Cesáreo Sánchez Iglesias e Antón Cortizas, premios Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
“Por unanimidade, Caderno do Nilo (Xerais), de Cesáreo Sánchez Iglesias, resultou gañador da XXIX edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de Creación Literaria que recoñece unha obra publicada no ano anterior. A viaxe literaria de Cesáreo Sánchez no territorio do Nilo foi valorada por un xurado que destacou a súa madurez e as novas achegas no ámbito estilístico e de revisión das propias experiencias, cunha voz singular que goza xa dunha sólida traxectoria no ámbito da poesía. (…)
“Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade”, explica Cesáreo Sánchez Iglesias no seu libro. Para Sánchez Iglesias a poesía é a súa forma de comunicarse “co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.” (…)
Na modalidade de Investigación e Ensaio, a obra gañadora foi Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, un catálogo explicativo dos xoguetes que constitúen un patrimonio único herdado de xeración en xeracións que elaborou o escritor Antón Cortizas despois de anos de traballo e estudo. O xurado, composto por membros da Universidade da Coruña e Vigo, do Consello da Cultura Galega, do Museo do Pobo Galego e da Deputación de Ourense destacou a rigurosidade e o traballo polo miúdo na recompilación, reconstrución e conservación dun patrimonio cultural único de grande valor para as xeracións vindeiras.
Tastarabás recolle arredor de mil brinquedos recompilados ao longo de dez anos que deron nunha obra monumental na que se atesoura o patrimonio da infancia doutros tempos. O autor, Antón Cortizas, define o libro como unha grande ludoteca tradicional ou mesmo un museo de brinquedos, boa parte deles reconstruídos por el mesmo. Cortizas defende o seu libro como un proxecto colectivo no que recoñece o labor de centos de informantes que contribuíron a súa elaboración e tamén de escritores e escritoras que manifestan “señardade pola infancia e son, a súa maneira, tamén fontes de información”. (…)
Os premios, que foron creados en 1985, entregaranse o 14 de xuño no Pazo de Moldes, en Boborás e, alén do recoñecemento, están dotados con 6.000 euros por categoría.”

Cuestionario Proust: Román Raña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Román Raña:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A alegría.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O cariño.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en Creta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que enfermase un ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Creta.
10.– A súa cor favorita?
– O verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A papoula.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal.
13.– A súa devoción na prosa?
– Otero, Dostoievski, Henry James, Bieito Iglesias.
14.– E na poesía?
– Manoel Antonio, Álvarez Torneiro, Paul Celan, Zbigniew Herbert.
15.– Un libro?
Danubio, de Claudio Magris.
16.– Un heroe de ficción?
– Odiseus.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Bach, Händel, Telleman, Mozart, Wagner, Richard Strauss.
19.– Na pintura?
– Botticelli, Otto Dix, Petrov Vodkin.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Castelao.
21.– O seu nome favorito?
– Vasili.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os berros.
23.– O que máis odia?
– O barullo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A memoria infinita.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría e a indignación.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A glutonaría.
30.– Un lema na súa vida?
– Fai ben e non mires a quen.”

Santiago: actividades destacadas do martes 29 de abril na Feira do Libro

O martes 29 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:00 h. Presentación do libro Vapor, de Pere Tobaruela (Lea Tobery), publicado por Xerais. Acompañarán ao autor no acto Ledicia Costas e Manuel Bragado.
20:00 h. O escritor e xornalista Pemón Bouzas presenta o seu libro A voz do vento, publicado por Xerais.
20:00 h. Manuel Gago asinará exemplares do seu libro Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, publicado por Xerais.

Anxos Sumai: “Conseguín escribir con valentía, con absoluta liberdade creativa”

Entrevista de Carme Vidal a Anxos Sumai en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Aínda impactada coa lectura de A lúa da colleita gustaríame saber que lle están a comentar as persoas que len a novela.
– Anxos Sumai (AS): Coinciden en que crea unha grande angustia e familiaridade coa protagonista. A sensación de atmosfera percíbea todo o mundo e iso alégrame, porque escribo sen premeditación mais sei o que busco. O emprego das cores, os obxectos cotiás, mesmo a descripción das pisadas no corredor están no libro para crear esa atmosfera. (…)
– SG: Non hai unha páxina de respiro. A intensidade é un dos obxectivos?
– AS: Busqueina. Quixen provocar en quen le a mesma incerteza que sente Nuria, a protagonista. É moi fácil alterar os límites e que desapareza a sensación de seguridade. Vive nun continuo estado de provisionalidade. Escribín que ela tiña a sensación de habitar nunha sala de espera e que ingresaría nalgún momento. É como eses soños que tes de pequena de ser algo importante de maior e, despois, a idade trae grandes decepcións e decátaste de que a vida é un fraude e cómpre asumir as responsabilidade nós mesmas. (…)
– SG: É das poucas que introduce sexo e drogas na novela. Cre que a nosa literatura adoece de excesivo control?
– AS: Ás veces utilizo imaxes moi duras, mais nin gore nin pornográficas. Creo que trato aos personaxes con sutileza. O que fago é contar a vida e na vida hai sexo e hai drogas. Outros autores tamén o fan, penso agora en Xavier Queipo, Antón Lopo, Xurxo Borrazás… De todas maneiras, paréceme que na literatura en xeral predomina nestes tempos unha vontade por escribir de maneira politicamente correcta. Eu opto por contar a verdade. (…)
– SG: A súa relación coa literatura goza desa intensidade?
– AS: Cando non teño nada que contar prefiro calar. Mais, de todas maneiras, a literatura está sempre presente. Usei mil manobras para non escribir cando intentaba comezar A lúa na colleita. Especialiceime en facer madalenas como noutro tempo ía bailar ás discotecas ou bordaba. A miña relación coa literatura é moi antiga, ven da infancia, pero opto por publicar pouco. Quero estar segura do que publico para poder defender o traballo con confianza. (…)”

Margarita Ledo: “Cómpre tomar partido, non facelo convértenos nun oco máis a transitar”

EntrevistaMargarita Ledo a Margarita Ledo en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): O seu primeiro contacto literario tívoo coa poesía, con aquel Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto. Por que este xénero?
– Margarita Ledo (ML): Porque foi o primeiro que lin en galego quizais, ou porque quería escribir en lingua galega e ese paso termaba dunha escrita na que comprometías o corpo e a fala.
– NG: Aqueles primeiros tempos de poesía, evolucionaron cara a narrativa e despois cara o ensaio. Este último centrado sobre todo na comunicación…
– ML: No ensaio a verdade é que adoito traballar eses obxectos que existen porque se fan para os demais: a foto, a prensa, o cinema, as iconografías do corpo… (…)
– NG: Entón, chegou un momento na súa vida na que aparece o audiovisual e no 2004 dirixe a súa primeira longametraxe, Santa Liberdade, como entra en contacto con este mundo?
– ML: Son estas idas e vidas da docencia e a pescuda ó traballo creativo. Daba aulas de documental, escribía sobre documental e púxenme a facer un documental. Era un documental sobre a utopía, os anos sesenta, a ocupación dun transatlántico para denunciar as ditaduras de Franco e de Salazar, unha acción da que é parte fundamental o exilio galego. (…)”

O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, unha das tres obras finalistas do Premio AELG de Narrativa

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres finalistas do premio de Narrativa 2013 O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia).