O ILG esixe discriminación positiva para o galego

‘Nun discurso contundente e diáfano, a directora do ILG, Rosario Álvarez, leulle a cartilla ao presidente Núñez Feixóo e ás demais autoridades, tanto da Xunta coma do parlamento, as deputacións e os Concellos. “Sen discriminación positiva e maior peso do galego no ensino, o futuro da lingua é complicado”, afirmou. Álvarez considerou no seu discurso de aceptación da Medalla Galicia para o instituto que dirixe, que o galego está a vivir un momento de gran dificultade e subliñou a orixe do problema. “Perante o desafecto de certos sectores sociais e a deserción de certas autoridades, esa crise agravarase até cegarlle o camiño do porvir”. No mesmo acto, o outro galardoado coa Medalla Galicia, o investigador en Xenética Anxo Carracedo, reclamou maior apoio ao desenvolvemento científico. Tras criticar a falta de recursos para a ciencia en Galiza, recordou a “débeda histórica” do Estado co noso país a ese nivel. “Recibimos menos apoio que outros territorios e pola contra os científicos galegos demostran día a día que saben ofrecer moito máis do que reciben”.’ Vía A Nosa Terra. Tamén en El Progreso e Galicia Confidencial.

‘Institucións culturais propoñen que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se lle dedique ao escritor Carlos Casares’

“Tres institucións culturais propuxeron que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se dedique á figura de Carlos Casares. O Museo da Limia, o Centro de Cultura Popular da Limia e a Fundación Carlos Casares irán da man para que o escritor natural da comarca ourensá da Limia sexa homenaxeado dentro de dous anos. Representantes do tres institucións culturais compareceron o venres 22 de xullo ante os medios de comunicación no Liceo Recreo Ourensán. No acto estiveron presentes o escritor Delfín Caseiro; Xosé Badas Fernández, do Centro de Cultura Popular da Limia; e Xoán Xosé Jardón Pedras, representante do Padroado do Museo da Limia. As tres institucións culturais promoverán durante o curso académico 2011-2012 unha serie de actividades culturais con motivo do décimo aniversario da morte do escritor, que se cumprirá o próximo ano. Delfín Caseiro explicou que estas actividades pretenden “preparar, crear ambiente e crear estado de opinión” sobre a figura de Carlos Casares para “ter como consecuencia e obxectivo” que se dedique o Día das Letras Galegas ao autor limiao”. Vía Galicia Hoxe. Tamén en Xornal e Cultura Galega.

Vanesa Martínez gaña o Premio Abrente de Textos Teatrais con Campo de covardes

‘Un xurado composto pola profesora Dolores Vilavedra, o actor Jouse García, o crítico teatral Manuel Xestoso e o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), Roberto Pascual, concedeu por unanimidade o 6º Premio Abrente de Textos Teatrais a Campo de Covardes, de Vanesa Martínez. O xurado destacou “a eficacia dramática, a calidade do texto e a capacidade tan grande e xenerosa que a peza lle concede ao posterior traballo actoral”. A peza será editada na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas e a autora recibirá unha estatuíña do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro) xunto a unha dotación económica de 3.000 euros.’ Vía Cultura Galega.

Pico Sacro: lectura pública do Alba de Gloria de Castelao, o sábado 23 de xullo

“Diante da desfeita cultural que sufrimos, da que o roubo do Códice Calixtino non é máis que o colmo do abandono e desprezo que padece o noso patrimonio e os bens materiais e inmateriais que forxaron a nosa conciencia colectiva, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura vai celebrar o vindeiro sábado 23 de xullo, ás 12:00 horas, unha lectura pública do Alba de Gloria de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico do que soubemos das súas lendas e misterios grazas a obra medieval agora desaparecida. Rememorando á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. No 125 aniversario deste autor que é infravalorado e esquecido por unhas institucións que deberan celebralo, as asociacións culturais galegas queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.”

Santiago: actividades literarias do luns 25 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias o luns 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións. Falan: Maria Rosendo, Pepe Árias e Andrea Nunes.
16:45 h. Presentación da novela In vino veritas, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e o autor.
17:20 h. Presentación de Ártico 2.0, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Alfonso Álvarez Cáccamo e o autor.
17:55 h. Presentación da iniciativa Sermos Galiza, coa intervención de Teresa Moure, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Marga Romero.
18:15 h. Presentación do libro Rosalía, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editado pola AS-PG.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas, publicado en Galaxia, coa participación de Marga do Val, Francisco Castro e as coordinadoras do libro.
21:15 h. Presentación do libro Falar com Jeito, de Fernando Corredoira, publicado en Através. Participa o autor acompañado por Valentim R. Fagim.

