“En
setembro do pasado ano, Juan José Moralejo Álvarez era homenaxeado pola Universidade de Santiago no seu setenta aniversario. Pouco máis duraría o que fora catedrático de Filoloxía Grega nas súas aulas e membro dunha saga que deu á institución educativa compostelá nomes como o de seu pai Abelardo ou seu irmán Serafín, experto no Pórtico da Gloria finado tamén en 2011. Moralejo é autor dunha ampla obra na que visitou a investigación en linguas clásicas, obras sobre lingua galega e outras nas que deita ironía sobre a súa outra paixón, a pesca. Entre os títulos da súa biografía, alén de traballos especializados, sobrancea a tradución para o galego da Política de Aristóteles e títulos como A lingua galega hoxe ou A lingua e os seus problemas. Da súa afeizón á pesca naceu As troitas, miñas señoras, publicado por Galaxia con limiar de Carlos Casares e epílogo de Álvaro Cunqueiro. Coñecedor de ríos e dos segredos das troitas, o libro responde, segundo Casares, ao “saber antigo, vello de moitos séculos, que se resiste a desaparecer e reclama, con dereito e con razón, un lugar no mundo”. (…)” Vía Sermos Galiza.
Ribeira: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez
O
martes 29 de maio, ás 20:30 horas, na Aula Multimedia (baixo da Confraría) de Ribeira, a Asociación Altofalante e Barbantia presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG. No acto, xunto ao autor, participa Xesús Laiño.
De Navia ata o Brasil: o mapa do idioma segundo Paz-Andrade
Artigo
en Dioivo:
“”O mapa do idioma de Camões e Rosalía exténdese a catro continentes. É a terceira en importancia entre as linguas neo-latinas. Despois do inglés e do castelán, é a falada por maior número de persoas no hemisferio austral. Pero os datos reveladores da expansión que alcanzou palidecen ante os que permiten deducir o desenvolvemento futuro do mesmo fenómeno. Abonda ter presente o índice de acelerado crecemento demográfico e económico de Brasil, e valorar o seu porvir como potencia mundial, para comprender que un auxe paralelo experimentará o censo dos que falan o idioma galego-portugués en América. E non só o censo directo. Imperativos de orde económica e cultural abriranlle cada día maiores cauces para o intercambio, nos países anglosaxóns. Ten, por tanto, brillantemente asegurado o seu destino entre os grandes idiomas atlánticos”. Son palabras de Valentín Paz-Andrade, recollidas no seu libro Galicia como tarea (1959). O homenaxeado neste 17 de maio concibía o galego e o portugués como dúas variantes dunha mesma lingua.
As citas son claras, ao respecto, na súa obra ensaística. En La marginación de Galicia, (1970), que amplía e complementa as reflexións de Galicia como tarea, asegura que “se quixeramos poñer lindes ao territorio lingüístico, básicamente uniforme, do galego-portugués, teriamos que situar o do Norte en Navia e o do Oeste en Corumbá, co Atlántico polo medio”. Por iso, pregunta máis adiante no mesmo texto, “O galego debe manter unha línea autónoma na súa evolución como idioma, ou debe ter a máis estreita similaridade coa lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e de Brasil?”. (…)”
Tucho Calvo: ”Paz Andrade aspirou a poñer os galegos no mundo e na vangarda”
“Valentín Paz Andrade era
unha desas personaxes que formaba parte dunha xeración que viviu unha situación que en nada se pode comparar coa nosa. Pasaron dúas ditaduras, atravesaron unha guerra civil e conviviron con dúas mundiais. Eles souberon loitar e tiveron azos para cambiar o país. Nós non podemos amedrentarnos”. Así definiu o homenaxeado nas Letras Galegas o escritor Tucho Calvo, autor do libro Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX, quen este luns participou nun encontro do Ateneo de Santiago para celebrar o 17 de maio. Calvo, que foi presentado polo académico Salvador García-Bodaño e o catedrático Anxo Tarrío, rememorou a longa entrevista en profundidade que lle fixo ao autor de Galicia como tarea nos anos oitenta que daría como resultado este libro. Un resultado que, en calquera caso, acabou por ser serodio, xa que o libro non vería a luz até 1998 con Edicións do Castro. “A editorial SEPT de Isla Couto encargárame unha serie de entrevistas longas con persoeiros da vida galega. A de Valentín ía ser un libro, mais non chegou a saír nunca”, explicou Tucho Calvo, quen rememorou ademais o lugar onde falou co fundador de Industrias Pesqueras. “Foi no seu despacho da casa de Pousanova do Mar, aos pés de Samil. El era realmente a memoria do século XX e ese despacho impresionaba, cheo de debuxos de Castelao, de esculturas, de manuscritos de moitos históricos. Impresionaba”, explicou o escritor. (…)” Vía Dioivo.
