“A Fundaçom Meendinho, com a colaboração da Associação Pró Academia, acaba de publicar um vídeo do ato de homenagem a Ernesto Guerra da Cal que teve lugar ante o monumento a Ricardo Carvalho Calero no passado 17 de maio, no Dia das nossas letras.” Vía Academia Galega da Língua Portuguesa:
“Xosé Luís Méndez Ferrín reclama que a Real Academia Galega se equipare ás outras academias”
‘”De
todas maneiras -continuou Xosé Luís Méndez Ferrín– a diferenza entre o que percibe a Academia Galega e o que perciben a vasca e o Instituto de Estudios Cataláns, e xa non digamos a Academia Española, segue sendo enorme e ten que ser acurtada esa diferenza; iso é o que sostemos publicamente e que o mellor pedimos ao delegado”. Pero non foi preciso nin facer a petición formal porque chegou a inmediata resposta de Cortizo: “Nesa batalla imos estar xuntos. Vou defender o que el ten dito [dixo, indicando a Ferrín], non me atrevería a outra cousa [bromeou]”‘. Vía La Voz de Galicia.
Celanova: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
xoves 21 de xullo, ás 20:30 h., na Casa-Museo de Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Antonio Piñeiro e Xosé Manoel Rodríguez.
Santiago: Tender a man, con Isaac Garabato e Yolanda Castaño
O
xoves 21 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Yolanda Castaño fusionará os seus versos cos músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut e a danza de Branca Novoneyra no espectáculo Tender a man. Tradicionalmente considerado xénero minoritario e difícil, a poesía faise acompañar aquí de disciplinas creativas máis próximas ao gran público (música en directo, performance, video, danza contemporánea,…)
Andrés Carrasco: “En certa parte da industria hai uns canons que xa lle indican ao lector que vai atopar, e se hai homoxeneidade hai pobreza”
Entrevista
a Andrés Carrasco en Letra en Obras:
“Andrés Carrasco (Pontevedra, 1989) achégase por segundo vez á fiestra de Letra en Obras. No mes de maio foi un dos 17 autores que participaron no libro electrónico (co relato Ollo!) co que se lanzou este portal. Agora é un dos finalistas do Premio Biblos-Pazos de Galicia, que se falla esta mesma semana. (…)”
Paloma Calvo: “É básico dispoñer dun amplo catálogo de traducións”
Entrevista
a Paloma Calvo en Letra en Obras:
“- Letra en Obras (LO): Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?
– Paloma Calvo (PC): Un dos primeiros libros que me causou impresión foi Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste. Un dos seus relatos, Sobre da morte do Bieito, traumatizoume durante moito tempo coa idea de que alguén puidese ser enterrado en vida. Tamén é certo que cando o lin, aínda que non lembro que idade podía ter, era noviña e de feito, collera o libro dun dos andeis da habitación de meu irmán, que me saca 14 anos. Mais o caso é que moitos libros deixaron pegada, e supoño que coincide con aqueles cos que se estableceu un vínculo especial cos protagonistas das páxinas. Non hai un estilo nin un patrón definido.
– LO: Como se dá o paso da lectura de textos emprestados á escritura de textos propios?
– PC: Todo comeza como unha sorte de xogo, porque no concello acostumábase a facer unha pequena “competición” literaria entre as diferentes escolas, así que supoño que o tomei como unha actividade máis á que me volvín adicta tras gañar a primeira vez que me presentei, coa correspondente ilusión que iso lle podía facer a unha nena de 7 anos. Co tempo, abandonei as historias de animaliños por outras xa máis “humanas”, e co verme da escrita xa no corpo, simplemente foi cuestión de que asimilei a literatura como unha forma máis de expresión e de expansión do propio “eu”. (…)
– LO: Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?
– PC: Penso que unha correcta formación en literatura galega sementa un xerme necesario que co tempo remata por florecer naqueles suxeitos potencialmente receptivos. A quen non lle gusta ler, non lle gustará ler independentemente do idioma de publicación da obra. A aqueles para os que a lectura si é algo cotiá, coñecer a nosa propia obra e saber que en galego dispoñen tamén dun amplo catálogo de traducións é básico. E nisto, o profesor de galego xoga un papel fundamental porque na súa man está lograr que o alumno, no seu período de maior receptividade, perda todo medo ou receos que poida albergar. Superado isto, hoxe en día a literatura galega no tocante á creación non ten nada que envexar á castelá.”
Agustín Fernández Paz: “A trama, debedora da novela negra, é só un pretexto para falar da miña xeración”
Entrevista
de Tucho Calvo a Agustín Fernández Paz en Biblos Clube de Lectores:
“- Biblos Clube de Lectores (BCL): ¿Qué representa esta obra [Non hai noite tan longa] para vostede no conxunto da súa creación?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Aínda que parece unha novela distinta, o certo é que está feita cos mesmos criterios e técnicas cás anteriores. Cando o escrito estaba relativamente acabado, paseillo como fago sempre a Manolo Bragado e suxeriume publicalo na colección de adultos. Xa non era a primeira vez, e sempre me negara. Pasara por exemplo con Aire negro. Pero esta vez aceptei. Quizais porque ao mellor a literatura xuvenil xa non está tan oculta como estaba, porque moitos adultos se achegan a ela e hai moitos mozos que len coleccións de adultos. Agora estou expectante por saber se realmente vou conservar os meus seguidores de sempre e se gaño outro público. (…)
– BCL: A obra evoca moitos dramas silenciados. ¿Seguen existindo a día de hoxe?
