Convocado o XVII Certame de poesía Francisco Añón

BASES

PRIMEIRA: Poderán participar todas as persoas interesadas, de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en Lingua Galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.
SEGUNDA: Establécense as seguintes categorías e premios por idades, que se contabilizaran ata o oito de abril, data de remate de entrega dos traballos:
– Categoría A: Nenos/as de 6 a 7 anos. Premios:
• 1° Clasificado: vale de 90 euros en libros e publicación da obra galardoada.
• Accésit: Publicación da obra galardoada.
– Categoría B: Nenos/as de 8 a 9 anos. Premios:
• 1° Clasificado: vale de 120 euros en libros e publicación da obra galardoada.
• Accésit: Publicación da obra.
– Categoría C: Nenos e nenas de 10 a11 anos. Premios:
• 1° Clasificado: vale de 150 euros en libros, e publicación do poemario.
• Accésit: Publicación da obra seleccionada.
– Categoría D: Rapaces e rapazas de 12 a 14 anos. Premios:
• 1° Clasificado: vale de 180 euros en libros, e publicación da obra.
• Accésit: Publicación da obra seleccionada.
– Categoría E: Mozos e mozas de 15 a 17 anos. Premios:
• 1° Clasificado: cheque por valor de 450 euros e publicación da obra.
• Accésit: Publicación da obra seleccionada.
– Categoría F: Maiores de 18 anos. Premios:
• 1° Clasificado: cheque por valor de 1200 euros, e publicación da obra.
• Accésit: Publicación da obra seleccionada.
TERCEIRA: Para as categorías E e F, as obras terán unha extensión mínima de 150 versos. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
CUARTA: Os traballos presentaranse en sobre pechado, orixinal e cinco copias, figurando no seu exterior a mención XVII Certame Francisco Añón de Poesía. No seu interior achegarase un sobre pequeno, tamén
pechado, figurando no exterior o título da obra, a categoría na que participa e o lema ou pseudónimo do autor; e no interior os datos persoais (nome, idade, enderezo, teléfono de contacto, centro de estudios, título da obra e lema ou pseudónimo) e fotocopia do DNI ou CIF. Estes traballos recolleranse na Casa da Cultura. Avda. de San Campio s/n 15230 Outes (A Coruña) Tamén poden enviarse por correo ao devandito enderezo.
QUINTA: O prazo de presentación rematará o luns 8 de abril de 2013.
SEXTA: O xurado, que se dará a coñecer oportunamente, será nomeado polo Concello de Outes. O día 17 de maio de 2013, dentro dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, darase a coñecer a decisión do xurado nun acto público no que ademais de facer a entrega ás persoas premiadas, celebrarase a presentación do libro “XVI Certame Francisco Añón de poesía, 2012”.
SÉTIMA: Aqueles orixinais non premiados serán devoltos nun prazo de tres meses, previa solicitude por escrito.
Transcorrido o dito prazo, os poemarios serán destruídos.
OITAVA: A decisión do xurado será inapelable. A participación no presente certame implica a aceptación das anteriores bases.

Literatura en Ames Radio

Artigo no blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado martes día 22, os amigos de Ames Radio, capitaneados pola extraordinaria Nazaret López e mais o incombustible Juan Luis Silva, convidáronme a conversar sobre a crítica galega e outras cuestións literarias anexas. O resultado foi unha distendida charla de máis de tres cuartos de hora, na que foron xurdindo moi interesantes temas sobre o noso presente letrego. Deixo hoxe aquí un arquivo de audio cun extracto da conversa. Nel trátanse asuntos como o tempo de lectura, o papel das grandes editoras e os pequenos selos e aínda algunhas recomendacións poéticas, narrativas e ensaísticas que se deslizaron contra o final da entrevista.

Agardo que sexa do voso agrado.

Parlamento das Letras: Xoán Abeleira

Entrevista de Armando Requeixo a Xoán Abeleira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xoán Abeleira (XA): Faltar, fáltalles o recoñecemento que merecen, principalmente, a nivel estatal e internacional, e, asemade, fáltalles terminar de normalizarse, no sentido de que o mundiño literario galego —especialistas incluídos— é moi endogámico. Está moi ben que haxa un cento de ensaios sobre Rosalía de Castro, pero por que non tamén sobre Emily Dickinson ou sobre Joyce Mansour?
Sobrar, sóbralle xente desexosa de medrar. Pero esa xente —normalmente sen talento ningún— sobra en todas as letras. Máis aínda nas españolas, que están peor ca nunca, nese aspecto. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XA: Mentiría se dixese que o coñezo en profundidade, porque non é así. Daquela, non podo responder. Teño inmensas lagoas. E laméntoo de verdade, pero… Estou tan metido na miña propia pescuda —precisamente porque son consciente de que podo finar esta mesma noite— que non acho tempo para ler todo o que se está a publicar. Secasí, sei que hai xente, abonda, ben valiosa. E non só no ámbito poético —o que menos mal coñezo. (…)”

