Celanova: No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o 20 e 21 de xuño

O mércores 20 (de 10:45 a 12:25 h.) e o xoves 21 de xuño (de 19:00 h. en diante), na Biblioteca do IES Celanova, baixo a organización desta Biblioteca e da Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística Terra de Celanova e Baixa Limia, e a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Fundación Celso Emilio Ferreiro, celebraranse diversas actividades baixo o nome de No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.

PROGRAMA

Exposicións:
Celso Emilio Ferreiro. Letras Galegas 1989 (IES de Celanova). Elaborada no I.B. Celso Emilio Ferreiro no curso escolar 1988-1989.
Descubrindo a Xocas (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande). Libro feito polo alumnado de Educación Infantil.
O foxo do lobo das Covateiras (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande). Maqueta elaborada a partir do libro de Davide Pérez Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular.
– Moais do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande)
Os ollos das palabras. Exposición de obra gráfica de Baldo Ramos.

Presentacións:
Mostra bibliográfica Escritores da comarca Terra de Celanova – Baixa Limia (IES de Celanova). Inauguración da mostra permanente de fondos dos escritores da comarca.
Vieiros de palabra. Terra de Celanova – Baixa Limia en letras de autor. Presentación do libro conformado por textos orixinais de corenta e cinco autores vivos da comarca, editado pola Librería Conde, de Celanova.

Audiovisuais:
A miña palabra preferida é… (CEIP Curros Enríquez – Celanova). Vocábulos escollidos polo alumnado, presentes na obra de escritores de Celanova.
Celanova ten un vento (CPR Sagrado Corazón – Celanova). Vídeo-poema cantado a partir do texto de Celso Emilio Ferreiro.
A máis fermosa roseira (CEIP Rogelio García Yáñez – Ramirás). Versión de poemas de Lois Antón Pérez e de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
Loa ao porco bravo (CEIP San Marcos – Cartelle). Versión dun poema de Henrique Feixó.
Letras do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande).
– Audiovisual sobre os escritores da bisbarra da Baixa Limia.
Deus che dea ira, que paciencia tes de abondo (IES Lagoa de Antela – Xinzo de Limia). Audiovisual sobre Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL).
Ás veces fáltannos palabras (IES de Tomiño). Versión plurilingüe dun poema de Baldo Ramos, elaborada polo EDLG.

Recitais:
– Recital musicado dos poemas Nai, Soldado e Moraima, de Celso Emilio Ferreiro (IES de Celanova).
– Interpretación musical dos poemas Bande e María Soliña, de Celso Emilio Ferreiro (IES Aquis Querquernis – Bande).

Intervencións:
Celso Emilio Ferreiro fai cen anos. Palabras de Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Escritores da Terra. Terra de escritores. Lectura, a cargo do presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, dun manifesto elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A palabra dos nosos escritores. Lectura de textos de autores da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia.

Propostas:
– Proposta do IES de Celanova para pasar a se denominar IES Celso Emilio Ferreiro.

Parlamento das Letras: Xabier P. DoCampo

Entrevista de Armando Requeixo a Xabier P. DoCampo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Estou seguro de que nada lle sobra. Non hai ningún libro no que non encontres algo, aínda que sexa pequena cousa, meritorio dabondo coma para indultalo da fogueira do desprezo. Escóitase ás veces dicir que se publica demasiado, non, nunca por moito pan é mal ano. Adiante con outro libro máis, adiante con outra persoa que pense: eu tamén teño algo que dicir, e a continuación diga, vouno contar. Despois será o lector o que sancione, o que vexa se ese libro novo lle di algo novo de si mesmo, do lector, ou se só di do autor, porque entón dificilmente atraerá a alma de quen le o libro, por moi interesante que lle pareza ao autor todo aquilo que conta. E que nos falta? Fáltanos país con ambición de selo. Xente que abra os ollos ao que somos e ao que temos e se recoñeza. Lectores e lectoras, persoas que anden á procura do nome dos seus sentimentos e saiban que a lectura está precisamente para iso, para nos axudar a poñer nome aos nosos sentimentos e, así, facelos vida. Porque a literatura, coma toda a arte, está aí para nos axudar a sermos o que somos e non outra cousa. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XPD: Se entendemos como presente o que se anda a publicar nestes últimos anos, gozo moito ao comprobar que cada ano aparecen unha ou dúas obras de moi alta calidade. Sempre hai un poemario ou unha novela que che enchen o corazón de gozo e de esperanza. Cada ano hai algo que fai que acredites na inmortalidade da nosa literatura.”

