Cangas: presentación de A liña da vida, de Xosé María Álvarez Cáccamo
O 29 de novembro, ás 19:00 horas, na Libraría Wells de Cangas (Praza do Arco, 5), Xosé María Álvarez Cáccamo presenta A liña da vida, publicado por Chan da Pólvora. No acto, xunto ao autor, participan Luís López Alonso e Antón Lopo.
Roteiro literario por Ribeira. Os camiños do mar, con María Xesús Blanco, o 22 de decembro
O Roteiro literario por Ribeira. Os camiños do mar, guiado por María Xesús Blanco, é unha iniciativa da AELG subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Ribeira.
Esta proposta pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto completo deste roteiro estará dispoñíbel para a súa descarga nas seguintes semanas.
O roteiro presencial vai ter lugar o venres, sexta feira, 22 de decembro, a partir das 17:00 horas, tendo como punto de saída a Praza do Concello de Ribeira.
Agradecemos que a inscrición, libre e gratuíta, se faga previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org, indicando o nome deste roteiro, así como o nome e apelidos da(s) persoas(s) interesada(s) en participar como público. Hai un total de 30 prazas dispoñíbeis.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba xa ten obras gañadoras
“O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:
1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.
2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra Vaira e Cristal, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.”
María Reimóndez: “Vinme atropelada pola necesidade emocional de escribir esta novela”
Entrevista a María Reimóndez en Xerais:
“(…) – Xerais (X): Que buscabas cando sentaches a escribir esta novela?
– María Reimóndez (MR): Imaxino que buscaba unir os temas dó e boxeo. Ao estar pasando un proceso de perda moi agudo ábrese a interrogante de que pasa cando te enfrontas a esa situación noutros momentos da vida, a outras idades máis temperás, cando os recursos que tes e a situación vital son outros. A partir de aí empezou todo. Ademais, o boxeo é para min moi importante, aínda que pareza algo trivial. Apetecíame escribir sobre ese deporte, sobre ese espazo.
– X: O boxeo é fundamental no libro, como o son tamén os prexuízos. Esta obra demostra que os libros son unha ferramenta excepcional para derrubalos, non si?
– MR: En xeral, cando falamos de mulleres, de persoas con expresión de xénero non estereotípicas, o deporte é un espazo hostil. Pero curiosamente, na miña experiencia, o espazo menos hostil que atopei foi o boxeo, que popularmente ten a imaxe de deporte violento, moi masculinizado —coma se os demais non o estivesen—… Hai unha serie de prexuízos arredor do boxeo porque precisamente, e penso que isto é o paradoxal, os ximnasios de boxeo son os espazos que teñen moitos homes para saír de situacións de marxinalidade. A «xente de ben» ve o boxeo como algo violento porque o reducen a pegarlle a alguén, pero o máis importante do boxeo é que require moitísima disciplina e control mental. Por iso é un espazo para persoas que precisan un lugar seguro nunha vida revolta. A xente que ten problemas non se mete a boxear para liberar violencia, o que fai o boxeo é establecer unha serie de disciplinas simplemente porque é imposible combater se non tes unha forma física excelente. Iso require constancia e preparación. Contan as estratexias de combate, a habilidade… É un deporte moi complexo que moitas veces se resume a que dous se están pegando.
– X: Esa visión ten moito de clasismo…
– MR: Totalmente. Tamén de racismo, porque é un deporte asociado a persoas racializadas. Entre as rapazas que o practican hai mulleres xitanas e romanesas, algunhas delas xa teñen gañado algún campionato. Hai un caldo de cultivo para que haxa unha visión social que non se corresponde para nada coa realidade. (…)”
Compostela: presentación de A conto do político, de Alfredo Conde
Falece ‘Hematocrítico’, escritor, docente e coñecido tuiteiro coruñés
Desde Nós Diario (foto do autor desde Xerais):
“Esta segunda feira faleceu a causa dun infarto o coruñés Miguel López, moi coñecido nas redes sociais polos seus chíos como ‘Hematocrítico’, segundo anunciaron fontes da súa contorna e confirmou a través das redes sociais súa parella, a escritora Ledicia Costas. López, que tiña 47 anos, era escritor de libros infantís e xuvenís e profesor. Ademais, o coruñés tamén colaboraba en programas de radio e televisión, así como con diversas revistas.
Xerais lamentou o pasamento de López, que publicou nesta editorial libros como Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018), ilustrados por Alberto Vázquez; Rapunzel con piollos (2019), Alcaldesa vermella (2020), Vaia cabuxiño! (2021), Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023), ilustrados por Mar Villar; e A media hora dos recreos (2020) e Campións do mundo (2020), ilustrados por Albert Monteys.
En 2021 nace en Xerais a serie ‘Os Hematiños’, ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Na colección ‘Sopa de Libros’ é autor da novela Dona problemas (2023).
“O equipo de Xerais lamenta profundamente o pasamento de Hematocrítico e quere trasladar o seu agarimo á súa familia e seres queridos. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato”, escribiu a editorial na súa conta de X.
A de Xerais é unha das múltiples condolencias que están inzando no serán da segunda feira as redes sociais, con palabras de cariño e agradecemento ao docente, cuxos libros gozan de grande acollida entre a rapazada.”