A Coruña: presentación de Banqueiros, coordinado por Francisco Pillado

O mércores 30 de xaneiro, ás 20:00 h., en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase o libro de teatro de autoría colectiva Banqueiros, publicado por Laiovento. No acto participarán o coordinador e prologuista do libro, Francisco Pillado, e un dos autores, Lino Braxe, que escenificará, xunto cos actores Manuel Varela e Juan Carlos Mejuto, a obra Inverno occidental recollida no libro.

Convocado o I Certame María Balteira

“A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova da Comarca de Allariz-A Limia-Maceda convoca o I Certame de Poesía e Relato Curto María Balteira.
Desde a Asemblea de Mulleres queremos concienciar da importancia do problema da vixencia do machismo na sociedade actual. Bótalle un ollo ás bases das distintas categorías e anímate a participar!

ESTUDANTES

1.- No certame poderán participar tódolos estudantes da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos dos Institutos de Allariz, Maceda e Xinzo de Limia, que o desexen e cuxos poemas e relatos sexan inéditos e escritos en galego.
2.- No certame haberá dúas categorías:
– Categoría da ESO (1º, 2º e 3º)
– Categoría de 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos
3.- O tema será A loita pola igualdade entre homes e mulleres; en xeral O Feminismo e, en concreto, A loita pola erradicación da violencia machista quedando para o alumno/a á libre elección do tema (dentro do exposto).
4.- Poderase entregar indistintamente un poemario ou un relato curto sendo @ alumn@ quen faga a escolla.
5.- Os poemarios serán orixinais e terán unha extensión comprendida entre dez e vinte versos escritos únicamente a ordenador ou mecanografados. A letra será Arial e o tamaño 12. Serán impresos en tinta negra
6.- Os relatos serán orixiniais e terán unha extensión máxima dunha folla sendo escritos a ordenador ou mecanografados. A letra será Arial e o tamaño 12. Serán impresos en tinta negra.
7.- As datas do Certame serán do 25 de Novembro “Día Internacional contra a Violencia de Xénero” ao 8 de Marzo “Día Internacional das Mulleres” repartíndose do seguinte xeito:
– Nunha primeira etapa serán os propios centros os que lles presenten aos alumnos o certame e escollerán como eles desexen entre tódolos participantes que catro representarán ao centro na final, sendo dous de 1º, 2º e 3º da ESO (un de poesía e un de relato curto) e dous de 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos (un de poesía e un de relato curto). A data límite para escolla d@s finalistas será o 21 de Febreiro.
– Nunha segunda etapa os centros remitirán os traballos escollidos á Asemblea de Mulleres dentro dun sobre que terá como contido o traballo e outro sobre pechado cos datos d@ alumn@ (Nome, Apelidos, correo electrónico, idade, curso e nome do centro). O sobre que se remitirá terá o nome do centro e a categoría á que pertence o traballo (ESO ou 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos). Un responsábel da Asemblea de Mulleres pasará a recoller os traballos o 22 de Febreiro.
8.- O premio consistirá na entrega dun lote de libros
9.- Para a escolla das gañadoras ou gañadores finais contaremos cun xurado do que formará parte unha renomeada escritora galega, un profesor/ora de galego de cada centro e unha profesora dun centro de Celanova que non participa. Ao seren 6 persoas a escritora terá a decisión final de haber empate nalgunha categoría.
10.- Para a entrega do premio faráse un acto no que se lerán tódolos traballos que cheguen á final. Ás/aos finalistas dos institutos sumaranse catro finalistas da categoría libre (esta categoría ten as súas bases) e que será o día 8 de Marzo ás 20:30 h. en Xinzo de Limia .
11.- Os catro traballos que resulten gañadores (dous da categoría de 1º, 2º e 3º da ESO e dous da categoría de 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos) no Certame quedarán a disposición da organización e o resto dos finalistas serán devoltos aos centros en días posteriores ao acto.
12.- O resultado final do Certame será publicado na páxina web da Asociación Xuvenil Galiza Nova.
13.- Os seis traballos que resulten gañadores (4 de estudantes e 2 da categoría libre) no Certame quedarán a disposición da organización.

