal termos estado sempre à rasca”

Entrevista a João Tordo en Sermos Galiza:
“João Tordo (Lisboa, 1975) é, junto com José Luís Peixoto, Valter Hugo Mãe ou Gonçalo M. Tavares, um dos seletos galardoados com o Prémio Literário José Saramago, que obteve em 2009 pelo seu terceiro romance: As três vidas. O último saiu do prelo este mesmo ano com o título O ano sabático. Mais o autor não descansa: desfruta com o seu trabalho na residência literária da editora Axóuxere em Leiro (Rianxo). O Concelho de Rianxo cofinanciou o ateliê de escrita criativa que ministrou a semana passada. (…)
– Sermos Galiza (SG): Que é então escrever em Rianxo?
– João Tordo (JT): É ótimo. Escrevo umas seis horas ao dia. Esta é uma casa bonita, cheia de livros e de coisas antigas… Tenho calma contínua e poucas distrações.
– SG: Você tem tido residências literárias em Nova York ou Montreal, por quê elegeu agora Galiza?
– JT: Eu já estivera algumas vezes na Galiza. Parte do meu novo romance, cuxo protagonista é um galego, estará ambientado em Pontevedra, Santiago de Compostela e Brión (Rianxo).
– SG: Por quê um galego?
– JT: Porque para mim um galego é um português com acento. E porque Galiza me tem inspirado.”

Marcos Calveiro: “Este recoñecemento abre ás portas a que a miña obra se traduza a outras linguas do mundo”

Entrevista a Marcos Calveiro en Radio Obradoiro:
“(…) O autor de Palabras de auga explicou en Radio Obradoiro que pasar a formar parte da Lista de Honra do IBBY “é unha honra, sobre todo polo feito de que se elixa esta obra entre todo o publicado nos últimos dous anos na literatura infantil e xuvenil galega”. Segundo dixo, este recoñecemento “fai posible que o libro teña unha maior visibilidade, porque se vai expoñer nas feiras más importantes do mundo” e “abre ás portas a que se traduza a outras linguas do mundo” ademais do castelán, o euskera e o catalán.
Palabras de auga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, conta a vida dun neno en África “nunha rexión abatida pola fame, a guerra, pola falta de auga e a violencia. Trata do seu periplo e do da súa familia tratando de mellorar a situación terrible na que viven”. O punto de partida desta historia, cun “final aberto á esperanza”, foi un artigo publicado nun xornal. “Hai uns anos lin unha nova que relataba que hai mulleres no Chad con tan poucas posibilidades de alimentar aos seus fillos que buscan formigueiros, sáchanos e collen o gran das formigas para elaborar a fariña coa que fan as tortas aos seus fillos”.
Calveiro vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado, aínda que recoñece que “nos últimos tempos traballo máis como escritor”. En setembro chega ás librarías unha nova obra súa dirixida a lectores mozos, a novela Todos somos.”

Salvaterra: 27 Festival da Poesia da S. C. D. Condado, Desobediência

Dentro das actividades do XXVII Festival de Poesia do Condado, que se celebra en Salvaterra do Miño, organizado pola S. C. D. Condado, destacamos as seguintes actividades do sábado 31 de agosto:

18:00 h. Covas de Dona Urraca. Presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure
, publicado por Através Editora.
21:00 h. Zona das Murallas. Festival poético-musical coa participación d@s poética de Aurora Ceibe, Elvira Riveiro, Chus Pato, Celso F. Sanmartín, Nolim Gonzalez, Dores Tembrás, Afonso Pexegueiro, Márcio-André, Séchu Sende, María Rosendo e Mario Regueira.

Penélope en árabe

Artigo no blog de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) E vén todo isto a conto a propósito dunha máis que singular iniciativa na que, agora si, se xonguen Fútbol e Poesía. Estou a referirme á celebración onte do I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, un evento que ben pouco parangón terá fóra das nosas fronteiras, pero que en Galicia creo que é definitivamente único, polo menos ata onde un coñece.
Se xa que un poeta dea nome a un torneo futbolístico é algo máis que insólito, o que xa roza o incrible é que, ademais, o recadado voluntariamente no mesmo (pois as entradas foron gratuítas e cada asistente contribuíu co que tivo a ben) vaia parar á Asociación Xosé María Díaz Castro para que esta promocione e difunda a figura do escritor.
E se ao expresado sumamos que antes de que os equipos participantes (a saber: o Al-Wahda SF dos Emiratos Árabes, o Guitiriz e mais a Selección Galega) comezasen a disputar o torneo houbo oportunidade tanto de oír a Bloquinho de Xermolos e mais Sons da Aldea coma de asistir á proxección do vídeo documental A lus do mundo, que realizou o alumnado do IES Díaz Castro de Guitiriz arredor da biobibliografía do poeta baixo dirección de Cristina de la Torre, daquela esta xuntanza alcanza tinturas de milagre.
Agora ben, se todo o que levo contado non sorprendeu aínda aos máis escépticos, estou convencido de que a traca final si o fará: saiban todas e todos vostedes que, no marco deste I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, e atendendo á cortesía de participar nel un equipo emiratí, foi entregada aos deportistas e acompañantes daquela delegación unha folla voandeira na que se reproducía a primeira tradución ao árabe do célebre poema Penélope. Tan coñecido verso diazcastriano de Nimbos, foi traducido para a ocasión por Moncho Iglesias Míguez, escritor galego residente en Palestina, quen nos regalou así unha nova alfaia para esa coroa nimbada que conforma a poesía do guitiricense máis universal. (…)”

Manuel Veiga: “A miña novela é a memoria dos que nos fixemos adultos na Transición”

Entrevista a Manuel Veiga en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que supón este libro [Os xornalistas utópicos] no conxunto da súa obra?
– Manuel Veiga (MV): A visión do autor con respecto aos seus libros é máis subxectiva e tamén máis arriscada, pero creo que esta é a miña obra máis elaborada e a que máis satisfeito me deixou ata agora. A fin de contas, escribir non deixa de ser un oficio e como en todos os oficios, cos anos aprendes a profundizar e a facer mellor as cousas, e creo que iso se nota nesta novela. Espero que sexa un salto na miña obra, por dicilo así. (…)”

Betanzos: presentación de Todos os días, de Alberto Ramos

O venres 30 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a novela Todos os días, de Alberto Ramos, publicada en Sotelo Blanco. No acto, xunto ao autor, participan David Lombao e Ánxela Gracián.

Palabras de auga, de Marcos Calveiro, incluído nas Listas de Honra do IBBY

A novela infantil Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, acaba de ser incluído nas Listas de Honra do IBBY, entre os nove libros que presentou á selección a OEPLI (Organización Española para el Libro Infanil y Juvenil).