Santiago: O Salón Teatro acollerá o 27 de outubro a primeira gran homenaxe do Ano Vidal Bolaño
“O
ano Roberto Vidal Bolaño vai collendo corpo. Este martes 11 de setembro farán dez anos do seu falecemento e dende a contorna do escritor estase xa a ultimar unha gran homenaxe para lembrar o dramaturgo a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas do próximo ano. O tributo celebrarase o 27 de outubro no Salón Teatro de Compostela e pretende ser unha gala na que se lembre todas as dimensións do autor de Saxo Tenor. “O acto está pensado como unha gran gala con actuacións musicais e teatrais. A idea é que sexa unha homenaxe na que estean presentes os seus amigos e participen persoas da cultura e da sociedade”, explica Roi Vidal, fillo do dramaturgo, quen xa adiantara en Praza que esta homenaxe tamén buscaría “subliñar o conxunto da traxectoria vital do escritor”. (…)
Ademais das montaxes teatrais e a homenaxe de outubro, unha das principais iniciativas ao redor de Vidal Bolaño dos próximos meses será a publicación das obras completas do dramaturgo. Será o selo Positivas o responsable de levar, a partir do próximo xaneiro, todos os textos do escritor ás librarías nunha colección de cinco tomos diferentes. (…) As obras completas dividiranse segundo o criterio establecido polo profesor Xosé Manuel Fernández Castro na súa tese de doutoramento sobre o dramaturgo, publicada por Laiovento en 2011 baixo o título A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. O propio Fernández Castro colabora activamente, xunto a Roi Vidal e Paco Macías, na publicación da obra completa, que será repartida en catro tomos titulados Agora, Outrora, Antroido e Adaptacións. Nun quinto volume recolleranse os textos non dramáticos, nos que se inclúen artigos e guións audiovisuais. (…)” Vía Praza.
Un curso revela traducións inéditas de Carlos Casares
Desde
Cultura Galega:
““Lembro unha noite sentados diante da porta de Brandemburgo ás catro da mañá, na que Carlos estaba a planificar os cambios da Revista Grial e o proxecto dunha gran biblioteca de clásicos entre Xerais, que eu dirixía daquela, e Galaxia, que nunca se chegou a facer”. Esta anécdota do editor Víctor Freixanes sobre Carlos Casares resume parte das características deste poliédrico escritor clave no sistema cultural galego. Agora, un curso redimensiona o seu legado cando se cumpren dez anos do seu pasamento e ofrece novidades sobre a súa produción literaria. “Era un home tranquilo, programaba as cousas que logo se facían cos seus tempos” incide Freixanes, intelectual e amigo persoal do escritor. Ata tal punto deixaba que as cousas tiveran o seu ritmo, que Iolanda Galanes, investigadora do grupo Bitraga da Universidade de Vigo, revisando os seus arquivos persoais atopou dúas traducións ao francés de Ilustrísima. “Son claramente dúas autotraducións feitas en diferentes momentos, con cambios e variantes que podemos datar por referenciar persoais manuscritas” explica Galanes que estuda o fenómeno de Casares dentro dun proxecto de investigación que analiza os fluxos de tradución (as obras galegas que se traducen a outras linguas e o fenómeno contrario, as obras que se traducen ao galego). No fondo é a continuación do “catálogo que Casares iniciou como presidente do Consello da Cultura Galega” insiste Galanes sobre un proxecto que presentarán a final de mes e do que avanza unha cifra. “A tradución supón os 35% dos fluxos de edición que existen no noso país e convértese nunha realidade asentada”. Casares é unha parte importante do papel que a tradución xoga no sistema literario galego tal e como revelaron diferentes personalidades presentes neste encontro organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo e celebrado na biblioteca do Consello da Cultura Galega. (…)”
Gales: participación de María Reimóndez en dous congresos
Esta
semana María Reimóndez participará nunha das conferencias plenarias do congreso internacional Tradución e culturas sen estado: perspectivas desde Gales, que se celebra o 10 e o 11 de setembro na Universidade de Bangor (Gales). A súa conferencia leva o título de: Challenging Peripheries, Minorities and Centres in Translation. Theory and Practice (Unha ollada crítica ás periferias, minorías e centros na práctica e teoría da tradución). Por outra banda, o 14 de setembro, dentro do X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, María Reimóndez participará coa conferencia Silencios que non son: o continuum lesbiano nas narradoras galegas.
Crónica e vídeo da presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira
Desde
O Levantador de minas, de Alfredo Ferreiro:
“Resulta este libro [Para unha crítica do españolismo] máis unha entrega de Camilo Nogueira para todos os que vemos imprescindíbel unha revisión da Historia á hora de emprendermos o reto do futuro. Do mesmo modo que na sanidade rusa o doente é por regra xeral sometido a un lavado intestinal, para enfrontar a nosa identidade cultural debemos antes librarnos de todos os tóxicos que o Estado español depositou no aparato dixestivo da nosa Historia. Moitos destes venenos están rigorosamente descritos e catalogados aquí, nunha vontade que ademais mostra a pasividade dunha parte importante dos nosos intelectuais co que realmente importa. Porque, que pode haber de máis atractivo que atopar unha nova liña de investigación coincidente co descubrimento das verdades intereseiramente ocultadas da propia nación? Somos tan poucos a investigar, e os que o fan están tan encadeados academicamente ás versións oficialistas da Historia de España? Este foi o vídeo de campaña que lle gravamos na presentación no Circo de Artesáns da Coruña, este verán:
A Coruña: conferencia Moçambique, umha cultura e literatura para descobrir, por Adelino Timóteo
A
terza feira 11 de setembro, ás 19:30 horas, na Fundación Nova Galicia Banco (Cantón Grande) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Adelino Timóteo co título Moçambique, umha cultura e literatura para descobrir, dentro do ciclo A lusofonia e Nós da A. C. O Facho.
Manuscritos: Diego Giráldez
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“A patria que non era tan acolledora como parecía”: entrevista a Xesús Constela
“O
Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a Xesús Constela, autor da novela 15.724. O autor declarou que o Libro dos protocolos foi a parte da novela que máis lle gustou construír. Ese libro describe unha patria idílica e agarimosa como unha nai, pero Samuel R. un dos protagonistas do libro, por unha serie de circunstancias que se producen na vida da súa familia, vai descubrindo que esa patria non é tan agarimosa nin acolledora como el pensaba. Referíndose aos seus plans de futuro, Xesús Constela asegura que lle gusta «xogar, xogar co cambio de narradores e co cambio de perspectivas». A entrevista completa pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.
Agustín Fernández Paz fala por vez primeira sobre O rastro que deixamos
“Coincidindo
coa súa presenza o 6 de agosto de 2012 na Feira do Libro da Coruña, Agustín Fernández Paz fala do seu novo libro, O rastro que deixamos, que publicará Xerais na súa serie Crónica o vindeiro mes de outubro. Na entrevista Agustín define O rastro que deixamos como “un libro que está escrito cos fíos da vida sen tinguilos coas cores da ficción porque é un libro cunha carga autobiográfica moi grande”. Continúa dicindo que “recolle algúns textos que xa publicara en lugares dispersos e outros inéditos que abordan dous aspectos: un deles cuestións relacionadas coa miña biografía e outro reflexións sobre o traballo de escritor. Aquí está a memoria da infancia, a memoria da descuberta da literatura, do cine e dos cómics, a Vilalba dos anos 50 e 60″. Despois de agradecer o traballo de edición dos textos realizado por Isabel Soto, Agustín explica que o título está tirado dunha frase que aparece na novela Todo canto amei de Siri Hustvedt, a muller de Paul Auster, “que fai referencia a que os libros que imos publicando son como rastro de pedriñas que deixaron Hansel e Gretel”.” Vía Xerais.
Entrevista a Xosé Fernández Ferreiro sobre De Xente Nova a Brais Pinto
“Xosé Fernández Ferreiro fala de De Xente Nova a Brais Pinto coincidindo coa presentación o pasado 4 de agosto deste libro de memorias na Feira do Libro da Coruña. Na entrevista di que os membros de Xente Nova “queriamos crear unha Galicia nova sen olvidar o pasado. Tiñamos moitas ideas e pouco fundamento. Tiñamos moita ilusión”. Porén, seis anos despois, “Xente Nova renaceu en Brais Pinto, as ideas eran moi semellantes, frutificou alí, estaba máis rodado”. Para el sen Brais Pinto “non terían xurdido a Nova Narrativa Galega ou o grupo A Gadaña”. Fernández Ferreiro remata a entrevista confesando que “si son algo é labrego ou afiador. Agora cando a miña aldea non existe, síntome máis atado á terra”.” Vía Xerais.

