Luís Álvarez Pousa: “Se un medio en galego cae, non é só culpa do poder político”

Entrevista a Luís Álvarez Pousa en El País:
“El País (EP): “Superamos os esquemas da resistencia cultural”, dixo en 1985, tras dimitir como director xeral de Cultura. Co actual grao de violencia simbólica do Goberno, vale dalgo ter razón?
Luís Álvarez Pousa (LAP): Temos razón porque temos os argumentos. Esa é a nosa principal arma de futuro. Resistimos doutra maneira, poñendo a proba a nosa capacidade de intervención cívica e de creación cultural. Non defendo o resistencialismo ao que nos vimos obrigados os que militamos no asociacionismo de base e na procura de novas tendencias creativas durante os anos negros. Si pola resistencia activa e creativa, a que denuncia e dá respostas alternativas.
EP: Foi ineficaz a aposta sistemática por normalizar, adiando os conflitos?
LAP: Tampouco podemos autoflaxelarnos. Hai un traballo que mantivo a chama acesa, pero si entendo que os modelos de resistencia deben mudar. Que o modelo de resistencia lingüística non foi o máis axeitado nos últimos anos é evidente, porque do contrario estariamos noutro estadio de normalización lingüística, e tería sido imposible que calquera Goberno, mesmo este, tan alleo aos puntos fortes da identidade do país, fixese o que está facendo. Nunca se atreverían.

Universidade da Coruña: VII Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Real Academia Galega, organiza as VII Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano versarán sobre as relacións entre lingua e sanidade, nomeadamente sobre a presenza da lingua galega no ámbito sanitario. As Xornadas terán lugar os días 1, 2 e 3 de decembro no salón de actos do Edificio Universitario do campus de Oza. O prazo de inscrición permanecerá aberto até o día 24 de novembro. O programa pódese descargar aquí. Máis información neste enlace.

Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores

Como cada ano, a Asociación Galega de Editores organiza unha actividade formativa imprescindible que este curso chega á súa sétima edición e que conta co patrocinio de CEDRO. Trátase do Simposio O libro e a lectura, que abordará nesta ocasión o tema do Fomento da Lectura: Unha fronteira para o libro. Deste xeito, os días 18 e 19 de novembro, o Centro Social Caixanova (Praza de Cervantes 17) de Santiago de Compostela, acollerá as intervencións de varios expertos do panorama nacional e internacional que presentarán as súas propostas sobre promoción da lectura. Máis información e descargas do programa e da inscrición aquí.

A Coruña: presentación de A ciencia no punto de mira

O venres 22 de outubro, a partir das 20:00 h.,  no Museo da Domus (rúa Santa Teresa, 1) da Coruña preséntase o libro de Jorge Mira A ciencia no punto de mira, publicado por Auga Editora. O acto contará coa presenza do autor, de Xosé Antonio Fraga, director dos Museos Científicos Coruñeses, e de Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias.