Entrevista
a Samuel Solleiro en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Samuel, dende Francia vese moi diferente a literatura e a cultura galega?
– Samuel Solleiro (SaS): En teoría vivir no estranxeiro, polo menos en lugares onde non hai un gran continxente de colegas de lingua e de profesión, suponse que crea unha raza de escritores raros, tal vez menos gregarios e corporativistas, con referentes distintos da maioría e unha visión algo máis fría das cousas. Aí atrás estiven moi interesado en Gombrowicz e na clase de escritor polaco que construíu no seu exilio en Arxentina. Dito isto, no meu caso os lazos co país son bastantes, para ben ou para mal, e se algún diminuto resto podo ter do que dixen arriba, xa o traería de antes por chamar a atención. Xa non se emigra como antes. A inexistencia de internet ao longo de case todo o século XX foi a que fixo posíbel que existise Gombrowicz, entre outros.
– LeO: Semella que nos últimos anos a literatura galega foi perdendo espazo na sociedade: menos vendas, menos espazo nos medios tradicionais… Reiventarse ou morrer?
– SaS: Sería prepotente responder isto como quen ten unha solución que ofrecer. Non a teño e desde hai un tempo prefiro non botar a lingua a pacer con estas cousas. En todo caso non se me ocorren demasiados casos no que a máxima “reinventarse ou morrer” funcionase mal.
Xurxo Chapela: “Non escribín un libro de poemas, empreguei a poesía para contar un amor podre”
Entrevista
a Xurxo Chapela en Letra en Obras:
“En 1999 Xurxo Chapela estreábase literariamente cunha novela da que renega: Con Aroa, o último verán (Ed. Sotelo Blanco). Logo veu un silencio creativo que durou nada menos que trece anos. A finais do pasado mes de agosto, coa sixilosidade e modestia do propio autor, chegaba ás librarías o poemario Primavera de navallas. Un fascinante tratado sobre o amor que corta, enferma e podrece canda a vida mesma. A saída á luz destes versos foi posible grazas á teima dun atípico empresario carballés, Xabier Graña, que non dubidou en practicar o mecenado creando un pequenísimo selo editorial (Quequeres Edicións). A obra comparte espazo no mesmo libro cunha peza teatral: Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García. (…)”.
Ribeira: Slam Arousa Poesía, o 4 de novembro
Nova edición do torneo de poetas Slam Arousa Poesía, coa participación de Celia Parra (gañadora da primeira edición que se celebrou o 5 de outubro en Rianxo) como convidada especial. Será o domingo 4 de novembro a partir das 21:30 horas no Bar Brétema (Rúa Cervantes, 6) de Ribeira. No Slam.Arousa de Ribeira poderán competir, gozar, obter o recoñecemento do público tribunal e conseguir ademais o agasallo que outorga o Concello de Ribeira. As persoas interesadas pódense apuntar previamente no correo slam.arousa@gmail.com ou aparecer sen máis no acto, onde terá o micro aberto para a súa poesía..
Pontevedra: presentación de A boca da galerna, de Xosé María Álvarez Cáccamo
O
mércores 31 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, preséntase o libro A boca da galerna, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicado en Espiral Maior. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a editora, participan, xunto ao autor, Domingos Antom Garcia Fernandes e Miguel Anxo Fernán-Vello.
Espello Cóncavo repara a “inxustiza histórica” da exclusión de Azos de esguello do CDG
Desde
Praza:
“(…) Espello Cóncavo será a encargada de reparar o que o seu director, Arturo López, cualifica de “inxustiza histórica”: a negativa, por parte do CDG, a representar Azos de esguello, de Euloxio R. Ruibal, gañadora no 1989 dese mesmo galardón, o Cunqueiro. Será, deste xeito, Espello Cóncavo a primeira compañía profesional que estreará, máis de vinte anos despois, esta obra, o vindeiro mes de febreiro. (…) Euloxio Ruibal si cre que as presións políticas estiveron detrás da decisión de marxinar Azos de esguello.