– AFP: Onte mesmo escoitei a noticia da exhumación de tres corpos na Línea de la Concepción que tiñan relación cos casos de nenos roubados. Este é un drama arrepiante coma outros moitos que seguen aparecendo. O que conto na novela, que socialmente é un caso menor en comparación con moitos sucesos da guerra e da postguerra, é un feito que estraga a vida de toda unha familia, e cousas así houbo moitas: desde o profesor represaliado que tivo que dedicarse a outros mesteres aos que quedaron marcados como roxos… grandes dramas para quen os sufren. Os acontecementos, as reaccións, a inxustiza, as enormes diferenzas de clases sociais, sobre todo nas vilas… Quixen narrar, en definitiva, o clima daquela época. (…)”
Xabier P. DoCampo: “A literatura é didáctica porque as obras son unha proposta de conduta fronte ao mundo”
Entrevista
a Xabier P. DoCampo en Biblos Clube de Lectores:
“- Biblos Clube de Lectores (BCL): ¿Debe ser vista a literatura como unha fenda na correa dos días a cabalo das noites?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Dende logo, tiña que selo. Neste concepto de literatura que consiste en poñerlle nome aos sentimentos, o escritor é un individuo que se busca a si mesmo no seu propio texto. Iso ten que modificarte continuamente, xa que do contrario convértese nun acto completamente contemplativo e esgotaríase decontado. A literatura ten que ser modificadora do propio individuo que a fai e só así poderemos pensar que é modificadora do mundo no que vivimos. Se a min non me conmove o que escribo non podo agardar que conmova o lector. Se a min o que escribo só me produce continua acomodación no mundo, non podo producir desasosego no lector. Eu non busco no lector ningunha outra cousa que non sexa desasosego e disconformidade común. Cando escribo formo parte dos individuos que lle entregou o mundo aos demais para dicirlles “modificádeo”. Só un imbécil di que vivimos no mellor dos mundos posibles, aínda que o dixo Felipe González. Un optimista irreflexivo podería dicir “viviremos algún día no mellor dos mundos posibles”.
– BCL: ¿Como se conxuga esa maneira activa de concibir a literatura coa inocencia que adoitamos atribuírlle ao público que é destinatario dos teus textos?
– XDC: Eu escribo libros que poden ler adultos e rapaces e a única diferenza formal, práctica ou mesmo estrutural cun texto dirixido só a adultos é o equilibrio entre o implícito e o explícito. O rapaz non ten experiencias compartidas comigo ao ser eu un adulto cheo de experiencias e el un individuo en formación, entón non comprende todos os meus implícitos e eu teño que facer explícitas cousas que non explicitaría se esa obra fose para adultos. Eu nunca penso na idade do lector, porque non podo coñecelo, e o único que intento por todos os medios é non ofender a súa intelixencia: sempre digo “nunca escribas noite escura, escribe noite e se o lector non é parvo xa se dá conta de que é escura”. Hai unha listaxe inmensa de obras xeniais na historia da literatura que foron escritas para lectores novos, comezando por unha obra absolutamente redonda e canónica dentro da novela de aventuras, como é A illa do tesouro, de Stevenson. (…)”.
“Xerais prepara un volume con textos inéditos de Lois Pereiro”
“Para Isabel: ela, a que exerce na luz. Así empeza un dos últimos cadernos que escribiu Lois Pereiro antes de morrer. Un dietario que lle dedicou á persoa que llo puxera nas mans como agasallo: Isabel Romero, a muller do seu irmán Xosé Manuel. Dietario 1996, que estou a escribir para Isabel, confesa na primeira páxina. “É herdanza súa e soio súa: unha promesa mínima que merece dabondo. (Esperemos que as follas abonden para outro ano)”. Este Caderno para Isabel, como o alcuman provisionalmente os herdeiros do poeta monfortino, verá por primeira vez a luz a finais deste ano. Formará parte do libro co que a editorial Xerais ten previsto pechar o ronsel de publicacións arredor do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras. O volume, ao coidado do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, completarase coa transcrición doutros cadernos inzados de apuntamentos das viaxes de Lois Pereiro polo mundo e un DVD coa gravación do último recital do autor de Poesía última de amor e enfermidade –no pub Moka da Coruña en xaneiro de 1996– e posibelmente tamén algunhas imaxes dun acto que compartiu con Manuel María.” Vía Xornal de Galicia.
A Coruña: exposición Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro
Do
mércores 20 de xullo ao domingo 25 de setembro, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado), a exposición, comisariada por Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro repasa a intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos, a iconografía xerada por Lois a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Tamén se contén un impactante retrato expresionista de Lois realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño. A inauguración terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas.