Entrevista a Marta Dacosta no Instituto de Estudos Miñoráns

Entrevista a Marta Dacosta no Instituto de Estudos Miñoráns:
“1. Que che inspira a escribir?
Escribir é un impulso. Talvez a necesidade de reter unha emoción e, ao tempo, de enfrontala, colocala fóra de nós, para comprender as súas dimensións e consecuencias.
Se a pregunta é que motor pon en marcha ese mecanismo, son múltiples, todos os que producen un desequilibrio descendente ou ascendente: as inxustizas e a beleza, a dor ou a calma.
2. Cal é a palabra que mais che proe?
A lingua é tan rica que non me podo quedar con unha.
3. Como elixes os temas para as túas historias?
Xorden desa necesidade de capturar esa emoción. Na escrita poética ás veces é o tema o que nos atopa a nós. Quero dicir que non imos atrás dun tema que queiramos tratar, senón que os textos nacen e, daquela, descubrimos os temas que nos ocupan. Outras veces si que ideamos un fío argumental e temático que imos percorrendo, mais, no meu caso, non é o proceso habitual.
4. Poderías compartir algunha anécdota relacionada coa creación dun dos teus libros?
En relación coa pregunta anterior, cabería sinalar que a escrita de Argola foi deliberada e planificada, un libro que se escribiu nun outono cunha protagonista e unha historia que, cos avances arqueolóxicos, acabou por se adaptar ao lugar en que a imaxinei, a costa de Oia.
5. Cal é o teu libro favorito entre os que escribiches e por que?
Non teño un. Normalmente o último, porque te vas desprendendo dos anteriores até lelos coma se non fosen teus e recoñeces neles o que xa non escribirías.
6. Que é o máis bonito que che dixeron sobre a túa obra?
Pois non lembraba estas palabras do colega e amigo Rafa Vilar, mais revisando os inicios atopeinas. Escribiu isto en 2004 para a reedición do meu primeiro libro: “A poesía de Marta Dacosta é unha poesía intelixente en si mesma, que non abusa da carga retórica nin tampouco da tentación do sentimentalismo. Posúe unha gran forza expresiva, dada por unha construción da linguaxe na que o ritmo é crucial. En paralelo a isto, aborda os temas (tanto os universais como os máis propios e íntimos) con absoluta implicación, entregando uns poemas que zumegan autenticidade, lonxe de imposturas ou artificios vans.” (…)”

Foron entregados os premios do XXVIII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela

Desde Galiciaxá:
“O XXVIII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela entregou os seus premios a María Soledad García Riveiro, Xoán X. Piñeiro Cochón, Concepción Fernández López, Gabriel Estelrich Torrens e Patricia Torrado Queiruga.
Así, o primeiro premio de poesía foi para ‘As palabras son cinzas por soprar’ de María Soledad García Riveiro, o segundo premio de poesía foi para ‘Os trapecios terreais’ de Xoan X. Piñeiro Cochón, o primeiro premio de narrativa foi para ‘Follas dun caderno de coiro marrón’ de Concepción Fernández López e o segundo premio de narrativa foi para ‘Vamos con todo, Johnny’ de Gabriel Estelrich Torrens.
Por outra parte, houbo unha mención especial especial Camiño de Santiago para ‘Verba enxertada’ de Patricia Torrado Queiruga. Así, desde o Concello agradeceron a alta participación e a calidade das obras presentadas.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destacou durante o acto, celebrado no Centro Sociocultural que leva o nome dos galardóns, que este certame, “que leva o nome da provincia de Lugo lonxe das nosas fronteiras”, demostra a riqueza cultural e a capacidade dinamizadora do rural.”

Andrea Maceiras: “A calma non sempre é a emoción necesaria, precisamos todas as outras para ter vida plena”

Entrevista de Laura Veiga a Andrea Maceiras en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como encaixan os extraterrestres nunha historia que xira arredor da educación emocional?
– Andrea Maceiras (AM): Quería facer unha historia que falase das emocións, porque considero que é algo interesante e que se cadra non ten a importancia que debería ter. Con todo, quería falar do tema desde unha perspectiva moi desenfadada, con sentido do humor e con fantasía. Creo que o feito de introducir un personaxe así na historia, ademais de ser un elemento humorístico polos estragos que vai creando, permite observar as emocións desde unha perspectiva un pouco máis distante ou obxectiva.
No seu planeta todo está gobernado pola lei da perfecta calma porque se supón que é a emoción ideal. A medida que se vai desenvolvendo a historia tamén se vai desbotando esta idea e imos asumindo que todas as emocións forman parte de nós e que son igualmente importantes e perfectas.
Interesábame reflexionar sobre isto porque moitas veces temos a sensación de que estar en calma é o mellor, é o primeiro que nos piden cando estamos tristes ou enfadadas. As crianzas escoitan moito o de que teñen que calmarse. E non sempre é a emoción necesaria, precisamos de todas as outras para poder vivir unha vida plena. Están aí por algo.
– ND: Como actúa o personaxe para chegar a estas conclusións?
– AM: Fai unha especie de burbullas que permiten transitar as emocións. Son paisaxes metafóricas que permiten transitar esas emocións e permiten introducirse na parte máis profunda delas para tamén aprender a comprendelas e a xestionalas dalgunha maneira. A través destas burbullas, que son simulacións, as persoas poden acceder ao cerne das emocións e asumilas como parte do que somos. (…)”