“O que fixen foi unha sátira de certa clase política dos comezos da preautonomía. Aquelas corruptelas que se foron engrosando ata volverse, na actualidade, de proporcións xigantescas. O daquela director do CDG, Manuel Guede, decatouse de que Azos de esguello ía molestar á Consellería e á Xunta. E por iso non quixo que a obra se representase, malia que xa existía un compromiso por parte do anterior director, Blanco Gil. Mesmo había unha compañía formada xa, de palabra”, asegura. A versión de Guede é ben distinta. “Sempre tiven unha liberdade absoluta para decidir sobre a programación. O motivo polo que Azos de esguello non se representou é que non me interesaba, desde o punto de vista estético. (…)”.”
[Euloxio Ruibal]: “Eramos unha xeración sen mestres, debido á fractura que supuxera a guerra civil. Pero interesábanos moito o teatro de preguerra: Castelao, Otero Pedrayo, Blanco Amor… Eu comezara en Ditea, e a maioría das compañías tiñamos claro que a loita contra o franquismo era fundamental. Pero non queriamos facer consignas, senón un traballo de calidade estética, conectado co teatro europeo. Falabamos moito de Brecht, de Stanislavski…, iamos fóra, e desde Teatro Obradoiro mesmo trouxemos moi bos grupos de teatro independente á Caixa de Aforros, ata que nos botaron por roxos, porque preferían un teatro para un público burgués, como agora”, asegura. (…)”.
Lugo: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O
mércores 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan cinco dos seus autores, Carmen Blanco, Darío Xohán Cabana, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer e Alberte Suras.
Ourense: O día de Nós
En
2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista Nós (1920-1935) no prelo de La Región, declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense. Dende estón esta data dedícase a lembrar e poñer en valor a actividade do grupo cultural xurdido ao redor da revista e, sobre todo, quentar motores para as grandes celebracións que terán lugar en 2020, no seu centenario. Nesa data quérese celebrar un Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, neste eido, tanto do interior coma da diáspora. Para esa data hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura e tamén como candidata a capital europea da Cultura. O programa deste día é o seguinte:
– De 12:30 h. a 13:30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).
1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020. Mantedor: Uxío Novo. Lectores convidados: Sarabela Teatro.
2. Lectura do Manifesto Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.
3. Peche: Himno Galego.
– De 17:30 h. a 18:30 h. Camposanto de San Francisco.
1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.
2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020 co acompañamento musical dun gaiteiro.”
Marcos Abalde gaña o premio Marqués de Bradomín por Xudite
“Unha
obra lírica sobre a maternidade, a medicalización do parto ou o sexo como ferramenta de poder. Todos estes temas se dan en Xudite, a ora co que o dramaturgo galego Marcos Abalde (Vigo, 1982) acaba de obter o premio Marqués de Bradomín 2012 de textos dramáticos que outorga o Instituto da Xuventude, Injuve. A súa foi seleccionada entre 52 obras e, ademais de ser o a primeira vez que este galardón recae nun autor galego, faino cun texto na nosa lingua.
Marcos Abalde continúa neste xeito a súa traxectoria como autor dramático. Malia ser moi novo, en 2011 fíxose co premio Álvaro Cunqueiro cun texto poético situado nun contexto bélico titulado A cegueira e neste ano foi finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega con Canibalismo.” Desde Cultura Galega.
Camiños de letras en Compostela
“Un percorrido virtual por Compostela a través de once escenarios nos que transcorren cinco obras de xénero negro. Esta é a proposta que presentaba o pasado 24 de outubro, Día Mundial da Biblioteca, a Consellaría de Cultura na Biblioteca Ánxel Casal. O proxecto, que está albergado no propio web da Biblioteca, toma pasaxes das obras Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro. A través de textos destas obras xeolocalizados en cadanseu espazo, e acompañados da opción de escoitalos na voz de actores de dobraxe habituais nas nosas pantallas, o proxecto propón achegarse á cidade do Apóstolo mediantes as letras, con versións en galego e en castelán.” Desde Cultura Galega.
Quiosco: Grial 195
“Chega
aos quioscos a entrega 195 de Grial. A revista de Galaxia centra boa parte dos seus contidos en Diálogos O2, encontro no que antigos bolseiros da Fundación Barrié reflexionaron sobre a ordenación do territorio no noso país e o proceso global de urbanización acelerada. Canda a isto, a publicación aborda temas como a relación de Celso Emilio Ferreiro coa censura, recuperando un conto inédito do autor, ou o Conto galego de Rosalía de Castro, entre outras cuestións.” Desde Cultura Galega.
