Vigo: nomeamento de Agustín Fernández Paz como Socio de Honra de Gálix

“O xoves 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novagalicia Banco (antigo Teatro García Barbón) de Vigo, Agustín Fernández Paz recibirá o nomeamento oficial de Socio de Honra de GÁLIX 2012, galardón que recoñece a aqueles autores e autoras que teñan destacado especialmente durante a súa traxectoria traballando a prol da Literatura Infantil e Xuvenil galega. O propio autor anunciou que vai agasallar aos presentes cun conto inédito. A compañeira do autor durante moitos anos no ensino público, a orientadora escolar Paz Raña Lama, será quen lea a Laudatio. Un número moi importante de escolares vigueses, acompañarán ao noso homenaxeado durante esta xornada que esperamos ditosa para el e para toda a Literatura Infantil e Xuvenil galega.” Desde Gálix. Crónica posterior en Faro de Vigo.

Santiago: presentación de Fragmentos e comentarios do diario íntimo, de Cristina F.

O xoves 18 de outubro, ás 20:30 horas, no bar As Dúas (Praciña da Oliveira), en Santiago de Compostela, preséntase o libro Fragmentos e comentarios do diario íntimo, de Cristina F., publicado en Estaleiro. No acto, xunto á autora, participa Miguel Mosqueira.

Rianxo: obradoiro Divorciando a Poesía, por Elías Portela, os 19 e 20 de outubro

O poeta Elías Portela desenvolverá en Rianxo o obradoiro Divorciando a Poesía. O obradoiro desenvolverase o venres 19 de outubro (de 20:00 a 21:30 h.) e o sábado 20 (de 12:00 a 13:00 h.) na Biblioteca Municipal de Rianxo, e será de asistencia libre e gratuíta, previa inscrición enviando un correo electrónico antes do día 19 ao enderezo cultura@concelloderianxo.es, indicando nome e apelidos e co asunto Obradoiro de Elías Portela.

Santiago: presentación-exposición Linde, sobre Cristal escuro, de Branca Novoneyra

A instalación sonora Linde, que presenta e dá corpo ao novo poemario de Branca Novoneyra, Cristal escuro, abrirase ao público o xoves 18 de outubro a partir das 20:30 horas na Galería SQC (Pérez Constanti, 12, baixo) de Santiago de Compostela. O espazo sonoro foi preparado por Branca Novoneyra e Mónica de Nut e o visual por Jesús Andrés Tejada.

A Coruña: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas

O mércores 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º andar) da Coruña, preséntase o novo libro de Manuel Rivas, As voces baixas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.

Fina Paco Lareo, dinamizador cultural do rural galego

“Esta fin de semana morreu en Cruces Paco Lareo (Piloño, Vila de Cruces, 1938), un dos referentes actuais de dinamización do contorno rural. Malia a súa faceta de creador como escultor e pintor, destaca o seu proxecto cultural que desenvolveu na Solaina, unha das casas que posuía na súa localidade natal. Unha iniciativa que leva tres décadas de traballo promovendo encontros de artistas e escritores de eido internacional nun espazo rural, moi apegado á natureza. Lareo presidiu a fundación A Solaina (en proceso de reconverterse en Fundacion Paco Lareo) que promove a actividade deste espazo ata 2011, cando deixou o cargo na súa irmá tras serlle diagnosticado parkinson.” Desde Cultura Galega.