Vigo: presentación de Ranhura, de Carlos Vinagre

O venres 23 de marzo, ás 21:30 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa Romil, 3) de Vigo, preséntase o último libro de Carlos Vinagre, Ranhura. No acto, que conta colaboración de A Porta Verde do Sétimo Andar, participan, xunto ao autor, Alfonso Láuzara Martínez e Manolo Pipas.

A Coruña: presentación de Almanaque musical e exposición de David Pintor

O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, en Libros para Soñar (Avenida de Fisterra, 64) da Coruña, preséntase Almanaque musical, de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor (quen estará presente no acto) e tradución de Xosé Ballesteros, publicado en Kalandraka. Na mesma libraría, até o 16 de abril, poderase visitar a exposición Un paseo ilustrado II, do propio David Pintor, onde presenta unha escolma de traballos incluídos en diversos libros infantís.

Convocado o XVI Premio de Poesía Avelina Valladares

“O Excmo. Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares, comprometidos/as e sensibilizados/as co proceso de creación cultural desexan contribuír á difusión da lírica galega, e ao tempo servir como estímulo para que novos/as autores/as percorran o complexo e en ocasións pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros. Preténdese valorar o traballo do/a poeta, do médium das artes, do/a alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro. Do mesmo xeito, perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade. Por último, e non menos importante, colaborar coa divulgación da obra da poetisa estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

BASES

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao Premio todos/as os/as autores/as de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.
SEGUNDA. Os orixinais serán presentados por cuadriplicado, con liberdade de tema e forma contando cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800 antes do 4 de maio do 2012. Deberán ser remitidos ao seguinte enderezo: XVI Premio de Poesía Avelina Valladares | Excmo. Concello da Estrada | Pza. da Constitución s/n | C.P. 36680 A Estrada (Pontevedra).
TERCEIRA. Con cada orixinal, que deberá ser entregado baixo lema, xuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono do/a autor/a. Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003.
CUARTA. A dotación económica será de 2.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
QUINTA. O xurado estará composto por tres membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura propoñendo un/unha cada un dos grupos políticos representados na Corporación. Contará asemade con un/unha secretario/a, con voz e sen voto, en representación do Excmo. Concello da Estrada. O Premio entregarase por maioría de votos.
SEXTA. A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente. As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia.
SÉTIMA. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA. O Excmo. Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, nunha antoloxía creada a tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autor e compensando aos/ás autores/as con exemplares do volume que, no seu día, se puidese editar. No caso de publicación da obra polo/a autor/a, deberase facer referencia ao Premio obtido neste certame.
NOVENA. As obras poderán ser retiradas, previa solicitude por escrito, dentro dos tres meses posteriores á decisión do xurado. Pasado ese prazo serán destruídas. O Excmo. Concello da Estrada non manterá correspondencia cos/coas autores/as dos traballos presentados nin asume responsabilidade ningunha pola eventual perda dalgún orixinal.
DÉCIMA. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes Bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”

Santiago: presentación de Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo

O xoves 22 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo, publicada por Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participan Henrique Monteagudo e David González Couso.

Ourense: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O xoves 22 de marzo, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada en Galaxia. Xunto ao autor, participan no acto Carlos Lema e Xela López Blanco.

A Coruña: recitado poético en homenaxe a Antón Avilés de Tamarancos e ao Día Internacional da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, terá lugar un recitado poético organizado pola A. C. Alexandre Bóveda co que se conmemora o Día Internacional da Poesía e tamén homenaxear a Antón Avilés de Taramancos. No acto participan, entre outros, Miguel Mato, Henrique Rabunhal, Olga Patiño, Lino Braxe, Dores Tembrás, Xulio López Valcarcel, Diana Varela, Xoán Abeleira ou Xosé Manuel García.

Convocado o XXIV Premio de Novela Manuel García Barros

“O Excmo. Concello da Estrada, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes

BASES XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
SEGUNDA. Os orixinais serán presentados por sextuplicado exemplar en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo antes do 30 de abril de 2012 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra).
TERCEIRA. Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003.
CUARTA. O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
QUINTA. O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
SEXTA. A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente. As Bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia.
SÉTIMA. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA. O premio poderá ser declarado deserto.
NOVENA. O acto de entrega do devandito XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES), será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
DÉCIMA. O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo de un ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada por Editorial Galaxia.
UNDÉCIMA. No caso da súa solicitude por escrito, enviaranse aos/ás autores e autoras e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, aqueles orixinais non premiados. Transcorrido dito prazo serán destruídos.
DUODÉCIMA. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”

Santa Cruz, Oleiros: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O xoves 22 de marzo, ás 19:00 horas, nas Torres de Santa Cruz (Oleiros), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, no que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, participa, xunto á autora, Francisco Pillado.

A Coruña: recital poético-musical e presentación de Se lo dije a la noche

O xoves 22 de marzo, ás 20:30 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Se lo dije a la noche, de Juan Carlos García Hoyuelos, traducido a todas as linguas peninsulares. No acto haberá un recital poético e musical coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Estíbaliz Espinosa, Begoña Paz, Óscar de Souto e Ramiro Vidal Alvarinho, como poetas, Susana Fumis (rapsoda), e Miko Basic, Raúl Galego e Gemma Sanz (músicos).