Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil

A obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Lugo: presentación de Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa

O martes 14 de decembro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa. No acto participarán, acompañando ao autor, a ilustradora Noemí López e o editor Manuel Bragado.

A Coruña: conferencia de Francisco Carballo sobre Galiza na Idade Moderna: rebelións e revolucións no 1640

O martes 14 de decembro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, s/n.) da Coruña, e con entrada libre para o público, terá lugar unha conferencia de Francisco Carballo, dentro do Ciclo “Economía, Historia e Realidade Social”, da A. C. O Facho, sobre Galiza na Idade Moderna: rebelións e revolucións no 1640, na que departirá cos asistentes sobre os acontecimentos históricos a mediados do século XVII no noso País.

A Coruña: presentación de Antón Moreda. Memória do exílio, de Uxío-Breogán Diéguez e Antom Santos

O martes 14 de decembro, a partir das 20:30 h., no Salón de Actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Antón Moreda. Memória do exílio de Uxío-Breogán Diéguez e Antom Santos, editado pola Asociación Galega de Historiadores. No acto participa, ademais dos propios autores, Antom Santamarinha, ex-presidente das Mocedades Galeguistas.

Xosé María Lema Suárez: “Queremos que esta obra sirva de exemplo a outras comarcas”

Entrevista a Xosé María Lema Suárez en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia: ¿Cal é o obxectivo central deste libro?
Xosé María Lema Suárez: Coma explicamos no limiar, pretendemos que sexa algo máis que unha guía turística, e así o entendeu tamén a editorial Xerais. Ademais das rutas que propoñemos ao final, na obra recollemos todo o que sabe na actualidade da comarca de Soneira, repasando a súa identidade desde o século IX, a súa historia, a xeografía, as manifestacións artísticas… e incluímos, ademais, dous apartados innovadores, coma son a análise da fala e dos apelidos. Tamén analizamos os movementos populares, culturais e deportivos e recollemos algún percorrido que se fala pouco: a ruta dos Naufraxios, desde Camelle ata Cabo Vilán. Queremos que a obra sirva de exemplo para outras comarcas.”

Vigo: presentación de Quéroche contar un conto

O sábado 11 de decembro, a partir das 12:00 h., no MARCO (Rúa do Príncipe, 54) de Vigo, preséntase o libro de relatos Quéroche contar un conto, escrito por Agustín Fernández Paz, Francisco Castro, An Alfaya, Xosé Cermeño e Irene Pérez Pintos e ilustrado por alumnos e usuarios de Aspanaex, publicado en Xerais. ASPANAEX prega confirmación de asistencia nos teléfonos 986.20.83.95 e 986.21.36.29.

Morgadáns: entrega do III Premio de Poesía Victoriano Taibo a María Goretti Fariña

O sábado 11 de decembro ás 19:00 h. na Escola de Guillufe en Morgadáns terá lugar o acto de entrega do III Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns a Goretti Fariña Caamaño (San Xoán de Baión, Vilanova de Arousa, 1965), que resultou gañadora polo seu poemario Devastacións imposibles. O premio xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns consta de un premio en metálico de 3000 euros, a edición do libro premiado e unha figura escultórica realizada polo artista miñorano Fino Lorenzo. No acto, que será presentado pola xornalista e guionista Araceli Gonda, presentárase tamén o libro premiado e estará animado polo grupo de gaitas “Balcón do Miñor”, de Morgadáns, así como polos cativos do Colexio Rural Agrupado “Antía Cal” que recitaran textos de Victoriano Taibo e polo grupo de teatro baionés “Non si? Teatro” que dramatizará algúns textos poéticos de don Victoriano, contando tamén coa presenza da premiada, que recitará tamén algúns dos textos do libro.