Coñécense os gañadores dos Premios Xerais 2012

“O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e dúas obras, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Chaeira, Iris Hull e Palabras de auga. Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Palabras de auga, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marcos Calveiro e corresponde ao título Palabras de auga. Segundo os membros do xurado «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia». «Cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria. É desas obras que emocionan, que conmoven, que cautivan». Por último, os membros do xurado, sinalaron que «Palabras de Auga é unha viaxe cara o interior da África máis pura. Pero tamén cara o interior do propio eu, e esta é unha singradura sen posible retorno».

O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorreron trinta e dúas obras formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto,  acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Faneca brava, Ketos e Pouso da Arcai. Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade acordou declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pouso da Arcai que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, e corresponde ao título Tonas de laranxa. Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2012, no ditame que elaboraron sobre Tonas de laranxa salientaron que «sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rapida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa». «A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmósfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo».”

Pontevedra: presentación de Do idilio á diáspora, de Xosé Carlos López Bernárdez

O martes 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva) de Pontevedra, preséntase o libro Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, de Xosé Carlos López Bernárdez, publicado en NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Abilleira e Fernando M. Vilanova.

Xarmenta volve propor o berciano Antonio Fernández Morales para as Letras 2013

“A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta sempre reivindicou, nos diferentes actos que leva realizados no Bierzo desde 2005 xunto con outras institucións bercianas, que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) merece un recoñecemento especial dedicándolle un Día das Letras Galegas. Neste 2012, un ano máis, Xarmenta solicítalle á Real Academia Galega que o poeta Antonio Fernández Morales sexa o persoeiro escollido para a celebración do Día das Letras Galegas de 2013 fundamentándose en que: “Antonio Fernández Morales publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua”. Ademais, Xarmenta salienta que “Morales escribiu en lingua galega na comarca do Bierzo, fóra da Galicia administrativa, nunha época difícil para as nosas letras”. (…)” Desde Praza.

Unha épica en construción

Reportaxe de Daniel Salgado en El País:
“Co sintagma “viúvas dos vivos”, Rosalía de Castro rexistrou, en Follas Novas (1880), a ferida migratoria aberta en Galicia. A poeta escribía cando as primeiras estatísticas oficiais do Goberno español ofrecían datos da emigración oficial: entre 1860 e 1880 deixaron o país 122.875 persoas. Como a literatura dificilmente se desanoa do mundo en marcha, continuou dando conta do exilio económico que asollou o territorio ao longo do século XX. Aínda a falta dunha épica da cuestión —así o denuncia Xavier Alcalá—, as pegadas de galegos á procura dunha vida mellor polo mundo adiante aparecen unha vez e outra nas letras galegas. Xosé Neira Vilas en Esperando o leiteiro (Galaxia, 2012) e o propio Alcalá en Verde oliva (Galaxia, no prelo) son as máis frescas mostras.
O detective Frank Soutelo, o personaxe creado por Miguel Anxo Fernández e protagonista de catro novelas de serie noir, é fillo de emigrantes a California. N’A fame fatal de Alberto Lema, lembra a coordinadora da revista de libros Protexta, Ana Salgado, a protagonista anuncia que marcha para as Canarias. Da Porta blindada de Margarita Ledo sae Antón Moreda, histórico galeguista da emigración marxinado dende os cenáculos piñeiristas. As maneiras en que o fenómeno social máis relevante da historia recente se entremete na narrativa son múltiples, equívocas, fragmentarias, ruinosas. “Non entendo como desaproveitamos a oportunidade da épica”, considera, ao respecto, Xavier Alcalá, “non entendo como cada escritor galego non ten unha novela sobre a emigración; dá para todos”. (…)”

