Santiago: presentación de Fogar impronunciable, de María do Cebreiro

O mércores 8 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, o último ensaio de María do Cebreiro, publicado en Galaxia. A autora estará acompañada por Carlos Lema, Ana Salgado e Isaac Lourido.

A Coruña: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O mércores 8 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza do Libro) da Coruña, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. A presentación incorpora un recital audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos. Os convidados son: Diana Sieira e José León, do grupo de teatro Carfax do Burgo (Culleredo).

Coñécense os finalistas dos Premios Xerais

“Reunidos hoxe 3 de xuño de 2011 no Castelo de Soutomaior, os xurados dos Premios Xerais 2011 elixiron os finalistas de cada unha das modalidades.
O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa.
O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro.
O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz.
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado 11 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.” Vía Xerais.

Valentín Paz Andrade será o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e Xosé Fernández Ferreiro entra na RAG

Valentín Paz Andrade foi elixido polo Plenario da Real Academia Galega como o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2012. Na mesma sesión acordou nomear académico electo a Xosé Fernández Ferreiro, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Francisco Fernández del Riego. A nova tamén ven recollida en: Xornal, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El País, Galiciaé, Cultura Galega, Galaxia, Portal Galego da Língua.

Domingo Tabuyo: “Seguiremos loitando para evitar que o ceo caia sobre as nosas cabezas”

Entrevista a Domingo Tabuyo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): En que xénero literario estás máis a gusto: poesía, novela, ensaio, crítica, teatro…?
– Domingo Tabuyo (DT): Eu navego máis tranquilo nos mares da poesía, na que nacín a este mundiño de letras e onde comecei a facer construcións poéticas que soportaron as probas de carga de editores e premios literarios, e polo tanto a miña Ítaca estará sempre onde residan os versos indispensables para construír reflexións e denuncias. A novela é a miña segunda patria, e a pesar de precisar credenciais moi distintas, son case un cidadán asiduo deste espazo creativo e pretendo continuar facendo letras verticais de poemas e horizontais de novela porque son as dúas maneiras creativas coas que podo achegar voz e reflexión no noso tempo e na nosa sociedade.
– GH: A túa nova novela Svea Kött, é para ti a máis “lograda” polo de agora?
– DT: Svea Kött é a miña última novela e, polo tanto, a que incorpora máis e mellores elementos narrativos, recursos e tramas que fan dela unha novela que vai gustando e que recolle moi boas valoracións por arte de xente moi diversa. Estou moi satisfeito de como vai indo, e tanto na presentación en Santiago por parte de Francisco Caamaño, como na de Méndez Ferrín en Cambados, as diseccións que fixeron da obra e a valoración obtida foi altamente positiva. En calquera caso, un o que pretende é mellorar cada día e en cada obra e iso é o que pretendo e pretendín sempre, polo tanto sempre a seguinte será a mellor. (…)
– GH: Podería definirse como de esplendor o momento actual da literatura galega?
– DT: A escrita galega está nun gran momento, cun alto nivel de títulos, de publicacións e de autores que van tendo recoñecemento a nivel nacional e internacional. Dende as institucións e dende os medios públicos debe facerse un esforzo maior para difundir e divulgar esta riqueza que Galicia posúe, e axudar á promoción da lectura e das novas voces que asoman entre os mozos.”

Santiago: presentación de Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

O martes 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala de presentacións da Editorial Follas Novas (fronte á librería, Rúa Santo Domingo da Calzada, 1 entrechán), de Santiago de Compostela, preséntase o libro Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado na colección Libros da Frouma de Follas Novas Edicións. No acto interveñen Luís Alonso Girgado, Anxo Pastor, Baldo Ramos e o propio autor, quen ofrecerá unha lectura dos seus textos.