Gañadores do Premio Adiala 2010

“Reunido o xurado do Premio Adiala 2010 de relato curto, do Centro Galego de Mallorca, o pasado 17 de decembro de 2010 e composto por D. Perfecto E. Cuadrado Fernández, Dna. Mª del Carmen González Moreno e D. Carlos Ramos Aguirre, decidiu por unanimidade conceder o PRIMEIRO PREMIO a Chelo Suárez Muíños polo seu relato Monólogo dun cadáver. Asimesmo, conforme ás bases do certame, o xurado decidiu conceder un ACCÉSIT a Darío Portela Núñez polo seu relato A partida. Ademais o xurado salientou a boa calidade dos orixinais presentados nesta edición, sinaladamente a dos relatos A garda de Diana Varela Puñal e Agre de Clara do Roxo, que tamén serán publicados na Revista Adiala”.

A Coruña: recital de poesía e música con Roberto Reséndiz Carmona

O xoves zz410 de marzo, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o recital do poeta de Zamora de Michoacan (México) Roberto Reséndiz Carmona. No acto participan Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Olga Patiño e o propio autor mexicano, coa compaña dos músicos César Morán e Xosé Taboada.

A Coruña: obradoiro Percorrer o ollo da arte, por Antía Otero

Os martes desde o 15 de marzo, de 19:00 a 21:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar o obradoiro Percorrer o ollo da arte, que camiña polos diferentes estamentos que a ollada debe transitar para coñecer, descubrir e valorar o feito e a creación artística contemporánea a través da multidisciplinariedade. Está impartido por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte, creadora, actriz, escritora e docente na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto. Iníciase o martes 15 de marzo ás 19:00 h., cun total de 30 horas e un máximo de 20 persoas. Están solicitados 2 créditos de libre elección á Universidade da Coruña. A inscrición é de 55 euros para o público xeral e 35 euros para os membros da Universidade da Coruña (neste caso a segunda matrícula é de 30 euros). A matrícula farase na oficina da Área de Cultura da Coruña. Casa do Lagar s/n. planta baixa. Campus de Elviña. O teléfono de información é o 981-167000, nas extensións 1975, 1954, e 1962. Prazo de matrícula até o luns 14 de marzo.

A Coruña: coloquio Falemos de casas, con Manuel Rivas e Gonçalo Byrne

O xoves 10 de marzo, ás 20:00 h., na Fundación Barrié (Cantón Grande, 9) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, e dentro do ciclo Conversas con Gonçalo Byrne, terá lugar o coloquio Falemos de casas, con Manuel Rivas e o propio arquitecto portugués, Gonçalo Byrne. O moderador será Javier Armesto.

A Estrada: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero

O xoves 10 de marzo ás 19:30 h., no MOME (Museo da Madeira e o Moble) da Estrada, e organizada polo Concello da Estrada e Edicións Xerais, preséntase Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Antón Santamarina.

Inma López Silva: “Hai amor poscoitum e desamor precoitus. Eu descoñezo a tristura poscoital”

Entrevista a Inma López Silva en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Calquera literaria e dramática, é en si unha obradoiro pechado, onde polo xeral, o espectador ou espectadora non son máis que iso. No teatro, sobre todo nalgún xeito de teatro, pódese investir esa realidade e o espectador formar parte da obra…?
– Inma López Silva (ILS): Si. Non todo o teatro é nin ten que ser así, pero si é certo que hai un teatro que aspira a que o espectador viva nel, atope a vida a través da súa experiencia como espectador, nunha comuñón co escenario derivada desa liña de teatro como vida. O que acontece é que hai unha gradación nesta experiencia que vai desde a frontalidade máis absoluta (a cuarta parede) na maior parte do teatro que podemos ver habitualmente, ata auténticas experiencias irrepetíbeis, coma as de Artaud nos anos 30 ou o Living Theatre nos 70, nas que o público entra na catarse de vivir a experiencia teatral desde dentro, e contradicindo a propia etimoloxía da palabra espectador. Entre eses dous extremos, hai experiencias, momentos, posibilidades, etc, que son as que nos marabillan e nos ocupan ás que estudamos o teatro. (…)
– GH: Memoria de cidades sen luz é para min, unha da grandes novelas do século que andamos e procuramos. Imaxínoa xa traducida a outros idiomas distintos do noso. Podes contarme algo da xénese e desenvolvemento desta novela que non se vai da memoria?
– ILS: Grazas por esa percepción con desexo incluído. Nótase que nos queremos ben! A novela xurdiu de varias ideas que, necesariamente, tiñan que confluír. Por unha banda, desexaba escribir sobre un tema que a min persoalmente me atormenta, o das mortes contra natura fundamentalmente os pais que ven morrer os seus fillos e a síndrome de Medea. De feito, durante moito tempo pensei en titular a novela Igual que Medea, aínda que ese título, na súa oralidade, logo me pareceu terríbel (aquí riría). Despois tamén tiña interese en lanzar unha reflexión sobre algunhas contradicións do galeguismo prerrepublicano, especialmente a que se refire á súa estraña relación co feminismo. E finalmente, por razóns persoais obvias, andaba fascinada co mundo da Francia dos corenta e dos cincuenta, cheo de personaxes fascinantes, loitadores, caraduras, fuxidos e artistas, todo iso imaxinado desde o mundo do teatro e mais desde a visión da galeguidade, de aí a figura de María Casares e o exilio. Se a todo iso lle sumas que non hai tema máis literario e máis interesante para contar o mal cás distintas guerras (sexan bélicas ou non), velaí che queda o ADN de Memoria de cidades sen luz.