O
venres 19 de novembro, a partir das 21:00 h., no Centro Social A Esmorga (Rúa Telleira, 9) de Ourense, preséntase o libro Penúltimo acto, do colectivo formado por Enrique Leirachá, Cruz Martínez e Rosanegra. Posteriormente, desenvolverase unha nova edición dos Círculos Poéticos Abertos, na que participarán, alén destes autores, Alfonso Rodríguez, Adriana Pérez, Dara Escribano, Simón Cabo, Iolanda Aldrei, Belém Grandal ou Artur Alonso Novelhe.
Galaxia acepta o Premio da Cultura por ser institucional
(Xornal)
Simposio O libro e a lectura sobre O Fomento da Lectura: Unha fronteira para o libro
Xabier López: “Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos”
Entrevista
a Xabier López en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): Os libros son a escusa do relato que titula o volume.
Xabier López (XL): O relato que lle dá título ao libro, Os libros prestados, chameino así para que o lector pensase en atoparse outra cousa ben distinta ao que logo vai ler. Os libros son só pretextos, están na periferia do asunto. E uso libros e non películas ou outros obxectos porque a liña entre literatura realista e literatura fantástica non a teño eu moi clara. Na nosa vida inflúen case máis os seres creados que os seres reais. Os símbolos crean conduta –só hai que pensar na relixión!– e por iso a literatura é tan poderosa. Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos.
ANT: Cando se impoña o libro electrónico acabarase o tópico de: libro que emprestas, libro que perdes.
XL: Hai todo un futuro por escribir nese campo. Eu, persoalmente, non teño tan claro ese argumento de que o libro físico ten asegurado o porvir por ser un obxecto perfecto. O libro ocupa espazo e o espazo é algo moi valioso no noso tempo. Ademais, o concepto fetichista do aroma ou o son do papel paréceme comprensíbel pero eme alleo. Eu sempre preferín as edicións de peto ás primeiras edicións. Unha vella teima miña é o laio constante porque na edición en galego non haxa coleccións baratas.”
A Coruña: III Encontros Milpedras: recital de poesía, música e arte en directo
O venres
19 de novembro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, desenvólvese a terceira edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e arte. Actuarán recitando poemas Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo e Iria Pedreira, en paralelo á música de Rubén Barros e a creación artística de Inma Doval.
Comunicado da AELG ante a renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o Premio da Cultura 2010
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coñecido o fallo dos Premios da Cultura Galega 2010, outorgados pola Consellería de Cultura, traslada os seus parabéns ao noso socio Agustín Fernández Paz, premiado nesta convocatoria por vontade do xurado participante, ao tempo que quere facer público o seu inequívoco apoio á decisión tomada polo noso Socio de Honra de non aceptar este premio.
A AELG quere salientar a proxección do escritor Agustín Fernández Paz, autor de extensa e excelsa obra literaria que o ten convertido nas últimas décadas en referente indiscutíbel da literatura infantil e xuvenil no mundo, como explicitamente denota o altísimo volume de vendas dos seus títulos, a diversidade lingüística á que as súas novelas teñen sido traducidas e o múltiple recoñecemento co que ten sido agasallo en forma de prestixiosos premios de ámbito nacional, estatal e internacional.
Agustín Fernández Paz arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aínda conduce na actualidade, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín Fernández Paz, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se convirtan en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos na vida do noso día a día.
Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. Conseguido o reto, e partillado polo noso mundo das letras, desde a AELG sumámonos ao exemplo de coherencia manifestado polo noso socio, que delata un compromiso vital e literario coa lingua galega, representada nomedamente na súa literatura, sempre en incesante proceso de recuperación e enriquecemento desde a súa pluma.
Consello Directivo da AELG
José Rodrigues dos Santos: “O intercambio pendente”
Alianzas na industria cultural galego-lusa
Xavier Castro dirixe un curso que mestura viño, música e literatura
(Xornal)
Agustín Fernández Paz rexeita o Premio Cultura Galega das Letras 2010
O
escritor Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria vencellada á escrita galega, rexeitou, a través dun comunicado a concesión do premio. Nas súas palabras: “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”, remitíndose ao manifesto publicado por Prolingua o 8 de outubro. A nova recóllese en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega, Galicia Hoxe, Galiciaé e A Nosa Terra. Entrevista co autor en Galicia Hoxe o 18 de novembro, e posteriores reflexións de Roberto Varela en Xornal, e de Xosé Manuel Pereiro en El País.