Desde Cultura Galega:
“O 19 de outubro de 1967 Ramón Otero Pedrayo impartiu a conferencia Homenaxe a Noriega Varela durante as festas do San Lucas de Mondoñedo. Aquí pódela escoitar enteira, tal e como foi gravada, coa vibrante oratoria de Ramón Otero Pedrayo definindo a vida e obra do poeta lugués. A gravación foi recuperada por Manuel Rico nos arquivos de Radio Nacional na Coruña.”
Ramón Nicolás: “Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela”
Entrevista
a Ramón Nicolás en Dioivo:
“O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. (…) A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás (…).
Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba. A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. (…)”.
A Estrada: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco
O
xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes, con motivo do Día Internacional da Muller, realizará un acto de presentación do libro da profesora Aurora Marco Mulleres na guerrilla anfranquista galega, no que se proxectarán imaxes do documental As silenciadas, de Pablo Ces. No acto, xunto á autora, intervirá Francisco Pillado.
Kristina Berg: “Carlos Casares non só deixou orfos os seus fillos, tamén a cultura galega”
Entrevista
a Kristina Berg, viúva de Carlos Casares, en Praza:
“(…) – Praza (P): Como é o balance da Fundación Carlos Casares nestes dez anos?
– Kristina Berg (KB): A Fundación ten feito até hoxe un traballo moi importante. Non tanto en divulgar a figura de Carlos, pero si en seguir os seus pasos e darlle continuidade aos seus proxectos. Neste tempo sempre buscamos salvagardar os principios de Casares e quixemos facelo cun comportamento cívico. Coido que o traballo da fundación axudou á cultura galega na medida en que organizamos moitísimos encontros internacionais nos que participaron xentes de moitas culturas. Todos os que pasaron por eses encontros marcharon con boas impresións de Galicia. É un proxecto que fixemos posible entre todos coa axuda xenerosa de tantas institucións e colaboradores. Moitas persoas prestan o seu coñecemento e o seu tempo no desenvolvemento desta fundación.
– P: Conservan materiais inéditos nos fondos da Fundación Carlos Casares que se vaian publicar proximamente?
– KB: Estamos niso. Quedou un arquivo de Carlos desordenado. Nestes anos, apareceron papeis por todos lados. Hai moitos manuscritos e aínda hai persoas que están clasificando todo o material. É moi posible que haxa textos inéditos que se poidan aproveitar. Carlos sempre estaba escribindo. Se quedou algo, quedou porque Carlos Casares quería publicalo.. Hai posibilidades de que sexa así. Se hai algo e se se decide publicar, será algo que dependerá dos seus amigos máis próximos e, sobre todo, dos fillos. Eles terán que decidir sobre ese asunto. (…)”
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación do xoves 8
Do
domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O xoves 8 de marzo, ás 18:30 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O rei da floresta, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro.
“O legado de Casares: ponte entre a cultura galega e a universal”
“Os
catro obxectivos básicos cos que se creou a Fundación Carlos Casares están vixentes e cumpríndose dez anos despois da desaparición do escritor, segundo explica o seu director, Gustavo Adolfo Garrido. Eses catro obxectivos eran e son «estudar e a difundir a obra literaria, custodiar a súa biblioteca; difundir o legado cívico; constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a universal e, por último, desenvolver todo tipo de actividades tendentes a fortalecer a normalización lingüística e cultural de Galicia». Garrido apunta que a crise obriga a «priorizar» e detalla que nos últimos tres anos os presupostos da fundación pasaron «duns ingresos de preto dos 280.000 euros no 2007 e 2008 a 160.000 no 2011». A situación para a fundación está agravada pola «creba das caixas, a caída do nivel empresarial e os recortes das Administracións; calquera pode facerse unha idea do panorama». Este ano aínda non saben con cantos fondos contarán. O director da fundación apunta que «haberá menos actividades, pero as nucleares da fundación tentaremos mantelas».
