A Coruña: palestra “Xulio Sigüenza: un poeta entre a patria e a paisaxe”, con Romina Pereiro

“O xoves 30 de maio, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, Romina Pereiro ofrecerá a palestra “Xulio Sigüenza: un poeta entre a patria e a paisaxe”. Esta actividade fai parte do ciclo Aula aberta, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda en colaboración co grupo de investigación Illa da Universidade da Coruña. As persoas interesadas poden anotarse aquí.”

Xosé Carlos López Bernárdez gaña o XX Premio Cabanillas

Desde Nós Diario:
“O profesor, investigador literario e crítico de arte Xosé Carlos López Bernárdez recibirá o vindeiro 7 de xuño o XX Premio Cabanillas, que conceden o Concello de Cambados (O Salnés) e as librarías Contos e Ramón Cabanillas.
O xurado do premio recoñeceu Bernárdez pola súa edición do poemario Samos (Xerais, 2010) e Obra dramática de Ramón Cabanillas (Xerais, 2001), que realizou xunto a Manuel F. Vieites, constatando que o profesor e investigador de Vigo é “un bo coñecedor da obra do poeta cambadés”. (…)
Aínda que a libraría Ramón Cabanillas xa non está aberta ao público, nesta XX edición mantívose na organización do galardón. Con todo, desde a Concellaría de Cultura de Cambados sinalaron á posibilidade de incluír cambios en vindeiras edicións.
O Concello quere así “gañar implicacións” no premio para “facelo máis grande”, e estuda incluso engadir un novo premio ligado tamén a Cabanillas pero non só de investigación e divulgación da súa figura e obra, senón de creación literaria.””