Agustín Fernández Paz: “Tiven a sorte de nacer nunha familia na que o meu pai era un apaixonado da lectura”

Desde Xerais:
“O pasado domingo 18, A Revista do Diario de Pontevedra publicou unha longa entrevista de Sara Vila con Agustín Fernández Paz. O seu último libro, O rastro que deixamos; o seu nomeamento como Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo; a literatura; o ensino e a lingua son algúns dos temas que se tratan na entrevista. (…)
– Diario de Pontevedra (DP): Acaba de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Parabéns.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Grazas. A verdade é que estou abrumado, todos os premios me fan moita ilusión, pero ser nomeado Doutor Honoris Causa pola universidade da cidade na que vivo é toda una honra. Teño que agradecerllo ao Departamento de Lingua Galega, que me propuxo. Hai tempo que sabía que estaba proposto por eles pero non pensei que me foran nomear finalmente. É unha desas cousas que dan moita satisfacción.
– DP: E ademais estrea libro, unha especie de compendio sobre a súa vida…
– AFP: A orixe deste libro remóntase a hai tres anos. Por aquel entón diagnostícanme un cancro e eu prexubílome. Entón plantéxolle ao editor a idea de publicar un conxunto de textos que teño acumulados a moreas no meu ordenador. Como non me sinto con forzas, pásolles todos os documentos do meu disco duro para que eles os vexan e me digan que lles parece. Aí entra en escena Isabel Soto, que é quen me traduce habitualmente ao castelán. Dende Xerais imprimen todo e pásanllo a ela para que o valore. Case morre do susto coa cantidade de papeis que lle chegaron! (…)
Descargar aquí a entrevista completa en pdf.”

Santiago: presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira

O xoves 22 de novembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Compostela, preséntase o libro Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. O acto está organizado pola A. C. O Galo. No acto estará acompañado por Néstor Rego.

A Coruña: performance (Retro)visor, con Antía Otero e Isaac Garabatos

O xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, Antía Otero e Isaac Garabatos, partindo do libro (Retro)visor, publicado pola propia Antía Otero en 2010, afrontan a escenificación dos textos partindo da hibridación da escrita cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, o Live Cinema, a instalación artística e o poema obxectual. Unha proposta metaliteraria onde o xogo temporal se desdebuxa, creando unha voz monologada que se separa da propia autoría, para facerse acción e diálogo co público. Trátase dun espectáculo creado en residencia artística en Normal. A entrada é libre até completar aforamento.

Santiago: VII Xornadas de Cooperación, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O venres 30 de novembro, no Edificio Cersia (San Lázaro, Rúa Raimundo López Pol, s/n) de Santiago de Compostela, celébranse as VII Xornadas de Cooperación, organizadas por Igadi – Secretaría do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que cumpre 15 anos de compromiso local coa solidariedade internacional. Aquí pode descargarse o programa: VII Xornadas de Cooperación 2012.

A Coruña: presentación de Consideracións sobre a decadencia e rehabilitación da lingua galega, de Goretti Sanmartín

O xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), da Coruña, preséntase o libro Consideracións sobre a decadencia e a rehabilitación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco, de Goretti Sanmartín, publicado pola Universidade da Coruña. No acto a autora estará acompañada por Pilar García Negro e Xosé Manuel Sánchez Rei.

Santiago: presentación de Oroonoko, de Aphra Behn

O xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase Oroonoko, novela de Aphra Behn, traducida ao galego por María Fe González en Hugin e Munin. No acto participa, xunto á tradutora, Alejandro Tobar.

Monforte: presentación de 22 documentos do feminismo galego

O xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Monforte, preséntase o libro 22 documentos do feminismo galego, publicado pola Fundación Galiza Sempre. No acto participan Isabel Rodríguez Mate e Xabier Macías.

Pontevedra: presentación de Atl, de Manuel Lourenzo González

O xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos Sexto Edificio do Museo (Rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de Pontevedra, preséntase Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, interveñen Manuel Bragado e Manuel Figueiras. Como peche, actuará o grupo de pandeireteiras Adonairare.

Laíño, Dodro: recensión da homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón

O sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, tivo lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón. Na seguinte ligazón pódese ver a galería de imaxes do acto.
Deixamos aquí o texto da intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

“Dona Neves, Flavia, querida familia de Eusebio, autoridades, amigas e amigos.

En nome da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega doulles a benvida a este acto de amorosa reivindicación.
Vimos da nación toda honrar ao poeta Eusebio Lorenzo Baleirón nesta súa terra máis íntima e creadora do seu mundo poético, nesta súa casa, nos lugares onde ollou a luz por vez primeira e camiñou.
A luz que na súa man de ourive teceu as fervenzas da alma. A que habitou as palabras súas de fulgor para que a tenrura acariñe o íntimo de nós, coma orballo que vén con voar de ave nesta mañá outonal de novembro.
Esta placa insculpida no granito celebra hoxe a Eusebio, nesta súa casa, feita dos materiais cos que a terra crea os alicerces imperecedoiros con pedra sábrego e tenrura e que, e sobre de todo, está feita do cálido alento das voces dos seus seres queridos que nela moraron e compartiron a palabra e os seus silencios. A casa natal de Eusebio, feita de todo o que nela foi soño e fixo realidade amada, ou só ficou no invisíbel territorio do soñar para seren de novo soñados polas novas xeracións nun eterno enxendramento.
Cada casa é a suma dos seus pasados, nos que van deixando a súa pegada as xeracións que a habitaron e que viven entre nós ou xa son parte do alén, que é a patria máis fecunda e perdurábel.
A casa que habitan os recordos das xeracións que a viviron e dos que a viven, a casa, depositaria da alma da familia Lorenzo Baleirón que é un anaco da memoria colectiva de todo un pobo, que non é un absoluto abstracto senón os seres que son suma: os seus afectos na ledicia e na dor.
A casa que, coma nun libro nas súas paxinas, podemos ler a luz nas súas variacións do dia e a noite. Do albor ao solpor. Nesta terra onde chove miudiño, que nos manca por ser tanta a beleza, escoitamos hoxe os sons da natureza e os seus silencios tan cheos de vida, que deron a música da alma ao noso poeta.
Eusebio deunos nos seus poemas os máis innúmeros xeitos de nos comunicar humanamente tamén cos nosos silencios e o seu vocabulario que é nube e recende.
Permitídeme unha lembranza á cidade de Lisboa onde, coa nosa mocidade, atravesamos os seus brancos de cal. Compartín con Eusebio e mais Paulino e Asun un tempo de verao que hoxe semella soñado: compartimos a poesía, a amizade e aquel noso nacer de poetas na adolescencia do mundo.
A poesía de Eusebio, escrita na flor da idade, é parte das nosas biografías, aquela que vivimos non só no que humildemente somos, senón con aquel que soñamos ser.
Hoxe, en Laíño, na compaña da familia de Eusebio, celebrámolo con todos vós. E esta equipa fraterna que é AELG, filla da conciencia que somos, hónrase conmovida de poder falar por boca dos escritores ao amigo querido e admirado que vive en nós para sempre nunha eterna mocidade.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
En Tarrío, parroquia de Laíño, Concello de Dodro, 17 de novembro de 2012.