

“O 29 de setembro, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), o grupo de investigación sobre Francisco Miguel e Syra Alonso e outras entidades da cidade, coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, convocan a cidadanía á homenaxe ao artista Francisco Miguel, asasinado polas forzas golpistas en 1936.
Durante o acto, os seus restos, exhumados pola ARMH en 2023, serán entregados á súa familia chegada desde México.
Convídase a toda a cidadanía a participar na segunda parte do acto.
Punto de encontro: Na confluencia da rúa Orillamar coa rúa Rafael Baixeras.
Hora de encontro: 12:20 h.
Descrición: Nese punto agardarase a chegada do ataúde para iniciar un cortexo cívico a pé, acompañando os restos do artista ata o cemiterio de Santo Amaro.
Enterro: O soterramento terá lugar no cemiterio de Santo Amaro ás 12:30 h.
A participación neste acto de xustiza e reparación está aberta a toda a cidadanía.”

Entrevista de Pilar G. Rego a Miguel Anxo Fernán-Vello no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“‘O vello agoniza e o novo canta tarda en chegar!’. Con esta frase ábrese Diarios, o libro que recolle os textos de Syra Alonso unha das máis importantes cronistas da represión franquista en Galicia.
Neste primeiro programa da temporada de Zigzag falaremos da figura de Syra Alonso e do seu marido, o pintor Francisco Miguel, que este mes son os homenaxeados en Coruña. Para falarnos deles convidamos a Miguel Anxo Fernán Vello, especialista na figura deste dous artistas esquecidos. A entrevista pode verse aquí.”

Desde Nós Diario (foto do mesmo medio):
“O noso labor como poetas non pode quedar alleo á ética do tempo: a poesía tamén ten unha dimensión cívica, ten que estar cos que sofren e confrontar o abuso do poder”, explica a poeta Eva Veiga en declaracións a Nós Diario en referencia ao xenocidio que Israel está a cometer sobre o pobo palestino.
Así é que un grupo de poetas, integrado pola propia Eva Veiga, Pilar Pallarés, Francisco Xosé Fernández Naval e Ignacio Val decidiron dar un paso adiante para expresar a condena das galegas e dos galegos ante o “crime contra a humanidade” que se está a cometer en Palestina. Esta sexta feira, a Subdelegación do Goberno español na Coruña acolleu a entrega do manifesto e das sinaturas recollidas desde o mes de agosto por iniciativa destes poetas, que entenden que “a poesía ten unha dimensión cívica fundamental”. “A poesía ten que corresponder á ética do tempo; ten que estar cos que sofren e ten que confrontar o uso da forza e o abuso do poder”, engade Veiga.
“Queríamos facer algo. Non só laiarnos do que estaba a pasar, senón actuar, porque sabemos que calquera acto por pequeno que sexa é importante”, valora a poeta. Tal é que, por exemplo, as diferentes protestas desenvolvidas ao longo do percorrido da Volta ciclista, contra o xenocidio e a participación do equipo Israel-Premier Tech na proba, desataron un intenso debate no seo do deporte, coa UEFA debatendo se expulsar os equipos israelís de todas as súas competicións.
Estes poetas tamén saíron á rúa “fronte á indiferenza”. “Saír á rúa e pedir sinaturas de maneira presencial, non online ou virtualmente, significa pedir un acto de responsabilidade. Porque no momento en que a xente deixa os seus datos nun papel, é un acto de responsabilidade”, explica Eva Veiga.
E máis alá de ser un acto cívico, foi un acto “na colectividade, na comunidade”. Como símbolo desta colectividade, Veiga, Pallarés, Fernández Naval e Val estiveron acompañados esta sexta feira de nomes recoñecidos de diferentes sectores da sociedade galega, como o adestrador Fernando Vázquez, a cantautora Sés, ‘o cura de Xestoso’, Luís Ángel Rodríguez Patiño, a actriz Isabel Risco, o ex reitor da UDC Xosé Luís Armesto, o investigador e integrante da RAG Xosé Luís Axeitos ou o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias.”
O manifesto entregado esta sexta feira na Subdelegación do Goberno español na Coruña denuncia que a situación en Gaza non é unha guerra nin unha catástrofe natural, senón “un xenocidio planificado” que procura a anexión total do territorio palestino. Asegura que Israel emprega a fame como arma de exterminio e lembra que, segundo a Unrwa, o 78% da poboación está no límite da fame, mentres que o 22% restante xa a sofre.
As persoas asinantes exixen ao Goberno español e á Unión Europea a imposición de sancións, a ruptura das relacións diplomáticas e comerciais con Israel e a cancelación do acordo de asociación UE-Israel, así como o procesamento de responsables políticos e militares israelís perante o Tribunal Penal Internacional.”