Reportaxe
en Praza:
“(…) As orixes do proxecto [Cartas de inverno] agroman cando Antonio Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno. “Dende o primeiro intre saltoume a idea de debuxala. Cativoume a súa ambientación, a súa estrutura a xeito de matrioskas rusas, a historia dentro da historia… É unha obra redonda”. (…)
Toda a interpretación é responsabilidade da lectura do debuxante: o contorneo da ficción, o traslado da atmosfera. Preocupáballe non deixar escapar as sensacións. “Dáme un pouco o mesmo se unha man está máis ou menos perfilada ou se unha liña non vai tan recta como debera. O que precisaba é que unha páxina transmitira tristura ou desacougo, frialdade ou soidade…”. El quería repartir emocións a través das imaxes e non é doado. “Non é o mesmo a linguaxe escrita que a linguaxe verboicónica propia da banda deseñada –sinala Fernández Paz-. E, aínda que nos textos Seijas vai moi pegado á novela, reproducindo en moitos casos anacos textuais, o certo é que as imaxes e a montaxe da páxina xogan un papel decisivo”. De feito, no limiar do álbum, feito polo propio escritor, dísenos que o resultado era ese que Seijas buscaba: “A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor”. (…)”.
Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro
O
venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.
O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:
Venres, 9 de novembro
– 16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
– 17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
– 19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.
Sábado 10 de novembro
– 10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
– 11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
– 12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
– 16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
– 18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.
A entrada é de balde.
A Coruña: obradoiro de creación literaria Historias da Cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, con Xurxo Souto
Co
título Historias da cidade-barco. A Coruña, capital do mar, a Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pon en marcha o seu sexto obradoiro. Co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración do Club do Mar de Santo Amaro, o escritor Xurxo Souto desenvolverá a partir do venres 9 de novembro, ás 19:00 horas, en 8 sesións, un obradoiro aberto á maiores de 16 anos, cos seguintes contidos:
– Todos os grandes ciclos míticos do mar recalaron na Coruña.
– Don Emilio González López e a ruta do “curricán”. A historia da cidade contada polos camiños do mar.
– Do antigo gremio de mareantes.
– Toponimia e talasonimia do mar da Coruña.
– Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa.
– A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
– A Coruña-La Habana. A cultura galego renace polos camiños do mar.
A inscrición, gratuíta, farase por orde de solicitude até completar as 20 prazas dispoñibeis, a través dos seguintes medios:
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Teléfono: 981 133 233 (luns a xoves, de 08:30 a 14:30 e de 15:30 a 18:00; venres, de 08:30 a 14:30 horas).
Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Cando lle preguntaron a Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.
Parlamento das Letras: Paco Martín
Entrevista
de Armando Requeixo a Paco Martín no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Paco Martín (PM): Faltan os mecanismos precisos para lograr lectores ben formados: medios abondo para que a crítica chegue a todos, prestixiando o seu oficio, o do escritor e mais o do editor… Sobrar, se cadra esa especie de afán intervencionista ao que tan afeccionados somos por aquí. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PM: Boa. Ao nivel de calquera e mesmo diría que, por veces, por riba do que en teoría debera ser. (…)”.
Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena, no Zig zag
Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro en ruso
“A
bóla de neve que é este Ano Celso Emilio Ferreiro non se detén. Agora, no que se refire ás traducións da obra do poeta celanovés, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo publicou, hai escasas datas, unha antoloxía bilingüe ruso-galega ao coidado da profesora Elena Zernova, contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Esta escolma, precedida por un limiar da investigadora rusa, contén máis de cincuenta poemas de Celso Emilio Ferreiro. (…)” Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Marcos Calveiro: “Fago literatura, non libros de formación”
Entrevista
a Marcos Calveiro en Atlántico Diario:
“Xogando no seu campo, Marcos Calveiro presentou a súa última obra, Palabras de auga, distinguida co Premio Merlín na súa última edición. Escolleu ao tamén escritor Agustín Fernández Paz como mestre de cerimonias: “Admíroo moito como escritor e somos amigos, supón unha honra que aceptase presentar o meu libro”, afirmou Calveiro quen confesou que lle daba un pouco de vergoña ter que tomar a palabra despois de Fernández Paz, “xa non terei nada que engadir; darei as grazas e poco máis”. Como a meirande parte da súa producción, Palabras de auga aborda un tema duro, pese a estar dirixida aos máis pequenos. “Non se poden enganar aos nenos e menos coa que está a caer en España; teñen que coñecer situacións dramáticas; os meus fillos ven tódolos días o telexornal; aínda así recoñezo que eu tamén os teño superprotexidos”. A inspiración da súa historia foi precisamente unha nova aparecida nun xornal: No Arxel as mulleres procuraban nos formigueiros os grans que recollen as formigas co que facer pan para os fillos: “Pareceume unha imaxe brutal da condición humana e pensei que esa realidade ben merecía unha novela”. Pese o seu compromiso social, Calveiro rexeita calquera finalidade de concienciación: “Eu fago literatura, non libros de formación para a cidadanía; aí acaba o meu traballo, outra cousa é que un orientador prepare unha unidade didáctica co libro”. Unha historia sangrante sobre a loita pola supervivencia no continente africano, pero que remata cun final aberto: “É un raio de esperanza, aínda que en calquera momento poden volver onde estaban”, apunta o autor.”.
Manuscritos: Estíbaliz Espinosa
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Entrevista a Xavier Alcalá sobre Verde oliva
Entrevista a Xavier Alcalá sobre o seu novo libro, Verde oliva, no programa Zig zag diario, da TVG.
A xornada de Escena Galega reclamarlle ás institucións cumprir cos seus obxectivos
“O
Centro Dramático Galego, a Escola Superior de Arte Dramática, a Axencia Galega das Industrias Culturais… todas as entidades públicas con competencias nas artes escénicas foron obxecto de comentario no marco da Xornada convocada por Escena Galega. Entre as principais conclusións das diferentes mesas de debate é que estas entidades non cumpren cos obxectivos cos que foron creados. Ante esa situación, os diferentes relatores incorporaron novos elementos ao debate reforzando a idea de que é servizo público e que así se debe incorporar. A política, profesora e sociolingüista Pilar García Negro destacou na súa intervención que “o teatro si ten un tempo e unha identidade, si ten lingua, polo que hai que supeditar todo euro público teatral á programación de compañías, grupos e obras galegas”. Outra das participantes na mesa, María Xosé Porteiro, engadiu un punto de vista a maiores desa vocación de servizo público ao dicir que “a cultura deber formar parte da nosa política exterior, a diplomacia cultural sempre é unha das que mellor funciona”. Puxo como exemplo que nos anos vinte se puido ver teatro en galego nas rúas de Bos Aires “algo que hoxe sería moito máis complicado”. A diferenza de modelo entre o neoliberal e o socialdemócrata no que atende á implicación do Estado no feito teatral marcou o discurso de Miguel Martín.” Desde Cultura Galega.