Celanova: plenario extraordinario da Real Academia Galega centrado en Celso Emilio Ferreiro

“(…) O cortexo cívico trasladouse ao Auditorio Municipal Ilduara, onde tivo lugar a sesión plenaria extraordinaria da Academia. Abriu a sesión o presidente, agradecendo ao Concello e á Fundación Curros Enríquez a súa xenerosa colaboración e ás autoridades, á familia do homenaxeado e ao público a súa presenza. A continuación, o secretario, Xosé Luís Axeitos, deu lectura á certificación do acordo, que se tomou en sesión ordinaria do Pleno o 30 de marzo de 2012, para a celebración deste plenario extraordinario. En primeiro lugar, interviu a académica de número Margarita Ledo Andión cunha alocución que titulou, Celso: editor clandestino, na que fixo memoria do labor do homenaxeado como propagandista político. Destacou “a importancia da forma na configuración do nacionalismo” e “a construción do noso imaxinario nacional a partir da espiral”. Lembrou que, nos últimos anos da década de 1960, se “desenvolveu unha pegada nunca subsumida na retórica esencialista”. Rematou o seu discurso reivindicando a vixencia das palabras de Celso Emilio: “a miña terra é íntima e tenra, pero a xuventude fuxe dela á procura de pan”. En segundo lugar, o académico Darío Xohán Cabana destacou a influencia de Celso Emilio e Curros Enríquez na súa formación como poeta: “foron os dous de Celanova, os virxilios que guiaron os meus primeiros pasos na literatura”. Sinalou tamén a dificultade que, para as xeracións máis novas, supón comprender o impacto de Longa noite de pedra tivo naquela altura, pois “chegou a vender quince ou vinte mil exemplares en tempos sen galego no ensino”. Para Darío Xohán Cabana, “Celso Emilio era o novo Curros, era o símbolo da loita antifranquista. Era o gran poeta que todos queriamos imitar”. (…)” Vía Real Academia Galega.

Xosé Manuel Fernández Castro: “Recoñecer a Vidal Bolaño é recoñecer a importancia do teatro na normalización cultural do país”

Entrevista a Xosé Manuel Fernández Castro en Praza:
““Ter no país unha figura como a de Vidal Bolaño e mirar cara a outro lado é unha inxustiza”. Está é unha das conclusións que transmite Xosé Manuel Fernández Castro (Santiago, 1963). A finais do ano pasado este profesor publicou en Laiovento A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, libro que fura na traxectoria vital e profesional do dramaturgo. Praza aproveita a campaña que promove as Letras Galegas para Vidal Bolaño para recuperar o libro e falar con Fernández Castro.
– Praza: Cales son os motivos polos cales as Letras Galegas homenaxee a Vidal Bolaño?
– Xosé Manuel Fernández Castro: Pois é que algún ano haberá que lle dedicar o 17 de Maio a un autor dramático, porque non queda outra que recoñecer o importante papel do teatro na normalización da nosa cultura. Esa homenaxe ao teatro é necesaria e, seguramente, hai que recoñecer a súa relevancia a través dunha persoa moi significativa e, realmente, non hai ninguén máis significativo que Roberto Vidal Bolaño. Algunhas veces cométese un erro enorme ao deixar nun segundo termo formas de creación que vaian por outras canles que non sexan as estritamente editoriais. A experiencia literaria que hai detrás das obras dramáticas non teñan unha presenza tan clara nas librerías, mais non por iso son menos importantes ca outras formas literarias. Hai moito tempo que non vemos un dramaturgo homenaxeado coas Letras Galegas (…)”.

A Coruña: recital de Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 11 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man do poeta indio en lingua inglesa Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval.