A Pobra do Caramiñal: presentación de Dark Butterfly, de Rexina Vega

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Tenda Escola Deán (Rúa Rafael Calleja, 11-13), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais de Galicia e a Libraría LER da Pobra do Caramiñal presentan o número 75 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do libro Dark Butterfly, de Rexina Vega. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado, Agustín Agra e Amparo Cerecedo.

Carballo: presentación de Un mar de sensacións, de Rosalía Fernández Rial e Xan Fernández Carrera

O venres 25 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, dentro da programación do Mes das Letras do Concello de Carballo, preséntase o libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, Rosalía Fernández Rial e Xan Fernández Carrera, publicado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte.

Carral: entrega do Premio de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal e presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral (Rúa do Paleo, 17), entrégase o Premio do XV Certame de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal Ponte, tendo lugar tamén a presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira, gañador da edición do 2011. No acto, xunto aos autores, participa José Luis Fernández Mouriño e Miguel Anxo Fernán-Vello.

A Coruña: recital poético de A Porta Verde do Sétimo Andar

A sexta-feira, 25 de maio, a partir das 20:30 horas, no Bar Borrazás (Rúa do Orzán, 165) da Coruña, terá lugar un novo recital poético dos integrantes de A Porta Verde do Sétimo Andar. Entre outros, participan: Celia Parra, Alberte Momán, Verónica Martínez, Manuel Miragaia, Pili Mera, Alfonso Láuzara, Natalia Concheiro, Diego Villar, Manolo Pipas, Paco Gallego, Ramiro Vidal Alvarinho, Miguel Ángel Alonso, Paco Souto, Lino García, Diego Villar, María José Fernández, François Davo e Begoña Paz.

Bruxelas: Dias das nossas letras e das nossas culturas

A Asociación Couto Mixto de Bruxelas e a Livraria Orfeu de celebran os Dias das nossas letras e das nossas culturas, co seguinte programa:
Sexta feira, 25 de maio, ás 18:30 horas, na Livraria Orfeu: presentación de Noente Paradise, de Ugia Pedreira, presentada por Ramón Neto.
Sábado, 26 de Maio, ás 17:30 horas, na Livraria Orfeu. Encontro debate moderado por Xavier Queipo sobre as literaturas e as culturas da lusofonía (Galiza, Portugal, Brasil, …), con Ugia Pedreira e Ramón Neto (Galiza), Fred Martins (Brasil), J. Pinto da Silva (Portugal) e outras intervencións libres mediante inscrición. Ás 22:00 horas, concerto de Acrobata no LR6 (204, rue Haute, 1000, da mesma cidade, con Ugia Pedreira e Fred Martins. As reservas pódense conseguir aquí: coutomixtobruxelas@gmail.com. Venda antecipada de billetes na Livraria Orfeu (Rue du Taciturne 43, 1000).

O escritor na súa terra: Xavier R. Baixeras. Ribadeo, 2012, o sábado 2 de xuño

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, que cada ano impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega neste 2012 a súa XVIII Edición recaendo, por decisión da Asemblea de Socias e Socios, na figura de Xavier Rodríguez Baixeras.
Celebraremos esta XVIII edición o vindeiro sábado, 02 de xuño,  na vila de Ribadeo, que con nós colabora. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos que se detalla máis abaixo. Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “O Cabazo” e cuxo prezo por persoa é de 32 euros.
De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando, até o vindeiro luns 28 de maio –inclusive– ao teléfono 981 133 233 (de luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:30); ou enviando un correo electrónico a  oficina@aelg.org. Poremos á vosa disposición un autobús que sairá de Vigo e fará unha parada en Santiago de Compostela e outro autobús que sairá dende A Coruña. Este servizo de autobuses farase sempre e cando haxa un mínimo suficiente de peticións.

Programa de actos

11:30 horas. Parque “Os Canapés” (O Xardín). Plantación da palmeira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito conmemorativo dedicado ao homenaxeado. Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
• Xavier Rodríguez Baixeras.

12:30 horas. Salón de Plenos da Casa do Concello de Ribadeo, rúa Praza de España, 1. Acto de entrega da letra E. Interveñen:
• Fernando Suárez Barcia, Alcalde de Ribadeo.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xosé María Álvarez Cáccamo. Laudatio.
• Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Xavier Rodríguez Baixeras.

13:45 horas. Visita ao Parque Xavier Rodríguez Baixeras (zona do Cargadeiro).

14:30 horas. Restaurante “O Cabazo”, rúa Río do Amalló, 1. Xantar de Confraternidade. Aberto aos socios/as da AELG, á veciñanza de Ribadeo e demais persoas interesadas.

Vexa aquí o cartel e o programa en pdf.

A biografía nómade de Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945), o seu tránsito de habitante en diferentes cidades e países, a procura do centro estábel nalgún punto da rosa dos ventos –maiormente a Beira Norte, a Mariña, de Ribadeo a Nois–, conforman constantes existenciais que alicerzan o edificio da súa escrita, asentada sobre os símbolos da Viaxe e a Casa, arquetipos dinámicos en constante interacción complementaria.
Desde os seus inicios foi construíndo o poeta un código de singular estilo, caracterizado pola tensión das solucións formais, a perspectiva interrogante e asombrada, o exercicio dunha ollada simbólica e arquetípica que se expresa en pronuncia natural, certo efecto de estrañeza producido polo equilibrio entre a visión onírica e o deseño figurativo e o dominio absoluto das técnicas rítmicas e musicais. Xavier Rodríguez Baixeras, figura máxima da xeración poética dos 80, poeta fundamental na historia completa da Poesía, mestre de coetáneos e herdeiros, foi labrando na súa obra un dos discursos máis transcendentes e reveladores da contemporaneidade.
A singularidade da súa voz e do seu estilo procede da actitude ética e temperamental de quen mantén unha moi consciente orientación de independencia, moi afastado sempre da norma gregaria, aínda que comprometido tamén coas causas colectivas da xustiza e a fraternidade, desde a esquerda, desde o nacionalismo, sen deixarse seducir nunca polo engado do poder.

Berta Dávila gaña o XV Premio de Poesía Johán Carballeira

O xurado do XV Premio de Poesía Johán Carballeira, constituído por Calros Solla (gañador da edición anterior do premio), o crítico literario Héitor Mera e o poeta Alfonso Láuzara, reuniuse nesta data para resolver o dito premio, actuando como secretario, en representación do Concello de Bueu, Xabier Framil Barreiro.
Tralo pertinente debate resultou gañador por unanimidade o traballo Raíz da fenda, de Berta Dávila Fernández. O xurado valorou a mensaxe, o ton, a boa estruturación e en definitiva a sensibilidade que amosa o poemario no seu conxunto. Destaca especialmente que se trate dun poemario limpo de artificio, carente de adobíos innecesarios.

Parlamento das Letras: Xulio López Valcárcel

Entrevista de Armando Requeixo a Xulio López Valcárcel no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Xulio López Valcárcel (XLV): Manía, ningunha. Cando era novo, fumaba algo e gustábame dispoñer de auga fría para contrarrestar a sequidade do tabaco. Agora, nada especial. Traballo todos os días, iso si, tomo notas nuns papeliños que sempre levo e vounas deixando nunha carpeta. Ao cabo de meses, ou de anos, volvo sobre elas. A maioría rómpoas, pero se atopo algo que “valla”, rescátoo… para unha reelaboración ulterior. Non é raro que dun mesmo texto faga dúas versións, independentes, para despois integralas, fusionalas. Isto referido á obra creativa. A outra, vouna facendo ao bo lecer.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– XLV: Aínda que se avanzou moito, falta aínda unha crítica rigorosa e independente, allea a amiguismos, camarillas e oportunismos. Coñecémonos todos… e iso condiciona bastante. Que falta? Moitas cousas. Desde logo, unha maior incidencia no tecido social galego e maior proxección exterior. A literatura “periférica” non existe en Madrid. A “metrópole” vive allea, de costas, ás “provincias”. Cómpre aumentar o prestixio e a presenza da literatura e da cultura galegas alén das nosas fronteiras. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XLV: Esperanzado, dinámico, ilusionante…, malia as adversidades, reticencias e desprezos que ás veces padecemos.”

Santiago: II Diálogos Literarios do Gaiás, sobre Carlos Casares, o 1 e 2 de xuño

A Fundación Carlos Casares organiza, para os días 1 e 2 de xuño, os II Diálogos Literarios do Gaiás que, baixo a dirección de Román Raña, lembrarán a Carlos Casares no seu décimo cabodano amais de compartiren opinións e experiencias sobre o proceso literario. Aos Diálogos Literarios acódese mediante convite e realízanse a porta pechada, excepto a tradicional conferencia pública, que é de acceso libre e de balde, e que estará a cargo do académico José María Merino e do catedrático de Xeografía e Historia Bieito Iglesias. As persoas interesadas en participar nesta conferencia deben reservar praza online aquí. O programa é o seguinte:

Venres 1 de xuño:
10:00 horas: Recepción dos participantes.
10:30–11:45 horas: Pensar nas literaturas. Con Basilio Losada e Marina Mayoral. Modera: Luís G. Tosar.
12:30–13:30 horas: Coloquio.
13:30 horas: Acto de inauguración.
16:30–18:00 horas: Dez anos de poesía. Con Lasse Söderberg, Arcadio López-Casanova e Ana Luísa Amaral. Modera: Román Raña.
18:15–20:00 horas: Coloquio.

Venres 2 de xuño:
11:00–12:15 horas: Dez anos de narrativa. Con José María Merino e Bieito Iglesias. Modera: Rexina Vega.
12:30–14:15 horas: Coloquio.
14:15 horas: Acto de clausura.

Marta Lemos gaña o IX Premio de Xornalismo Johán Carballeira

“O xurado do IX Premio de Xornalismo Johán Carballeira, que promove o Concello de Bueu, outorgou por unanimidade o galardón á reportaxe A Historia de Ons a través de Johán Carballeira, que publicou Marta Lemos Jorge no Faro de Vigo. “Valorouse que ese trate dunha reportaxe, xénero periodístico no que destacou Johán Carballeira, na que enlaza a situación actual do colonos da Illa de Ons coa súa historia, tal e como a recolleu o propio Johán Carballeira na súa obra”.” Vía Cultura Galega.