(Xornal)
Convocado o X Premio Literario Carlos Casares de microrrelato
BASES
“- Primeira: Convócase a décima edición do Premio Literario Carlos Casares, do Liceo de Ourense, na modalidade de Microrrelato.
– Segunda: Fíxase un premio de mil cincocentos euros.
– Terceira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría cun máximo de tres, e redactados en calquera dos dous idiomas oficiais en Galicia.
– Cuarta: Os orixinais terán unha extensión máxima de mil cincocentos caracteres, debendo presentarse por quintuplicado, e antes do 13 de maio do ano 2011, na Secretaría do Liceo de Ourense, sita na rúa Valentín Lamas Carvajal, 5. C.P. 32005 Ourense.
– Quinta: Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, adxuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono da persoa que concorre ó premio, así como o título definitivo da súa obra.
– Sexta: O Xurado estará integrado polo Presidente do Liceo de Ourense, os membros da Sección de Literatura, dona Teresa Devesa Graña, dona Loly Conde Fernández, dona Rosa Estevez Redonet, don Xan Fonseca Moretón e Don Segismundo Bobillo Morgade, actuando como Secretario o Xerente do Liceo.
– Sétima: Se o Xurado o estimase oportuno, podería outorgar un ou varios accésits, fixando a súa dotación económica. Asimesmo poderá declarar deserto o premio, no caso de non se presentar obras que teñan un mínimo de calidade. O Fallo do Xurado será inapelable.
– Oitava: A entrega dos premios terá lugar nun Acto Literario enmarcado nas Festas do Liceo, que se celebrará o 27 de maio.
– Novena: O Liceo de Ourense resérvase o dereito de publicación da obra premiada, así como dos accésits no caso de habelos, feito que conlevará a renuncia do autor, ou autores premiados, a percibir os dereitos desta edición.
– Décima: Os orixinais que non resulten premiados, serán destruídos nun prazo de tres meses dende o día do fallo, agás que se reciba solicitude por escrito para a súa devolución.
– Undécima: A participación no Premio leva implícita a aceptación das presentes bases.
Ourense, 3 de marzo de 2011.
A Xunta Directiva.”
3C3 Editores cumpre 10 anos
“Nesta
segunda semana do mes de marzo de 2011 fará dez anos da fundación en Santa Comba de Xallas do selo editorial tresCtres Editores, 3C3. Respondendo a unha iniciativa dos empresarios das artes gráficas, irmáns Pichel López –imprenta Eurográficas–, dous profesores do IES Terra de Xallas –X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia) e Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas)– poñían a andar este proxecto, asumindo colexiadamente a súa dirección editorial. Cando se está a cumprir este 10º aniversario de 3C3 son xa un cento os títulos editados ó longo desta década, 2001-2011, cunha xeitosa nómina de autores. Tendo en conta as súas tiraxes medias, pódese afirmar que dende aquela uns cen mil exemplares no seu conxunto pasaron a enriquecer o mundo editorial, continuando no século XXI a facer realidade aquilo que se lle dicía ós medios na xuntanza fundacional: queremos seguir facendo posible hoxe aquí o milagre de Johannes Gutenberg. 3C3 continúa arestora cos seus proxectos de coleccións e edicións. Proximamente ten proxectada a renovación da páxina web tresctres.com, enchéndoa de novos deseños, recursos e contidos. Séguese na idea de editar ó redor dunha ducia de novos títulos cada ano, seleccionando ben os orixinais e coidando a calidade, interese e variedade das súas edicións.”
Santiago: presentación de A arte do fracaso, de Berta Dávila
A Coruña: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez
O martes 15 de marzo, ás 20:00 h., no Centro Social Novacaixagalicia (Antes Centro Social Caixanova, Avenida da Mariña, s/n.) da Coruña, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) presenta o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.
Xosé Carlos Caneiro gaña o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
O
venres 11 de marzo tivo lugar en Pontevedra o fallo da VIII edición Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia coa vocación de impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación. Nesta ocasión o artigo gañador foi Sumar, Ana, de Xosé Carlos Caneiro, publicado en La Voz de Galicia o 28 de setembro de 2010, a propósito da morte de Ana Kiro. Nesta edición presentáronse un total de 23 artigos en galego.
Santiago: exposición conmemorativa da primeira década da Asociación Cultural O Galo
Do
martes 15 de marzo ao martes 19 de abril, con horario de 18:30 a 21:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (Praza de San Miguel dos Agros 5, baixo) de Santiago de Compostela, terá lugar unha mostra conmemorativa dos 10 primeiros anos de vida desta Asociación, con motivo dos 50 anos da súa existencia. Organizada pola Fundación 10 de marzo en colaboración co Galo e a Concellaría de Cultura, inaugúrase o martes 15 de marzo ás 20:00 h. Deixamos aquí este díptico coa información: Exposición conmemorativa O Galo 2011.
Santiago: II Jornadas Galego-portuguesas de Ediçom Independente
Despois dunha semana de actividades no Porto, continúan na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela as II Jornadas Galego-portuguesas de Ediçom Independente organizadas por Estaleiro Editora, Corsárias, Gato Vadio, Casa Viva e Colectivo Hipátia. As mesas redondas vanse desenvolver de 14 a 17 de marzo, ás 19:00 h., e o venres 18 finalizarán cun recital poético-musical que se celebrará no Bar As Duas (Praza da Oliveira) ás 22:00 h. Aquí deixamos o programa: II Jornadas galego-portuguesas de ediçom independente 2011.
Vigo: presentación de Unha estratexia marítima para Galicia
O martes 15 de marzo, ás 19:30 h., na Zona Franca de Vigo, preséntase do libro colectivo de ensaios Unha estratexia marítima para Galicia, coordinado por Manuel M. Varela Lafuente e publicado en Galaxia.
Cerqueda, Malpica: nova edición das Polafías
O domingo 13 de marzo, a partir das 17:00 h., no Complexo-Restaurante Aldeola, en Cerqueda (Malpica), con entrada libre, nova edición das Polafías: a Asociación de Escritores en Lingua Galega aproveitará para realizar unhas gravacións da tradición da literatura oral e da música tradicional da parroquia de Cerqueda. Gravaranse romances de cego, coplas, comparsas, regueifas, contos, lendas así como o repertorio de catro xeracións de pandereteiras da parroquia. Esta actividade está coorganizada coa Asociación de Veciños Monte d’Arxa (AVMD) e a Asociación Cultural Raigañas (ACR), co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e o Complexo-Restaurante Aldeola. Crónica posterior en Galicia Confidencial.