CATEGORÍA LIBRE

1.- No certame poderán participar tod@s @s moz@s de entre 18 e 30 anos inclusive das comarcas de Allariz – Maceda – A Limia e o concello de Taboadela, que o desexen e cuxos poemas e relatos sexan inéditos e escritos en galego.
2.- O tema será A loita pola igualdade entre homes e mulleres; en xeral O Feminismo e, en concreto, A loita pola erradicación da violencia machista quedando para o participante a libre elección do tema (dentro do exposto).
3.- Poderase entregar indistintamente un poemario ou un relato curto sendo @ participante quen faga a escolla.
4.- Os poemarios serán orixinais e terán unha extensión comprendida entre dez e vinte versos escritos únicamente a ordenador en formato Word. A letra será Arial e o tamaño 12.
5.- Os relatos serán orixinais e terán unha extensión máxima dunha folla sendo escritos a ordenador en formato Word. A letra será Arial e o tamaño 12.
6.- As datas do Certame serán do 25 de Novembro “Día Internacional contra a Violencia de Xénero” ó 8 de Marzo “Día Internacional das Mulleres” repartíndose do seguinte xeito:
– Nunha primeira etapa serán @s propios participantes @s que prepararán os traballos e os remitirán a través de correo electrónico á seguinte dirección: certamemariabalteira@gmail.com No correo poranse os seguintes datos: Nome, Apelidos, Idade, teléfono de contacto e concello ao que pertence; adxuntarase o documento co traballo e neste documento non aparecerá referencia algunha aos datos do participante. A data límite para a recepción dos traballos será o 14 de Febreiro.
– Nunha segunda etapa a Asemblea de Mulleres da comarca remitirá os traballos ao xurado para que os valore e faga a escolla de 4 finalistas (2 de poesía e 2 de relato curto) que serán avisados mediante correo electrónico e teléfono.
7.- O premio consistirá na entrega dun lote de libros.
8.- Para a escolla das gañadoras ou gañadores finais contaremos cun xurado do que formará parte unha renomeada escritora galega, un profesor/ora de galego de cada centro e unha profesora dun centro de fóra das Comarcas participantes. Ao seren 6 persoas a escritora terá a decisión final de haber empate nalgunha categoría.
9.- Para a entrega do premio faráse un acto no que se lerán tódolos traballos que cheguen á final. Aos finalistas desta categoría sumaránse os finalistas das categorías dos institutos e que será o día 8 de Marzo en Xinzo de Limia. Haberá una premio por categoría de poesía e outro de relato curto quedando un total de 6 gañadores.
10.- O resultado final do Certame será publicado na páxina web da Asociación Xuvenil Galiza Nova.
11.- Os seis traballos que resulten gañadores no Certame quedarán a disposición da organización.”

Taboleiro do libro galego (I), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A desinteresada e entusiasta colaboración destas doce librarías de toda Galicia, que arriba se citan (Casa do Libro, A lus do candil, Librouro, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, Paz, Libros para soñar e Sisargas) e a cuxos responsables lles agradezo tanto a información como as matizacións que realizaron á iniciativa, son as que fan posible que naza hoxe unha sección [Taboleiro do libro galego] que ten como obxectivo, en esencia, contribuír na medida das súas posibilidades á difusión do libro galego, facendo valer un recurso como é o das listaxes dos libros máis vendidos, obtidas do cruzamento de datos que todas elas ofrecen e atendendo maioritariamente á presenza das novidades editoriais. Velaí os primeiros resultados dos libros galegos máis vendidos nesta última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros.

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. A noite branca, de F. X. Fernández Naval, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais de Galicia.
4º-. Hora zulú, de Santiago Lopo, Editorial Galaxia.
5º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Sechu Sende, autoedición.

POESÍA
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, PEN Clube.
3º-.  Inflamable, Samuel L. París, Positivas.
4º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
5º-. Fase de trema, Lorena Souto, Espiral Maior.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco, Laiovento.
2º-. Banqueiros, de Francisco Pillado Maior (coord.), Laiovento.
3º-. Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, de Camilo Franco, Biblos.
4º-. Prestige. Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, 2.0 Editora.
5º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
3º-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-.  María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
3º-. O cullarapo croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Persépole, de Marjane Satrapi (tradución de Eva Carrión del Pozo), Rinoceronte Editora.

Santiago: recital Picaversos, Os Mortais, con Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira

O martes 29 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Os Mortais, coa participación de Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira.

Vigo: conferencia de Francisco Castro, Leonardo e Verne, soñadores do futuro

O martes 29 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), Francisco Castro pronunciará unha conferencia titulada Leonardo e Verne, soñadores do futuro, contemplada dentro do ciclo Pasados, presentes e futuros da ciencia na literatura, e que se desenvolve simultanemente, dentro do programa Inspiraciencia, nas cidades de Barcelona, Madrid, Valencia, Vigo e Zaragoza.