O Grove: presentación de A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa

O venres 17 de decembro, a partir das 20:00 h., na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei (Monte da Vila, s/n.), do Grove, preséntase o último Premio Merlín de Literatura Infantil, A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, organizada polo Concello do Grove e por Xerais. No acto participan Quico Cadaval, Manuel Bragado e a propia autora.

Francisco Rodríguez: “Estratexia de confusión”

Artigo de Francisco Rodríguez en Galicia Confidencial:
“Lembre este Instituto galeguista, e pídolles que cavilen, agora á marxe do tacticismo: dous idiomas para uso sistemático nunha mesma sociedade son inviábeis; non son compatíbeis socialmente de forma indefinida, a non ser debuxando progresivamente funcionalidades de subordinación ou de dualidade desequilibrada e procesos de marxinalidade. O avance do galego na sociedade galega, a nivel social, non se pode producir se non hai retrocesos do castelán, dos seus usos orais e escritos, formais e informais. Vaia adicado exclusivamente aos redactores do Manifesto. Non é para situar no cerne do noso discurso reivindicativo. A vosa reflexión estratéxica pode inducir a confusión e mesmo a promover algunha autoagresión nas propias filas normalizadoras ou dos amigos do galego, das que, sen dúbida, vos considerades parte. En todo caso, as organizacións nacionalistas de todo tipo, especialmente a Mesa, enunciaron os discursos necesarios, neste momento, e promoveron as accións sociais prácticas, logrando unha ampla converxencia de distintos sectores, cunha contundencia e un éxito indubidábel nun momento moi delicado e conflitivo contra un inimigo poderoso… Grazas á súa iniciativa e ao seu discurso un importante sector da sociedade galega paroulle os pés a este Goberno galegófobo. O que se necesita é robustecer aínda máis a nosa capacidade para resistir e avanzar. As reflexións do IGEA non contribúen a este obxectivo.”

Santiago: presentación de O libro dos cans, de Estevo Creus

O venres 17 de decembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O libro dos cans, de Estevo Creus, publicado en Franouren. No acto, acompañando ao autor, participarán Antón Lopo a danza en directo de Begoña Cuquejo, Paulina Funes e Josua McCarey.

Tui: presentación de A cidade sen roupa ao sol

O xoves 16 de decembro, a partir as 20:30 h., na Biblioteca Pública (Rúa Colón, 2) de Tui, preséntase o libro de poemas A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafael Sánchez Bargiela e Julián B. Baso, ilustador.

Santiago: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O xoves 16 de decembro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago de Compostela, Víctor F. Freixanes presenta a súa novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia. Acompañan ao autor Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Dolores Vilavedra, crítica literaria.

A Coruña: presentación de Espertar, de Lino García e Helena Robredo

O xoves 16 de decembro, a partir as 21:00 h., no Salón de Actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro de poemas Espertar, coa obra de Lino García e as fotografías de Helena Robredo, publicado pola A. C. Eira Vella. No acto intervervirán un representante de Alexandre Bóveda, Gabriela Rodríguez, presidenta de Eira Vella, o escritor Xabier López, autor do prólogo do libro e Lino García Salgado.