En canto á imaxe de Carlos Casares para a sociedade de hoxe, Garrido cre que hai dúas franxas ben marcadas: «As persoas maiores de 40 anos teñen unha idea clara de quen era e as de menos desa idade teñen xa unha noción menos completa. Saben que é un escritor que deu á literatura galega fermosas páxinas, pero descoñecen outras facetas». Garrido considera que «agora», dez anos despois, «cómpre facer un esforzo extra para garantir que se mellore este coñecemento, pola súa memoria». Neste sentido, apunta o director da fundación que se reciben con «agrado» as iniciativas de propoñer a Casares para o Día das Letras Galegas. Significan un cariño inmenso en toda esa xente que está detrás da petición e que non podemos facer máis que apoiar», conclúe.” Vía La Voz de Galicia.
Santiago: presentación de A cidade na poesía galega do século XXI
O
xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A cidade na poesía galega do século XXI, publicado en Toxosoutos. No acto interveñen Yolanda Castaño e Manuela Palacios.
Longa noite de pedra inicia as edicións bilingües de Celso Emilio
“A
conmemoración de Celso Emilio Ferreiro é dobre ao longo deste ano. Dunha banda está o centenario do seu nacemento, e doutra, o 50.º aniversario do que é o seu libro máis universalmente coñecido, Longa noite de pedra. Auga Editora e mais a Secretaría Xeral de Cultura presentaron a que será primeira das traducións deste libro que se editarán ao longo deste ano. Esta primeira edición, en galego e mais en castelán, é un libro «coidado e rigoroso» co fin de ampliar lectores para o escritor de Celanova. Nos vindeiros meses, dúas novas edicións bilingües achegarán esta obra a outros públicos. Unha delas, galego-inglés, que se publicará dentro da colección Galician Classics da propia Xunta de Galicia. A outra compartirá galego e francés e aparecerá no catálogo de Editions L’Harmattan. Este achegamento da obra de Celso Emilio Ferreiro a outros idiomas estará respaldado por algunhas actividades de difusión, como será a presentación do volume na Feira do Libro de Bos Aires e a doazón de exemplares para a sección de galego da biblioteca desa cidade. (…)” Vía La Voz de Galicia.
Elías Portela: “A democracia xa nos deixou ben claro que, para o pobo, o galego non importa en absoluto”
Entrevista
a Elías Portela en Dioivo:
“Elías Portela propuxo unha viaxe manuelantoniana á procura de novos horizontes no seu poemario O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, orixinalmente escrito en islandés e traducido despois ao galego. E conseguiu ser recoñecido como un dos tres autores máis destacados da poesía islandesa, na que se presentou baixo o pseudónimo de Elías Knörr. Non só iso: é que abriu novos camiños para a nosa literatura. Respondeu as nosas preguntas por mail desde Islandia, país ao que emigrou hai xa uns anos.
– Dioivo: Como é, en Galicia, a recepción da túa obra, en comparación con Islandia? Cres que estar fóra che dá outra perspectiva da literatura que se fai aquí?
– Elías Portela: A recepción foi moito mellor do que eu esperaba. O Mariñeiro explica moitas cousas de Cos peitos desenchufados, así que o libro ten certos valores intertextuais en galego que non ten só en islandés, e despois de publicar unha escolma en PoesíaGalega.org era unha tradución esperada. O que máis notei foi un cambio moi grande na actitude cara o meu traballo. Antes o que máis pesaba eran as curiosidades anecdóticas da vida do autor ou en pronunciar “Eyjafjallajökull”, e non a obra en si. Tamén hai que contar con que en Islandia só se me coñece por unha única obra. En islandés comecei publicando poemas soltos nunha revista de prestixio, e tiven a sorte inmensa de que Úlfhildur Dagsdóttir publicou un artigo estupendo en Literature.is. Se a isto lle unimos o da UK Poetry Review, de repente déuselle un valor á miña poética que non esperara. Na Galiza sigo desenchufado, o cal me proporciona máis liberdade creativa e non teño que escribir pensando en ninguén. Incluso podo chegar a ser irreverente, máis ca en Islandia. (…)”
Xosé Neira Vilas lembra ao “eterno” Isaac Díaz Pardo
Entrevista a Xosé Neira Vilas en V Televisión, desde La Voz de Galicia: