Barcelona: Rosalía de Castro, unha musa fecunda

“O pasado venres 18 de novembro celebrouse en Barcelona o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, organizado pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, o Centre Dona i Literatura e a área de Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona. A xornada contou coa presenza de investigadoras galegas e catalás como Margarita García Candeira, María do Cebreiro, Dolores Vilavedra, Helena Miguélez-Carballeira, Joana Masó ou Isabel Clúa. As sesións matinais estiveron dedicadas ao estudo da obra narrativa da autora galega e á análise da conciencia de escrita de Rosalía de Castro a partir das novas lecturas dende xénero. Pola tarde a gran protagonista foi Catherine Davies (The Nottingham University), que en 1987 publicou Rosalía de Castro no seu tempo, editado pola editorial Galaxia. Este ensaio erixiuna nunha figura fundamental nos estudos rosaliáns, despois de obter unha gran recepción entre a crítica. A autora someteuse, primeiramente, a unha rolda de preguntas que lle trasladaron María Xesús Lama e Dolores Vilavedra. A conversa distendida serviu para que relatase como foi a xestación deste ensaio, as trabas que atopou na procura de material, como chegou a Rosalía despois duns anos vivindo en Vigo, como aprendeu a lingua de Follas Novas co Gallego 1 e como, dende o Reino Unido, lle enviou o texto definitivo a Ramón Piñeiro que llo devolveu tempo despois en forma de libro. O seminario concluíu coa conferencia Rosalía de Castro no contexto do século XIX en España e Hispanoamérica, impartida por Catherine Davies. Ante unha sala chea debuxou o panorama político, social, literario e económico no que escribía a autora de Cantares Gallegos. Recoñeceu, finalmente, que, vinte e cinco anos despois de ter escrito Rosalía de Castro no seu tempo, rectificaría algunhas ideas e ofrecería unha lectura anovadora nalgúns aspectos.”

Huelva: conferencia de Manuel Rivas: La boca de la literatura: memoria, lenguaje, ecología

O martes 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala Hotel París de Huelva, Manuel Rivas ofrece a conferencia La boca de la literatura: memoria, lenguaje, ecología, na que disertará sobre os seus traballos literarios. O acto está organizado pola Área de Cultura da Diputación de Huelva, sendo presentado e moderado polo escritor José Luis Piquero.

A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

O xoves A. C. Alexandre Bóveda24 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza o XV Memorial de teatro Ibán Toxeiro, coas seguintes actuacións:
– Grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda coa representación de Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, de Xoán Carlos Mexuto.
– Bucanero Teatro con Kungfundidos.
– Druída danza con O anxo exterminador.
– Entrega do IV premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para o Grupo de teatro do Centro de maiores da Obra social de Caixa Galicia.
– Todo aderezado coa música en directo de Canta Compaña.

A Coruña: presentación de Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza

O mércores 23 de novembro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), presentación do poemario Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza, publicado por Espiral Maior. No acto estará acompañado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Luís G. Soto e Xulio López Valcárcel.

A Coruña: Mercedes Queixas falará sobre A presenza da muller na literatura galega no programa Recendo, de CUAC FM

O martes 22 de novembro, entre as 19:00 e as 20:00 horas, dentro do programa de radio Recendo, que a A. C. Alexandre Bóveda organiza dentro da emisora CUAC FM, Mercedes Queixas falará sobre A presenza da muller na literatura galega. No mesmo programa, Rubén Ruibal falará sobre a situación do teatro en Galiza. Esta emisora pode escoitarse na comarca da Coruña no 103.4 FM.

Vigo: presentación de Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso

O mércores 23 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 2), preséntase o libro Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xulio Gómez, Marià Arbonés e Manuel Bragado.

Santiago: recital poético Picaversos, con Deborah Vukusic, Carlos Santiago e Snob Megalove

O martes 22 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Músicas, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Deborah Vukusic, Carlos Santiago e Snob Megalove. Como novidade nesta convocatoria, o público pode participar na escolma dos textos para a folla voandeira Músicas a través do blogue Picaversos. A entrada custa 2 euros.

