Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

O Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu con vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa, e serve, pola súa vez, de homenaxe a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, fai extensiva a homenaxe aos escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia. Recóllense aquí as bases principais:
1. O Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego acollerá artigos propios do chamado xornalismo literario e de opinión, publicados con nome ou pseudónimo, en calquera medio de comunicación impreso en Galicia ou de fóra dela, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2010.
2. Os artigos deberán estar escritos en lingua galega.
3. Poderán presentarse todos aqueles escritores de artigos xornalísticos que cumpran co requisito sinalado na primeira destas bases e publiquen os seus artigos tanto na prensa española como na hispanoamericana.
4. Poderán presentar tamén propostas e candidatos as institucións, públicas ou privadas, academias ou fundacións de todo o ámbito de convocatoria que o estimen oportuno.
5. Só se presentara un traballo por autor, que deberá remitirse á Área Sociocultural de CAIXANOVA, na rúa Augusto González Besada, 2, 36001, Pontevedra, nun sobre pechado e indicando no exterior “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego”. O prazo de recepción de traballos finalizará o día 10 de xaneiro de 2011.
6. O premio non poderá declararse deserto nin ser dividido, terá unha retribución de 12000 euros.

As bases completas pódense consultar aquí.

Que me queres, Amor?, de Manuel Rivas, será traducido ao chinés

A editorial chinesa Shanghai 99 realizará unha edición de 8.000 exemplares de Que me queres, Amor?, o libro de de relatos co que Manuel Rivas obtivo o Premio Nacional de Narrativa en 1996. O proxecto asinado coa editorial chinesa supón continuar coa edición do resto da obra narrativa de Manuel Rivas. Vía Xerais. Tamén recollido en Galaxia, Galicia Hoxe e Xornal.

Convocado o XX Certame de narracións breves Manuel Murguía

O Concello de Arteixo, para contribuír ó desenvolvemento da narrativa galega e honrar ó noso Patriarca, convoca con carácter anual o Premio Manuel Murguía coas seguintes

BASES

1. Poderán concorrer tódolos autores que o desexen con unha única obra, de temática libre e escrita en lingua galega.
2. Os relatos deben ser orixinais e inéditos, dunha extensión non inferior ós 15 folios nin superior ós 30, escritos con letra corpo 12 e en tamaño DIN A4.
3. Os traballos presentaranse por cuadriplicado, mecanografados a duplo espazo, por unha soa cara e só co título da obra e un lema. Xuntarase unha copia do texto nun CD en formato PDF. Nun sobre pechado achegaranse o título, o lema, o nome, o enderezo, o teléfono e o currículo do autor/a.
4. As obras deben enviarse facendo constar no sobre 20º Certame Manuel Murguía de Narracións Breves, antes do 1 de marzo de 2011 ó seguinte enderezo:
Concello de Arteixo
Praza Alcalde Ramón Dopico, 1
15142 Arteixo
A Coruña
5. Co gallo do 20 aniversario, establécense 3 premios dotados con 3.703,70 €, 1.234,57 € e 617,28 €, sometidos ás correspondentes retencións. Os galardóns poderán declararse desertos.
6. O xurado, constituído por membros de recoñecida solvencia, será designado polo Concello de Arteixo e fará pública a súa decisión inapelable no mes de maio de 2011.
7. Os/as 3 finalistas deberán estar presentes o día da entrega para recibir os premios.
8. Os orixinais non premiados poderán ser devoltos, sempre que o soliciten os seus autores por escrito no prazo máximo de un mes a partir do fallo.
9. Os/as finalistas e os/as autores/as premiados/as renuncian ós seus dereitos no caso que o Concello edite os textos e se fixeren outras edicións farán constar que foron premiados/as neste certame.
10.A interpretación destas bases corresponde exclusivamente ó xurado. O feito de participar no certame supón a aceptación das presentes bases.

Arteixo, novembro de 2010.

Máis información neste enlace. As bases poden descargarse, en formato .pdf., aquí.

A Coruña: recital poético-musical con motivo do Día dos Dereitos Humanos

O venres 10 de decembro, a partir das 20:00 h., na Biblioteca Miguel González Garcés (Rúa Miguel Glez. Garcés, s/n.) da Coruña, con motivo do Día dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional organiza un acto poético-musical coa participación Yolanda Castaño, Xulio López Valcarcel, Pedro Ramos, Xosé Taboada, Xurxo Mares, Silvia Penide, Paco Campos, Francisco Pillado e Xulio Correa.

Zas e Vimianzo: presentación de A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte

O venres 10 de decembro preséntase o libro A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, coordinado e dirixido por Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais, no que participan, alén del, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema, en dous puntos desta comarca:
– Ás 19:30 h. no Auditorio de Baio (Zas), e coorganizada polo Concello de Zas, A.M.C. Pepe Valiña, Amigos do Liño e Edicións Xerais, contará coa participación de Manuel Muíño (alcalde de Zas), Antonio Díaz Amor (presidente de A.M.C. Pepe Valiña), Carmen Riveiro (presidenta de Amigos do Liño) e Manuel Bragado (director de Xerais).
– Ás 21:30 h., no Salón Caribe de Vimianzo, coorganizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Edicións Xerais de Galicia. O acto contará coa participación de Ramón Gándara (representante do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte), Manuel Bragado (director de Xerais) e os autores.

Redondela: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 10 de decembro, ás 20:00 h., na Casa da Torre (A Torre, 55) de Redondela, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Alexandre Vázquez e Xosé Manuel Moo.

Vigo: presentación de Alén, de Xaime Quintanilla e As criadas. O balcón, de Jean Genet

O venres 10 de decembro, ás 11:30 h, na Sala de Xuntas da Escola Superior de Arte Dramática (Poza Cabalo, s/n.) de Vigo, Manuel F. Vieites, Víctor F. Freixanes e Anxo Lorenzo presentan publicamente Alén, de Xaime Quintanilla, e As criadas. O balcón, de Jean Genet, publicados en Galaxia.