A lingua. A reflexión, un documentario de Xosé Bocixa
Miguel Anxo Fernández: “O máis complicado da escrita é dar cun bo arranque que magnetice, que atrape ao lector”
Entrevista
a Miguel Anxo Fernández en Tempo de Lecer:
“(…) – Tempo de Lecer (TdL): As súas obras céntranse no ensaio, a historia e a ficción. Son tres ramas moi diferentes entre si? Hai algunha na que se sinta máis cómodo?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Certamente o son, por moito que sexa a palabra a ferramenta común. O ensaio require rigor, investigación, análise. A ficción, imaxinación e gañas de contar unha historia que atraia ao lector. O ensaio é menos agradecido pola súa difusión restrinxida, pero ao tempo moi necesario. Na ficción, confeso que rexeito o modelo de escritor onanista, que semella escribir para si mesmo póndose de costas ao lector. Con isto non reivindico a trapallada, nin moito menos, pero si que haxa comunicación co lector. Agrádame a literatura de xénero porque se pode facer desde a dignidade ao tempo que buscas a complicidade do lector. Non faría distingos, son mundos diferentes. (…)
– TdL: Que pensa cando se senta diante dunha folla en branco antes de comezar un novo proxecto?
– MAF: O tópico di que pánico, pero algo hai diso… Recoñezo que comezo unha historia cando teño un bo remate, e confeso que o máis complicado é dar cun bo arranque, que magnetice, que atrape ao lector e o convide a acompañarme na lectura. Por sorte para o ecosistema, a folla en branco trocouse en pantalla. Hei de anotar tamén que só escribo cando me apetece, e poden pasar meses e semanas ata que regreso a unha historia. O labor de escribir enténdoa como pracenteira, nunca como sufrimento. O meu masoquismo non chega a tal extremo… (…)”
I Festival Poético do Morrazo
Parlamento das Letras: Ramón Caride
Entrevista
de Armando Requeixo a Ramón Caride no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ramón Caride (RC): Unha vez, nun encontro de escritores novos da AELG hai anos, un daqueles escritores novos, que agora xa non o son tanto, falou nun manifesto de “matar o pai e enterralo en cal vivo” e Novoneyra, que estaba naquel acto, deuse por aludido, e doeulle. Eu creo que non era esa a intención do manifesto, pero, en previsión de novos malentendidos, creo que non sobramos ninguén. O único que pediría é que os subsidios institucionais se repartan equitativamente; por exemplo, como as liquidacións de Cedro. E se imos tocar a moi pouco, que se fagan sorteos e ao que lle toque, pois tocoulle. Pero se no próximo Xacobeo a algún lle volven caer trinta recitais remunerados e a outros nada, que queres que che diga. Dan ganas, mesmo, de se dar de baixa do sistema literario, se é que temos tal cousa.
Que nos falta: internacionalización, difusión pública, axentes literarios, intermediarios profesionais que nos acheguen aos lectores do mundo e ás traducións, asociacións profesionais sen rixideces e sen figuras petrificadas nas cabeceiras… Falta case todo, agás autores e autoras interesantes, que os temos, e moitos. Temos o máis fundamental, os alicerces, moitos escritoras e escritores moi bos. Agora hai que erguer o edificio. Que se pode, e se non mirade para a banda deseñada ou a ilustración. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RC: Como di Cioran. “Todo quen diga: nós, está mentindo”. Ou como Wittgenstein: “toda discusión é unha discusión sobre as palabras”. Porque se falamos do noso presente literario, quen somos nós, os do noso presente: ¿os lectores?, ¿os editores?, ¿os críticos?, ¿os escritores? Supoño que os escritores, pola parte que me toca. Eu sei algo do que fago, pero non moito do que fan outros, alén do meu círculo inmediato. Este oficio é tan solitario e tan particular que o presente literario de cada autor é o presente literario de cada autor. A min non me vai tan mal, así que non vou poñerme a chorar. Xa sei que son un galego atípico. Outra cousa, ou a mesma cousa se cadra, é a crise da industria editorial galega, que non vén de agora, aínda que se agrava arestora por circunstancias evidentes.
O meu amigo Miguelanxo Prado dicía, alá polo 1991, “unha cultura totalmente subvencionada é coma un neno-burbulla” que periga cando fallan as subvencións. E para min que algo disto, ou moito, houbo. De todos os xeitos, hai editoriais novas, con novas ideas e xeitos de facer, que me interesan moito. Isto se cadra non é unha crise editorial senón un cambio completo do modelo editorial, xa veremos. Temos que ser optimistas e traballar, escribir no noso caso. Eu das miñas crises levo saído a forza de traballo. Creo que hai que ser optimistas, aínda no caso de que non podamos ser ningunha outra cousa, e sobre todo neste caso. O futuro é todo noso, porque está todo por facer. (…)”
Cerdanyola: actividades do Día das Letras Galegas
O
domingo 27 de maio, a partir das 12:00 horas, no Museu d’Art de Cerdanyola (MAC-Can Domènech), a Irmandade O Botafumeiro conmemora o Día das Letras Galegas coa actuación do músico Josep-Maria Ribelles, que interpretará obras de Emilio Cao, o concerto do coro da Irmandade, e a conferencia Valentin Paz-Andrade e Castelao, irmáns e mestres da nación-cultura galega como tarefa, a cargo de Camilo Valdehorras.

