Francisco Rodríguez: “O compromiso do PP con Rosalía e con Galiza é propio dunha campaña de ‘Gadis’, un suspiriño momentáneo”

Entrevista a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) Francisco Rodríguez é o autor da primeira tese de doutoramento que se leu nunha universidade galega sobre Rosalía. Vén de resgatar do esquecimento uns versos inéditos que a poeta dedicou a Salustiano de Olózaga, un político progresista que loitou pola liberdade e combateu a escravitude. Falamos con el sobre estes e outros versos rosalianos. (…)
– Sermos Galiza (SG): Valorou este inédito “significativo”. Por que é tan importante?
– Francisco Rodríguez (FR): Porque, desgrazadamente e ao igual que acontece coa historia do noso País, temos un coñecemento e un legado da obra rosaliana que non é íntegro. Por exemplo, unha boa parte dos medios impresos ou desapareceron ou as follas están rotas, arrincadas… polo que en prensa hai unha parte que xa está perdida.
Con todo, non se fixo tampouco un repaso desa imprensa. Sei que hai un xornal de Pontevedra que se chamaba El Progreso que tiña poemas dela, e outro en Ourense, de Paz Novoa, e máis un, El clamor de Galicia, na Coruña.
Iso por falar de Galiza. No exterior, en Madrid, Cuba ou Bos Aires, seguro que queda algo tamén. Este que eu exhumei non sabía a data exacta, mais sabía que estaba en La soberanía nacional e a data aproximada. (…)
– SG: En que ano escribiu a tese?
– FR: En 1987.
– SG: E foi a primeira…
– FR: Si. Queres saber por que? Porque ninguén tiña interese ningún en Rosalía. Pondo á marxe o caso de Carvalho Calero, os mellores estudos que había ao redor da súa figura, limitados pola perspectiva que tiñan, eran de fóra. Na Galiza era un tabú para non explicar en que consiste a colonización do noso pobo. As maiores barbaridades dixéronse e fixéronse no ensino.
– SG: Refírese á imaxe de poeta chorona e pusilánime que se estuda?
– FR: Non, non. Fáloche do ensino universitario! Nese que ti dis por suposto, mais non deixa de beber das universidades. Os profesores son educados nesa visión de Rosalía. Despois da tese fixen un libro que foi vetado, silenciado, na universidade de Santiago. Chegou a se dicir que era unha señora inculta, iletrada, que cometía faltas de ortografía, que era unha aldeaniña… mesmo chegaron a acusar de xenófoba. (…)”.

Santiago: lectura pública de textos de Roberto Vidal Bolaño

O venres 3 de maio, a partir das 20:00 horas, na Alameda de Santiago de Compostela, diante da estatua de Valle Inclán, haberá unha lectura pública de textos de Roberto Vidal Bolaño. Pode ir quen queira e ler os textos que consideren. A fermosa literatura de Vidal Bolaño na voz dos seus lectores, e diante do seu admirado Don Ramón María.

Ramón Nicolás e Begoña Caamaño gañan o Premio Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
Morgana en Esmelle (Galaxia), a segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais), de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano.
Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola “súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais”. Segundo o xurado, a novela consigue “renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico”. (…)”.

Santiago: actividades destacadas do xoves 2 de maio na Feira do Libro

O xoves 2 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

18:30 h. Presentación de Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, de Xavier Vence, publicado na Fundación Galiza Sempre. Xunto ao autor participa Xesús Veiga.
19:00 h. Teresa Moure asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
19:30 h. Presentación de Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, do escritor Antón Cortizas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participa no acto Manuel Bragado, director da editorial.
20:30 h. A escritora Valentina Formoso presenta o seu libro Do estigma á estima, publicado por Edicións Xerais. Participan no acto Carlos Negro, Manuel Bragado e a autora do libro.

A Coruña: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 2 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Parque de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e a Libraría Sisargas, participan, xunto ao autor, José María Laredo Cordonié, Xurxo Souto e Fran Alonso.

Santiago: actividades destacadas do mércores 1 de maio na Feira do Libro

O mércores 1 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

13:00 h. Actividade infantil. Servando Barreiro. Contacontos poético musical.
18:00 h. Contacontos en verso para nenos, con Yolanda Castaño xogando co seu libro Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás e publicado por Biblos. Tamén aparecerán historias dos seus libros Cando eu saiba ler e Punver.
20:00 h. Presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Pena Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado por Editorial Galaxia.

A Coruña: presentación de Cantares gallegos hoxe, de Pilar García Negro

O xoves 2 de maio, ás 19:30 horas, no IES Eusebio da Guarda da Coruña (Praza de Pontevedra, 20), preséntase o libro Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro, publicado en Alvarellos Editora. No acto participan, xunto á autora, Isabel Ruso e Henrique Alvarellos.