Santiago: actividades literarias do domingo 24 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o domingo 24 de xullo:

16:30 h. Presentación do libro O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando Cimadevila e Iván Valladares, publicado en Urco Editora. Falam Fernando Cimadevila e Tomás González Ahola.
17:15 h. Presentación do libro Poemas no faiado. Antologia de Poesia lusófona para crianças, de varios autores. Falan Gemma Fernández e José Antom Serém (coordenadores do livro).
17:45 h. Presentación do libro Cartas do Cárcere de Antonio Gramsci, publicado en Estaleiro.
18:30 h. Presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. Acompañan ao autor Dalila Dopazo, Anxo Louzao, Carlos Outeiro e Manuel Bragado.
19:15 h. Presentación do libro Ecolingúística, entre a Ciencia e a Ética, de Teresa Moure, publicado na editora UDC. Intervirán: Teresa Moure e Marga do Val.
21:30 h. Presentación da Biblioteca H. P. Lovecraft (colección de libros, dos que haberá 3 editados), publicados en Urco Editora. Falarám Tomás González Ahola e Denís Fernández Cabrera.

Día de Feira VI, artigo de Armando Requeixo sobre os premios literarios

Artigo de Armando Requeixo recollido no seu blog Criticalia:
“Cando hai uns días preguntei ás visitas deste blog por cales crían que eran os males que afectaban os nosos premios literarios xa me daba o corpo que talvez as opinións ían ser variadas abondo. (…)
As miñas cábalas non ían descamiñadas, pois das nove posibles respostas tiveron algún voto sete delas, o que demostra ata que punto os premios literarios de noso, tal como están concibidos, son sentidos como problemáticos.
Segundo parece, o maior problema que estes amosan (así o entende o 46% dos votantes) radica no seu excesivo número. E está é, con certeza, unha ladaíña que xa vén de vello e que, porén, non foi aínda sensatamente atendida: ¿por que contro seguen a convocarse tantos premios?, ¿é razoable que nun país do tamaño do noso, coa poboación do noso e, sobre todo, co teito lector que temos coexistan ducias e ducias de premios grandeiros, medianeiros e pequeneiros?, ¿a(s) función(s) que cumpren fanos tan esenciais que xustifican a súa proliferación?, ¿seriamos quen de proxectarnos como unha literatura ‘forte’ sen depender (tanto) deles?… Son moitas as cuestións que suscita a votación, mais, o que fica ben claro é que para a maioría tanto premio é innecesario e non estaría mal que tomasen nota as institucións e entidades convocadoras, pois se callar non é preciso que cada un dos tres centos e medio de concellos, das deputacións, das mancomunidades, das fundacións etc. etc. etc. teñan o seu galardón-leira, porque tal minifundismo, lonxe de potenciar a visibilidade da nosa escrita, ao mellor o que fai é conseguir desdebuxala, pois tanta noticia de autores premiados hoxe e mañá e pasado, aquí, alá e acolá é máis que probable que provoquen desentendemento, insensibilidade e fastío entre o común. (…)”

Antonio Piñeiro gaña o XXIII Premio Manuel García Barros, con As fiandeiras

“O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.

As manías d@s escritor@s de noso (II), no blog Trafegando Ronseis

Continuación do artigo no blog Trafegando Ronseis: As manías d@s escritor@s de noso (II):
“Celso Emilio Ferreiro: Antes de escribir o poema xa o elaboraba con anterioridade mentalmente e de xeito concienciudo. A súa muller era sempre a súa primeira lectora e crítica (a pedra para constatar a realidade, a emoción que pode espertar).
Yolanda Castaño: Con silencio total, pechada e con luz artificial, acode primeiro á súa cabeza antes de deixar pegadas no papel.
Antón Riveiro Coello: Merca cadernos en branco que logo non utiliza e asina sempre cun bolígrafo vermello. Un pouco de licor café axúdalle a enfeitizar as musas.
Elena Gallego Abad: Cando está en pleno proceso creativo non le outras literaturas, aínda que si se documenta moito para os seus escritos. Cociñar é o xeito que ten para desbloquearse.
Manuel Núñez Singala: Non fala do seu traballo ata telo rematado. Cambiou o caderniño e un cabo de lapis polo iPhone: sempre anda a anotar para non esquecer as ocorrencias.
María Canosa: A orde é fundamental para poder efectuar este labor que nos ocupa, algo que adoita realizar descalza e cunha vela porque lle relaxa mirar a lapa. Prefire escribir con lapis, e sempre a man.
Miro Villar: Nunca se pon á escrita de noite e faino en papel necesariamente. Adoita traballar intermitentemente e repousar a súa creación literaria.
Marta Dacosta: Acostuma utilizar as mesmas ferramentas, un vello caderno cheo de folios soltos e un bolígrafo agora extraviado. Obrígase asemade a utilizalas cando menos unha vez ao mes.
Antón Fortes: Utiliza uns pequenos cadernos de 10 por 15 centímetros nos que escribe cun Pilot de tinta líquida negra con letra minúscula (o propio autor asegura que é “de formiga”).
Marica Campo: Cómprelle a soidade e escoitar música de violonchelo, preferentemente Mischa Maisky ou Jacqueline du Pré.”