Santiago: presentación de Galiza, ensaio inédito de Manuel María

O martes 14 de decembro, a partir das 20:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (San Miguel dos Agros, 5, esquina Praza San Martiño Pinario) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e A. C. O Galo, participan Uxía Senlle, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Cobas e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.

Vigo: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O mércores 15 de decembro, ás 20:00 h., no local da Mesa pola Normalización Lingüística (Rúa Abeleira Menéndez, 28) de Vigo, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Elsa Quintas e Xosé Manuel Moo.

Luís Valle Regueiro gaña o XXIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Palabras e palabras e palabras

“No día de hoxe, 11 de decembro de 2010, tivo lugar a resolución do Premio de Poesia Eusebio Lorenzo Baleirón na súa edición de 2010, por parte do xurado composto por:
Presidente: don Arturo Díaz Díaz, Alcalde do Concello de Dodro.
Vogal primeira: dona Ánxeles Penas, poeta e tradutora de Eusebio Lorenzo Baleirón.
Vogal segundo: don Modesto Fraga Moure, poeta.
Vogal terceira: dona Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria.
Vogal cuarto: don Daniel Costas, gañador do certame do ano 2009.
Secretaria: dona Victoria Rei Mariño, tenenta de alcalde con delegación na Área de Cultura.
Que acordan, tras a deliberación do xurado, outorgar por unanimidade o premio ao seguinte traballo: Palabras e palabras e palabras. Aberta a plica resultou ser da autoría de Luís Valle Regueiro. O xurado destacou a profundidade temática, a orixinalidade das imaxes, a musicalidade e un impecable coidado da lingua. Salienta tamén a calidade en xeral das obras presentadas, así como o elevado número, o que destaca a importancia que este Certame ten no ámbito da literatura galega.

Para que conste a todos os efectos, asinan acta o sábado 11 de decembro de 2010.

Ademais de emitir a súa resolución, os membro do xurado realizaron unha visita ao cemiterio onde repousan os restos do poeta de Dodro, Eusebio Lorenzo Baleirón para dar testemuño do noso recordo.”

Vía Concello de Dodro. Recollido tamén en A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe, El Correo Gallego e Cultura Galega.

Gondomar: presentación de Osorio-Tafall. Un científico e político galego no exilio, de Xosé Francisco Pardo Teijeiro

O martes 14 de decembro, ás 20:30 h., na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” (Avenida da Feira 10, baixo) de Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, terá lugar a presentación do libro Osorio-Tafall. Un científico e político galego no exilio, de Xosé Francisco Pardo Teijeiro, publicado en A Nosa Terra Edicións. No acto participan o autor e o profesor Xosé Ramón García.

A Coruña: presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge

O mércores 15 de decembro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, s/n.) da Coruña, preséntase o libro A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento. No acto participan, co autor, Francisco Pillado e Manuel Rivas.