Entrevista
a Xosé Fernández Ferreiro en Galicia Hoxe:
‘Fernández Ferreiro cre que falta por escribir “a gran novela do urbano, do rural e da emigración”. Entre algunhas obras sobresalientes que abordaron estas temáticas, o autor de Nogueira de Ramuín apunta A esmorga ou La catedral y el niño de Eduardo Blanco Amor pero considera que aínda non foron tratados pola literatura galega coa complexidade que precisan.
O escritor declárase “namorado do xornalismo por vocación e pola literatura”. Logo de estudar esta carreira en Marid, trasladouse a Santiago para traballar no xornal La Noche e despois noutros diarios como Faro de Vigo, El Correo Gallego ou La Voz de Galicia. En 1985 recibiu o Premio Galicia de Periodismo polos centos de artigos que publicou ao longo da súa vida. “O xornalismo deume unha gran facilidade para escribir. Eu sei sintetizar moi ben os textos. Iso dáche moito xogo, tamén na literatura”, asegura.
A súa outra gran paixón foi o cine. “Sobre todo, gustábanme as películas do oeste”, apunta. De feito, mentres estaba en Madrid chegou a traballar na produtora cinematográfica fundada polo galego Cesáreo González. “Traballaba no departamento de publicidade até que me chamaron de Faro de Vigo e regresei a Galicia”, lembra.
Todas as súas novelas están ambientadas no rural galego agás as de ciencia ficción. “Unha das miñas obras está ambientada na zona da Amazonía, é unha obra bestial porque nela vertín todas as ideas sen coutar nada. Simboliza o mundo de hoxe no que pairen o poder, o sexo e o diñeiro”, afirma’.
O día seguinte hai unha resposta no mesmo medio de Helena González.
Cambados: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
xoves 9 de xuño, ás 20:00 h., en Cambados, preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, acompañando ao autor, Saúl Otero e Ángel de la Cruz.
Indignadas contra a Real Academia Galega
‘Outro
dos rostros visibles do manifesto pola entrada das mulleres na Real Academia Galega, a poeta Yolanda Castaño, considera “unha mágoa” que a RAG “non aproveite este momento para tratar de reflectir un pouco mellor a realidade da sociedade no seu seo”. Para ela, unha vez que non se conseguiu o obxectivo, pode que a solución “estea na ampliación do número de cadeiras, ao estilo da Real Academia Española, pois as actuais son escasas”.
Por último, a profesora María Xesús Nogueira, tamén asinante d’O xogo das cadeiras, pensa que “non se trata dunha persoa, senón dun problema estrutural da Real Academia”, e considera que dende a RAG “se fan oídos xordos” ao sentir da sociedade galega.’ Desde (Xornal). Tamén neste medio aparece un artigo de Helena González.
Xusto Beramendi: “Queremos facer un gran museo”
A Universidade de Oxford celebra varias actividades sobre o galego ao longo deste mes
A Coruña: conferencia de Xosé Antonio Pena Beiroa sobre Alexandre Bóveda
O xoves
9 de xuño, ás 20:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e dentro do ciclo de conferencias en conmemoración do 75º cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda, Xosé Antonio Pena Beiroa falará da obra económica e fiscal de Bóveda na actualidade. Houbo un cambio na orde das conferencias, e esta semana terá lugar esta, quedando para o día 16 a prevista para o xoves 9 con Francisco Rodríguez.
Elena Gallego: “Vexo centos de títulos nas librarías pero os nosos, os galegos, no último recuncho”
Entrevista
a Elena Gallego en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FdV): ¿Como sucedeu a metamorfose que a transformou a vostede de xornalista a escritora?
– Elena Gallego (EG): Para ser escritor hai que ser lector. Eu leo desde que recordo e cando soñas historias alleas, soñas tamén con escribir as túas. Miña nai garda nun caixón unha novela que escribín con 13 anos titulada A rapaza dos ollos vermellos. Aínda non me atrevo a lela, dame pudor, pero está aí. Eu xa escribía poemas… por iso caín no xornalismo que ten a súa parte creativa. O catalizador foi escribir a novela que quería que lera o meu fillo, que conseguira entusiasmar a un adolescente. Vin que nas librarías e bibliotecas non había nada noso, nada galego, e quixen demostrar que se podía facer. (…)
– FdV: –Xa se fala de Dragal como o Harry Potter galego, ¿para cando a versión no cinema?
– EG: O primeiro que me preguntan os nenos cando falo nos colexios é cando vai sair o videoxogo. Soñar é gratis pero eu son realista. O problema que vexo é que hai demasiadas propostas de literaturas, centos de libros nas librarías e os nosos, os galegos, no último recuncho. Eu creo que Dragal pode competir con outras historias que son best seller pero confórmome con que lean a historia e se gusta, que a compartan. E non hai nada máis flipante que os nenos curiosos e agradecidos. Vexo voar o dragón nos seus ollos.”
Trintxerpe, Pasaia: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
O
mércores 8 de xuño, ás 20:30 h., na Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe (Euskadi Etorbieda, s/n., Pasaia), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. Participarán Filipe Domínguez, presidente do Fato Daniel Castelao e o propio autor.
Convocado o XII Premio Risco de Creación Literaria
“O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de CREACIÓN LITERARIA, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade. Ao PREMIO RISCO DE CREACIÓN LITERARIA, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no PREMIO VICENTE RISCO DAS CIENCIAS SOCIAIS. Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes
– Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
– Segunda. Os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo, antes do día 1 de outubro, data do nacemento de don Vicente, de 2011, no Rexistro Municipal do Concello de Ourense.
– Terceira. Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, co título ou lema no seu exterior, cos seus datos (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra.
– Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
– Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
– Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o sábado 19 de novembro.
– Sétima. Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado , o premio poderá declararse deserto.
– Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos
de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada. Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
– Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
– Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.
Ourense, 30 abril de 2011.”
Unha forma de facer país
Repercusións
sobre a escolla de Valentín Paz Andrade para o Día das Letras Galegas 2012 en Galicia Hoxe:
‘Para o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, é un motivo de “ledicia” que se recoñeza a figura de Paz Andrade tanto pola súa “obra escrita” como pola súa “achega á construción da nación” neste tempo “tan necesitado de alento vertebrador”. (…)
Para Cesáreo Sánchez, a celebración non terá a acollida que este ano conseguiu bater marcas de participación co caso de Lois Pereiro. “Son dúas figuras distintas e á vez, complementarias -afirma-. Lois é un contemporáneo que hoxe tería cincuenta anos e estarái en plena madurez creativa. Ademais, a súa linguaxe enlazaba perfectamente coa rúa. No caso de Paz Andrade, será moi importante ver como se implicou nunha serie de proxectos que aínda hoxe en día están a dar os seus froitos”, comenta. (…)
Pola súa banda, Cesáreo Sánchez destaca que nomear académico a Xosé Fernández Ferreiro “é un acto de xustiza polo que leva achegado á narrativa galega e a súa implicación no Grupo Brais Pinto en momentos moi cruciais da nosa cultura”. Outra cousa, di, é a “necesaria entrada de mulleres na RAG, que significaría que a Academia anda ao mesmo paso que a sociedade”. Ao seu ver, “nos próximos anos necesariamente ten que entrar unha muller porque a propia realidade literaria do país así o demanda”.’