Ourense: actividades literarias destacadas do mércores 5 na Feira do Libro

O mércores 5 de xuño prosegue a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Mércores 5
19:30 h. Presentación do libro premiado polo Concello de Ourense. Participan no acto Ana Garrido, concelleira de Cultura, Ramón Caride Ogando, Miguel Anxo Fernán-Vello, gañador do XXVIII premio de poesía Cidade de Ourense, coa obra Habitación do asombro e Alberto Ramos, gañador do XIII premio Risco de creación literaria coa obra Todos os días.
20:30 h. O escritor Ramón Caride, presenta o seu libro Endogamia 0.2 (segunda entrega do proxecto Aktual, da colección Fóra de xogo), publicado por Xerais. Participarán Manuel Busto e o autor.

Fran Alonso: “Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo”

Entrevista a Fran Alonso en Bahía Sur, desde Xerais:
“(…) – Bahía Sur (BS): Narrativa, poesía, relatos…a túa escrita viaxa por diferentes xéneros. Tes preferencia por algún ou depende de cada momento?
– Fran Alonso (FA): O feito de ser un escritor todoterreo permíteme experimentar máis e repetirme menos. Supón un reto maior, porque cambias de rexistro con frecuencia. Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo. E cada momento dítame o que me apetece ou creo que debo escribir. Ora ben, paréceme moito máis difícil escribir un bo poema que un bo relato. (…)
– BS: Cal é a túa disciplina de traballo, tes algún ritual ou manía cando escribes?
– FA: En xeral, preciso moita concentración. Gústame moito pecharme e escribir de seguido, sen parar, que é algo que case nunca podo facer. Cando me meto no proceso creativo dun libro non quero distraccións. Necesito concentrarme para sentir o que senten os meus personaxes ou para ser capaz de converterme noutra persoa. Adoito axudarme da música. Escoito case sempre unha mesma canción ao longo de todo o proceso creativo dun libro, que sexa suave, e que me facilite a fluidez do pensamento. Unha manía!
– BS: O título é punto de arranque dunha historia?
– FA: Pode selo. No meu caso, non é frecuente. Eu adoito pensar primeiro a historia e logo un título. O que si é certo é que eu teño moita facilidade para os títulos e case sempre os teño decididos en canto comezo a escribir. Para min, os títulos son moi importantes e forman parte das intencións do libro. (…)
– BS: Como é o momento actual da literatura na Galiza?
– FA: O momento da literatura galega é magnífico, rico e moi plural e eu, que leo literatura de todo o mundo, creo que non temos nada que envexar a outros países. O principal problema da literatura galega é que se expresa nunha lingua que sufriu un proceso de devaluación histórica, que non é apoiada legalmente, que non é defendida pola administración, que ten moita menos visibilidade, e sobre a que os galegos e galegas non toman dunha vez a decisión de defendela. Sen lingua, o enorme potencial creativo deste país chamado Galicia non existiría. Seriamos un triste páramo. (…)”.

Ourense: comeza a Feira do Libro 2013

O martes 4 de xuño comeza a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Martes 4
18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Presentación do libro As pontes do ego sum, de José Manuel Ledo, publicado pola editorial Ir Indo. Participarán no acto Xelasio Suárez, director da editorial e o autor.
20:00 h. Inauguración oficial. Actuación da Banda Municipal de Música de Ourense. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.

Pontevedra: conferencia de Aurora Marco sobre Galegas na resistencia antifranquista

O sábado 8 de xuño, ás 19:15 horas, no Salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar a conferencia de clausura do Simposio sobre a represión franquista contra as mulleres: vítimas da represión, protagonistas da resistencia, a cargo de Aurora Marco, quen falará sobre Galegas na resistencia antifranquista. O prazo de inscrición no simposio estará aberto até o 7 de xuño enviando os datos persoais ao correo mulleresememoria@gmail.com.

Compostela: nova sesión do Picaversos, con Chus Pato, Baldo Ramos e Ana Romaní

O martes 4 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Líquidos, coa participación de Chus Pato, Baldo Ramos e Ana Romaní.

Antonio García Teijeiro: “É unha honra que alguén como Paco Ibáñez cante en galego”

Entrevista a Antonio García Teijeiro en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Este libro [Un rato díxolle á lúa] prepara ao público para un primer contacto coa poesía?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Diríxese dende nenos ata adolescentes. Ten poesía con música, con xogos, con rimas e onomatopeias. Pero tamén hai crítica. Pese a ter unha lectura doada, precisa volver sobre os versos. Aos rapaces hai que lles ensinar a reflexionar.
– AD: Como se satisfai a un lector infantil de poesía?
– AGT: Aos nenos gústalles a poesía. Precisan dun mediador a quen tamén lle guste (pais, mestres ou bibliotecarios) e que contaxien ese entusiasmo.
– AD: Contará coa presenza dun gran amigo, Paco Ibáñez, a músicar a súa escrita.
– AGT: Musicou tres poemas nunha gravación de xeito informal na súa casa e resultou magnífico. Van no cd de acompañamento, xunto a outros tres poemas recitados por min e acompañados pola súa guitarra. É unha honra que alguén da categoría de Paco Ibáñez cante en galego, que se preocupe polas linguas minorizadas e que cante tres poemas meus. Pero como di el, o que ocorre é que lle gustaría ser galego.
– AD: Como iniciaron a súa química?
– AGT: Hai moitos anos presentounos Rafael Alberti en Madrid. Houbo moi boas sensacións, víamonos e mandáballe os meus libros e un día elixíu Que ocorre coa terra, cantándoa por todo o mundo.”

Vídeos da Gala das Letras 2013 (III): entrega dos premios de mellor Blog Literario e á mellor Tradución

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Intervención de Ramón Nicolás, como gañador do Premio ao Blog Literario. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervención de Antonio Reigosa en nome de Darío Xohán Cabana, que recibiu o Premio de Tradución, aquí.

Salvador García-Bodaño, premio Voz da liberdade do PEN Clube Galicia

Desde Sermos Galiza:
“Un xurado composto por Marilar Aleixandre, Miro Villar, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva actuando como presidente Luís G. Tosar -presidente do PEN de Galiza– e Xabier Castro como secretario decidiu outorgarlle o premio Voz da Liberdade ao poeta Salvador García-Bodaño, en recoñecemento da súa dilatada traxectoria de autor de artigos xornalísticos en defensa da liberdade.
García-Bodaño é o sexto escritor galardoado co premio que o Centro Pen de Galicia convoca cada dous anos, despois de iniciarse no 2003 con Bernardino Graña e seguir con Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e María Xosé Queizán. O xurado destacou o “compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».
Natural de Vigo, Salvador García-Bodaño comezou a súa actividade cultural en Compostela cidade na que creou boa parte da súa obra literaria e na que desenvolveu un importante papel de dinamizador cultura, sendo, entre outras cousas, cofundador de O Galo e membro do Consello da Mocidade. Foi tamén patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, cofundador e membro da actual Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI), e membro da Fundación Patronato do Pedrón de Ouro. (…)”.

Obras finalistas dos Premios Xerais 2013

“O xurado da XXX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, formado por Cristina Domínguez Baños (xornalista), Elisa Iglesias Gil (licenciada en tradución e interpretación), Ramón Rozas (xornalista), Iago Martínez (xornalista), Raquel Feijoo Casas (xornalista) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas Amor en alpargatas, Bela Czarda e Cadeas.
O xurado da XXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e nove obras, formado por Rocío Carballeda Alonso (profesora), Mar García Pérez (licenciada e filoloxía hispánica e bibliotecaria), Isabel Mociño González (doutora en filoloxía galega e docente na Universidade de Vigo), Montse Pena Presas (licenciada en filoloxía galega, profesora da Universidade de Santiago e crítica literaria), Antonio Seijas Cruz (ilustrador e deseñador) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas O corazón da maxia, O fío vermello, Sochantre de Pontivy e Thomas Lang.
Os xurados celebrarán a súa reunión definitiva o sábado 8 de xuño. A comunicación do fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón nun acto no que actuará como mantedor literario o escritor Xabier P. DoCampo.”