Eva Moreda: “Teño debilidade polos homes que citan a Bourdieu”

Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): A literatura erótica é un xénero marxinal nas letras galegas. Cal pode ser o motivo?
Eva Moreda (EM): Poño en dúbida que sexa marxinal. Na poesía, por exemplo, o erotismo é un dos grandes temas desde os anos 90, ou mesmo desde antes. Outra cousa é que estas obras non se presenten explicitamente como literatura erótica, o cal, en principio, tampouco me parece mal: non son moi partidaria de clasificar a literatura en caixóns, aínda que recoñezo que editorialmente pode ser unha boa estratexia. É certo que en narrativa se cadra se tardou, ou se está tardando, algo máis en arrincar. Se cadra porque historicamente escribir narrativa estivo moi ligado a facer país, e non semella moi evidente a literatura erótica sexa un xénero desde o que se poida facer país. (…)
ANT: Que posibilidades lle ve ao libro electrónico en conceptos como a mestura multimedia… libros con música incorporada, por exemplo?
EM: Pois precisamente, unha das cousas que me gustaría ver na literatura galega (e na literatura en xeral) é unha maior implicación coas posibilidades textuais da internet e os medios dixitais; na cultura galega estase facendo un uso importante das novas tecnoloxías no plano da difusión pero se cadra xa vai sendo hora de que os escritores nos poñamos a escribir con eses novos medios na cabeza. Como un poemario escrito a base de actualizacións de estado no Facebook, ou, por que non, un libro electrónico que nos vaia permitindo escoitar as músicas ás que se fai referencia no texto.”

Dores Tembrás: “Son miles os valedores do galego. Todos xuntos conseguiremos medralo”

Entrevista a Dores Tembrás en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH):O pouso do fume, podería ser ese sedimento-sentimento que fica en nós tal que unha canción inacabada, unha lembranza que queremos recordar así, pero que a nosa timidez que impide saber (ou non querer saber) que nin sequera a morte é quen para deter ese proceso metamorfósico do mesmo fume que antes foi lume máis alá da sinonímica sinestesia. Podo ou non, referirme ao teu libro Dores, pero en todo caso é un nobre pretexto para falar do seu significado e da posibilidade dos seus significandos… É unha corpórea polisemia que foxe de si e do presentimento da derrota, do imposíbel esquezo…?
Dores Tembrás (DT): O pouso do fume é memoria, un intento de apreixar o que xa non é, cristalizar o que se esvae. Arredor do poemario hai unha constelación de palabras que poderían servir de resposta á túa pregunta: COMBUSTIÓN, OXIDACIÓN, POUSO, lume, orixe, palabra, silencio, comuñón, morte, fe, legado, infancia-infancia-infancia, dor, matriarcado anónimo, desaprender, ausencia, desafío, prodixioso, mestres, discípula, extinción, ofrenda. Na miña adicción ao pasado, a infancia é o centro que me permite embalsamar a perda, ambarizala, e sempre a derrota, a ferida (esa cita precisa de Chantal Maillard que cita Olalla Cociña no extraordinario Libro de Alicia ), de aí a palabra. (…)
GH: A poesía é esencial na túa vida… Transcende da palabra ao acto, á actitude?
DT: Entendo que eu vou na procura da poesía, coido que é unha cuestión de dirección, non tanto un estado, na liña do que comentaba antes: unha pulsión que me somete, á que me someto, no proceso.O poético é unha vía multidireccional que, en ocasións, se percorre varias veces. Por exemplo, cando me asalta o poético no acto ou na actitude, de aí á alquimia da palabra, que de novo, pero non sempre, pode transcender ao acto-actitude. É coma un ciclo completo, con tódalas metamorfoses imaxinábeis, retroalimentándose.”

Falece Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego, membro de honra da AELG, ilustre galeguista e ex director da Real Academia Galega, faleceu aos 97 anos. A nova recóllese así nos seguintes medios: Xornal, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Cultura Galega, A Nosa Terra, Galaxia e El País. Repercusións posteriores en: Galaxia, Cultura Galega, La Voz de Galicia, Xornal, Galiciaé, e Faro de Vigo. Crónica de Suso de Toro en El País, e de Marcos Valcárcel en Galicia Hoxe, e artigo de Xesús González Gómez en A Nosa Terra. En Cultura Galega recuperan gravacións históricas da súa voz.

A Coruña: presentación de Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O martes 30 de novembro, a partir das 20:00 h., no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o poemario Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicado en Espiral Maior. No acto, ademais do autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Xavier Seoane.

Santiago: presentación de O clamor da rebeldía, de Pilar García Negro

O martes 30 de novembro, a partir das 20:00 h., na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova organiza un acto público de presentación do libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro, publicado en Sotelo Blanco. No acto participan a autora, Chus Costoia e Iria Aboi.

XIX Certame Literario A Pipa (poesía e relato)

A Asociación Cultura A Pipa, de Becerreá, convoca o XIX Certame Literario A Pipa 2010 da Alta Montaña Luguesa, coas seguintes bases:
1. Temática. O tema é libre.
2. Tres categorías:
2. A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos)
2. B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos)
2. C.- CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades:
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos)
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios)
4. Os premios:
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural “A PIPA” non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
5. Presentación e Prazo:
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e adxuntando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a.
5. C.- O prazo de admisión rematará o 23 de decembro de 2010.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou envialos ó seguinte enderezo: Certame Literario “A PIPA”. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo:
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural “A PIPA” de Becerreá, que tamén convidará a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.
7. Cerimonia de Entrega de Premios:
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar na Casa de Cultura de Becerreá o domingo 26 de decembro ás 19:00 h. no marco da XIX NOITE POÉTICA “A PIPA” 10 CON BRANCA NOVONEYRA.

As bases e máis información pódense consultar aquí.

Santiago: exposición Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia

A exposición Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia está xa aberta, até o 25 de febreiro, no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia, reúne 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de “xoias bibliográficas” que en conxunto trazan un relato de como se construíu a cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego. A mostra está composta por unha selecta escolma de pezas que, por diferentes motivos, definen momentos clave na historia de Galicia. Prestadas por bibliotecas, arquivos e coleccións privadas de Galicia e do resto de España, é a primeira vez que se conseguen reunir nunha mesma exposición, incluíndo mesmo algunha obra que ata o de agora nunca se amosou ao público. Comisariada polo historiador Xosé Ramón Barreiro, ex presidente da Real Academia Galega (RAG), e por Xosé Luís Axeitos, secretario desta institución, a mostra supón unha “biografía gramatical” de Galicia, ou o que é o mesmo a historia galega contada a través dos seus libros impresos, códices, crónicas manuscritas, mapas ou documentos máis senlleiros. Este é precisamente o sentido do nome da exposición. Os ex libris eran as marcas que se imprimían sobre o reverso dos libros para sinalar a pertenza a unha biblioteca ou a un autor. Trátase, polo tanto, “da colección de Galicia”, a que nos referencia e define como pobo. Máis información neste enlace. Polo momento, para visitala é preciso inscribirse no Programa de Visitas Guiadas á Cidade da Cultura na súa páxina web, onde se ofrecerá toda a información sobre días e horarios. Poráse en marcha ademais un servizo específico de visitas didácticas con guías e material específico.