Nova Polafía en Monte Alto, A Coruña, o sábado 26 de novembro

O sábado 26 de novembro, ás 19:30 horas, no Club do Mar de Santo Amaro (Monte Alto, A Coruña) a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha nova edición das Polafías:

Monte Alto, Monte Alto,
porque aquí a alma ten forma de barco

O pregón de Monte Alto, Manuel Rivas e Os Diplomáticos de Monte Alto.

Contos, cantos e historias do mar da Coruña, coa participación de Emilio Mariñas (sabio percebeiro) Serafín Mourelle (patrón do Gran Sol), Luís Dopico (patrón de baixura), Xurxo Souto, Moncho do Orzán, Manuel Lugrís, Isidro Novo, Comparsa Monte Alto a 100, coro Cántigas da Terra, e aínda máis amigas e amigos co seu saber contar e cantar. Tamén terá lugar a proxección do vídeo A recuperación microtoponímica da Peninsula da Torre, elaborado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A entrada será de balde. Colaboran: o Club do Mar de Santo Amaro, a Asociación de Veciños Barrio de Monte Alto, Cántigas da Terra e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Patrocina a Deputación da Coruña.

Fran Alonso: “Desde a literatura trato de explicar o meu tempo”

Entrevista a Fran Alonso en Disquecool:
“(…) Disquecool (D): Como valoras a acollida de Ninguén?
– Fran Alonso (FA): Sabes que circula un hoax que é verdadeiro? Puxemos en marcha unha campaña, a través do correo electrónico, na que se di que Xerais agasalla con exemplares de Tráiler, a miña primeira novela, asinada por min. E é unha campaña que é real, realmente agasallamos co libro como modo de promoción, pero moita xente desconfía de que sexa real e non pide o libro porque cre que é un hoax. Pero non che contestei a pregunta! Eu creo que a acollida foi moi boa. Claro, ti sempre tes unhas expectativas con cada libro que sacas. Eu tiña boas expectativas para este libro, pero recoñezo que non tantas como agora teño. Tivo moitísimas críticas practicamente nos primeiros quince días, nos medios… supoño que é consecuencia de que o tema resulta moi actual, e interesa.
– D: En xeral, na túa obra, destaca que non só é moi prolífica, senón que o é en xéneros moi diversos: narrativa, poesía, xornalismo, literatura infantil. Iso ás veces pode crear certa desconfianza?
– FA: Si, eu creo que tes razón. Os poetas pensan que es narrador, non poeta. Os narradores que es poeta, non narrador. Os xornalistas que es narrador ou poeta, pero non xornalista, pero non acaban de situarte en ningún sitio, incluso para os críticos pode ser confuso. Pero para min é enriquecedor, porque me permite expresarme a través de distintas manifestacións que no fondo son a mesma: a literatura, e creo que a obra literaria dun autor debe ser valorada globalmente. Ademais os meus libros están todos interconectados, nada é explicable sen o resto dos libros, vou tecendo unha especie de arañeira global, evidentemente, funcionan individualmente, o lector pode ler un só libro, pero a min me permite romper coas barreiras xenéricas e entendo que hoxe iso debe ser algo superado. Vivimos nun mundo fragmentario, confuso e a literatura vai acorde con iso. Pénsoo cando leo os autores do século XIX e atopo un narrador omnisciente. Iso hoxe non funciona porque non é crible. E igual cos xéneros, xa non son ríxidos, todo é cuestionable e todo é posible hoxe, a literatura ten que asumir as formas do mundo tal e como é se quere interpretar o mundo actual. Para min o máis importante para o escritor é ter unha visión do mundo que ofrecer aos lectores. (…)”.

Armando Requeixo: “A prol dunha educación literaria”

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.