A Coruña: Roteiro “Historias ocultas da música popular”, con Xurxo Souto

Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“Aínda que hoxe parezan ficar en silencio, as rúas da Coruña son protagonistas na historia da música popular galega: Dende a creación dos grandes coros até a revolución das pandeireteiras. Só cómpre comezar a camiñar –escoitar con atención– e as cantigas comezarán a agromar por todos os currunchos.
Percorreremos algunhas das rúas da Coruña desde a Pescaría a Monte Alto da man de Xurxo Souto, profesor, escritor, músico e sempre animador de proxectos culturais, o 4 de outubro a partir das 19:00 h.
O punto de saída será xunto á igrexa de Santo André, ao lado do cruceiro.
A inscrición pode realizarse aquí.”

Ciclo de conferencias sobre Literatura Infantil e Xuvenil 2024


A AELG colabora no Ciclo de conferencias sobre Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Universidade da Santiago ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

Esta actividade enfócase como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se levaron a cabo no seu formato habitual anterior.
Está orientada á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Terán lugar estes tres encontros:

– O 22 de outubro, de 16:00 a 19:00 horas, na Aula 14 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: O tratamento do espazo na Literatura Infantil e Xuvenil galega, con Ánxela Gracián.

– O 28 de outubro, de 12:00 a 13:30 horas, na Aula 52 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: O álbum ilustrado e a animación á lectura na LIX galega, con Carmen Ferreira.

– O 29 de outubro, de 19:00 a 20:30 horas, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Escribir coa memoria prestada: a influencia da literatura oral galega na Literatura Infantil e Xuvenil, con Ánxela Gracián.